Ábrese unha nova fronte contra a Xunta pola longa lista de agarda en servizos sociais e dependencia

vogados critican o "atraso inxustificable" en valoracións de discapacidade e UGT e CC.OO. reclaman ante as patronal condicións laborais "dignas" para os traballadores do sector da dependencia. Feijóo di que se incrementaron en 16 os equipos de valoración e se baixaron un 30% as listas de agarda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2019 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

A Xunta suma unha nova fronte de problemas. Ás listas de agarda e os problemas na sanidade e na educación, súmanse agora tamén novas críticas desde distintos sectores pola situación dos servizos sociais. Así, tras as denuncias das grandes listas de agarda neste sector do Colexio de Traballo Social de Galicia, súmanse agora as do Colexio de Avogados de Galicia e as dos sindicatos UGT e CC.OO.

Persoa dependente
Persoa dependente | Fonte: EP

Se este mércores eran os traballadores os que cualificaban de "papel mollado" o compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, coa discapacidade, este xoves era o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Francisco José Rabuñal, quen denunciaba a "saturación", o "atraso inxustificado" nas valoracións e a falta de órganos especializados na materia como os problemas máis destacados no seu ámbito de traballo en materia de discapacidade e dependencia.


Así o dixo durante a súa intervención na comisión non permanente do Parlamento de Galicia en relación a políticas de discapacidade, onde comezou a súa intervención suliñando que o problema existente "non é a normativa", se non "como se aplica", así como os fondos orzamentarios. Tamén apuntou que outro "gran problema" neste ámbito é o "atraso inxustificable" por parte da Administración nas valoracións de discapacidade e dependencia, que "baixou un pouco ao longo deste ano" grazas aos reforzos, pero mantense "mesmo durante anos" nalgúns puntos de Galicia.

O decano do colexio de avogados lembrou que estas valoracións dan acceso a este colectivo a "beneficios moi importantes, ás veces imprescindibles" e destacou que "moito" dese atraso "poderíase eliminar cunha boa coordinación entre as administracións con competencia na materia".

SINDICATOS

Tamén os sindicatos UGT e Comisións Obreiras (CC.OO.) reclamaron ante a sede da patronal galega que as empresas privadas establezan condicións laborais "dignas" para as traballadoras e traballadores do sector da dependencia. Este xoves, convocados polos sindicatos, unha vintena de persoas concentráronse fronte á sede da Confederación de Empresarios de Galicia, na Rúa do Vilar de Santiago, para protestar contra as condicións dos empregados de dependencia.

Así, a través dun comunicado, as centrais sinalan que son as empresas privadas as que atenden "maioritariamente" este servizo debido á "ausencia" dun servizo público "suficiente" para xestionar as prestacións que outorga a Lei de Dependencia. Deste xeito, critican que as empresas utilicen "o camiño máis fácil" para obter ingresos: "aumentar xornadas, diminuír salarios e recortar dereitos".

Concentración convocada por UGT e CC.OO. Ante a sede da CEG en Santiago para protestar polas condicións laborais no sector da dependencia. UXT
Concentración convocada por UGT e CC.OO. Ante a sede da CEG en Santiago para protestar polas condicións laborais no sector da dependencia. UXT | Fonte: Europa Press

RESPOSTA DE FEIJÓO

Preguntado por Galicia Confidencial na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta sobre estas críticas, Feijóo destacou que o seu goberno "incrementou en 16" os grupos de valoración de casos de dependencia  e se baixaron as listas de agarda nun 30%. "É evidente que hai listas de agarda pero por iso aumentamos os servizos de avaliación", suliñou.

"Isto é preocupante", engadiu ao tempo que atacou ao Goberno central a quen acusou de financiar "só" o 24% dos servizos da dependencia. "Ten unha factura pendente coa dependencia de Galicia de 200 millóns de euros cada ano. E isto é unha dificultade porque con dieñiro todo se pode solucionar e sen diñeiro, nada", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta