Por Valentin Carrera | Compostela | 12/09/2012
O PSOE coruñés é unha lista interminable de presuntos líderes cuxos simpatizantes caben nun taxi, como dicía o lúcido Garrigues. Os históricos resistindo a xubilación anticipada: Paco Vázquez, Romeu, Moreda, Bugallo. Os díscolos e protestóns, castigados mirando á parede: Iván Puentes, Xaquín Leiceaga, Mar Barcón, Beatriz Sestayo e especialmente Lage, o parlamentario socialista máis activo e traballador da pasada lexislatura. O que queira repetir, que se estea quedo e caladiño.
De súpeto aterra na provincia, sen o paracaídas de ministro, outro ex, Caamaño, como un elefante nunha cacharreira. Non ten toda a culpa, porque o socialismo coruñés xa estaba agonizante, pero Caamaño rematouno. O tiro de graza é a súa lista ás autonómicas do 21 de Outubro, emendadas por Pachi Vázquez para forzar a inclusión de Romeu e consumar a exclusión de Lage: dous erros graves. Todo iso no medio dun xogo sucio de ameazas, presións con militantes á porta, chantaxes e guerra declarada en Twitter, onde as bases falan con liberdade.
Todo iso cun tufo de personalismos, intereses privados, vetos, desquites, mancadelas. Todo amparado por un concepto viciado de democracia interna que apenas observa as formalidades, pero cárgase todo debate e afoga toda discrepancia (Comité Nacional á búlgara: 218 votos a favor, 30 abstencións, nin un só voto en contra).
Con este estado de cousas, ¿algún socialista coruñés terá ilusión para pegar carteis e pedir o voto de porta en porta? Caamaño, Romeu, Sestayo, Bugallo, ¿serán capaces de transmitir unha soa idea nova, atractiva, ilusionante, aos seus posibles votantes? Eu creo que non.
De solucións aos problemas de Galicia, xa nin se fala; isto é o máis grave: o que lle está pasando ao PSOE coruñés non lle importa a ninguén máis que a eles mesmos e ao seu embigo. Viven de costas á sociedade. Ninguén se sorprenda de que a sociedade lles de o finiquito. @Tornarratos