O mellor actor do mundo estivo en Carnota

Nos derradeiros días de agosto de 2015, visitou Carnota, Fisterra e Muros aquel que considero o mellor actor vivo: o británico Ralph Fiennes. Por que escolleu vir a esta bela zona de Galicia?

Por Ramón Torrado | Ribeira | 19/07/2019

Comparte esta noticia
Este home é o malvado Amon na obra mestra de Steven Spielberg, A lista de Schindler. É o protagonista da futurista Días estraños de Kathryn Bigelow. El é o paciente inglés na película homónima de Anthony Minghella. El é un dos Hamlets máis respectados en Broadway e un sol na escena teatral inglesa. El é o heroe imprevisto que parece tan feliz – e quen non o estaría? – nas escenas de amor con Rachel Weisz en O xardineiro fiel. El é Voldemort na saga de Harry Potter.
 
A conexión deste portentoso actor con Galicia é a seguinte: ó igual que Richard Gere, o irmán pequeno de Ralph, Joseph (actor que encarnou a Shakespeare na pantalla grande) namorouse e casou cunha galega. Seguramente, Joseph recomendoulle Galicia ó seu irmán, e este tomou a decisión de pasar aquí uns días.
 
Non escolleu a zona de Trives onde está Joseph, senón a Costa da Morte e, en concreto, tomou como epicentro a vila de Carnota. Non escolleu mal, pois todo apunta a que encontrou un corazón máxico de Galicia.
 
Intrigado por saber como é este artista que segundo a prensa rosa inglesa ten unha biografía amorosa moi intensa e novelesca, fun a Carnota e preguntei por el no hotel onde se aloxou. O dono miroume con suspicacia, e díxome secamente: “xa se foi”. Hai nas redes unha foto de Fiennes con este empresario, e outra sacada en Muros con unha muller de Carnota que rexenta unha florería. Nas dúas imaxes, a súa vestimenta negra con tirantes trae á mente a imaxe de Sting no seu concerto coruñés en 1991. 
 
Muros é unha boa elección para visitar. Trátase dun enclave mariñeiro que ten unha fama concreta que se remonta á época de Rosalía de Castro: a da fermosura das súas mulleres. Dou fe dela, xa que na adolescencia namoreime de dúas muradanas. Vería Fiennes a silueta do Monte Louro?
 
Tamén decidiu o intelixente Ralph achegarse ó faro de Fisterra, punto que algúns sinalan como verdadeiro epílogo do Camiño de Santiago. Alí, podería sentir esa misteriosa sensación de ser a un tempo abrazado e asustado polo océano Atlántico.
 
Para chegar a Fisterra, ademais de cruzar Cee e Corcubión, o actor pasaría ó lado do Monte Pindo, o monte máxico do celtismo, unha conexión simbólica coas súas raíces, xa que el ten devanceiros irlandeses e escoceses.
 
Debaixo do Monte, o lugar de O Pindo ten as augas con máis beleza que coñezo en Galicia, cuns tons azuis e verdes de límpida elegancia que lembran a imaxes de praias caribeñas.
 
Finalmente, un detalle persoal. Cando eu era un neno duns sete anos, a miña irmá Carmiña volveu a casa, dunha excursión escolar á praia de Carnota, traendo de recordo dúas cunchas preciosas (daquela, non se sabía que non é ecolóxico recollelas). Quedoume como ilusión algo que aínda non se fixo realidade: ver algún día ese famoso areal, que sae mencionado xunto coas cunchas na miña novela de Rebeca. Non sei se Ralph Fiennes tivo ocasión de ver esa praia que é mítica para min, ou se viu o hórreo de Carnota, que rivaliza co do meu pobo por ser o máis grande. Se gusta, este inesquecible creador de ilusións no cine pode volver un día e saber máis de nós e da nosa terra. De calquera forma, a súa sorprendente presenza aquí demostra o poder do imprevisible.    
 

O actor inglés Ralph Fiennes
O actor inglés Ralph Fiennes | Fonte: fanworld.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. A súa última novela é Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018)".