O valor do xornalismo de investigación

A Gonzalo López Alba, xornalista exemplar, in memoriam.

Por Valentin Carrera | Compostela | 10/02/2018

Comparte esta noticia

2013 foi un annus horribilis para a gran grandísima empresa Pescanova, “a primeira multinacional de España e quinta do mundo”, dicían os pavos, unha ficción de cartón pedra, oca por dentro, un auténtico queixo de gruyer que se derrubou deixando un buraco similar ao pelotazo de Banesto, de case 4.000 millóns de euros.

Asistín ao derrube en primeira liña: o 1 de marzo Pescanova entrou en preconcurso, a CNMV suspendeu a cotización e en abril chegaron as querellas que o xuíz Ruz admitiu o 23 de maio de 2013. Para entón, eu xa estaba traballando en “Pescanova Crime Perfecto”, libro que lles recomendo si queren saber como rouban os delincuentes de colo branco.

A investigación xornalística durou seis meses, en quente, con todas as frontes sangrando nos titulares; momentos delicados cos paxaros soltos, con plena liberdade de movementos e cómplices moi poderosos, incluídas altas instancias do PPoder: nas ceas electorais de Fraga, no lendario Casa Vilas, Sousa sentábase á dereita do patrón.

Aquel foi un verán sen piscina, sen pestanexar ante o ordenador: indagando a web da CNMV, cruzando balances, rastrexando paraísos fiscais. A indagación tiña riscos: tiven presións dalgún conselleiro, hoxe imputado, que buscou un contacto para darme a súa versión. Escoiteina con gusto, era o meu deber (tamén pedín a súa versión a Sousa e á empresa, pero non me quixeron atender). Un detective contratado por un fondo de Luxemburgo viaxou desde Barcelona en busca de certa información confidencial, que non lle dei. Outra fonte pasoume un dossier con centos de mails privados de Sousa, incluíndo fotos obscenas que nunca publiquei. Non me incumbe a súa vida privada e unha foto en pelotas non aporta nada ao perímetro da monumental estafa, aínda que algún deses mails son relevantes porque confirman delitos graves, pero tamén os ten o xuíz.

O xuíz da Audiencia Nacional José de la Mata, que acaba de dictar un auto contundente polo que senta no banquiño a 19 imputados: Sousa, a súa muller, o seu fillo, o seu irmán e o seu cuñado Paz Andrade, Pérez-Nievas, Joaquín Viña, Uroz, os catro testaferros “apoderados en notarías de confianza”, a auditora BDO —cega, xorda e muda— e once sociedades do holding. Todos, con nomes e apelidos, e os seus méritos penais, figuran nas primeiras páxinas do meu libro. Tras catro anos e medio de investigación, o xuíz impútalles “delitos de falseamiento de contas anuais, falseamiento de información económica e financeira, estafa, alzamiento de bens ou blanqueo de capitais, insolvencia punible, falsedad en documento mercantil, uso de información relevante e impedimento da actuación do organismo superior”.

“Pescanova Crime Perfecto” describe a contabilidade creativa planeada por Sousa, o inventor da “merluza virtual”, un artista; unha estafa piramidal que agora o xuíz ratifica punto por punto. “Para acumular a débeda de 3.674 millóns de euros en dez anos —escribín en 2013—, Pescanova tivo que endebedarse a un ritmo de 367 millóns por ano, un millón de euros ao día durante 3.674 días, incluídos sábados, domingos e festas de gardar. Un millón diario nas alcantarillas financeiras: 42.000 € á hora, 700 e ao minuto, 12 € por segundo, e todo cun 80% de facturas falsas”. “En materia de créditos documentarios —ratifica o auto xudicial— o importe total do financiamento mediante toda esta “papelería” falsa, superou os mil millóns de euros en 2010 e 2011, e chegou en 2012 a 1.857.000.000”.

Non é fácil mangar ¡un millón de euros ao día! Como se pode xirar papel pelota por 1.857 millóns/€ sen que ninguén se decate, dentro e fóra da empresa: comités de risco de banca, avalistas, auditores, registradores, notarios de confianza, CNMV, órganos de control? Todos foron cegos e xordos? Ou eran muditos ben pagos?

Fíxenme moitas preguntas naqueles meses de xornalismo apaixonante, un luxo para quen ten vocación desde adolescente. Preguntas que seguen sen resposta: a familia se foi a Bahamas —publican sen pudor luxosas fotos en Facebook— e Sousa acaba de fichar por unha empresa de Arabia Saudita; e por aí seguen, gozando da vida, da presunción de inocencia e da lentitude da xustiza… sen pisar o cárcere.

A peza separada que abre o Xuíz á muller e dous fillos de Sousa ¡mete medo!: detalla os millóns e millóns bloqueados polo xulgado en contas en Andorra e Panamá, “ingresos en efectivo de 1.517.000€”; quen anda pola rúa con 1.517.000e en efectivo? Para eles, os protexidos que toman o sol en Bahamas ou en Arabia Saudita, non existe o risco de fuga nin a destrución de probas, nin a reincidencia, nin o arrepentimiento e devolución do roubado, nin as présas con que se escarmenta a outros por terra mar e aire, ata por un simple tuit. A Xustiza non é igual para todos.
A reflexión final é sobre o valor do xornalismo de investigación: si non fose por todos os xornalistas e medios, mesmo Galicia Confidencial, que en 2013 aireamos o Caso Pescanova, denunciando a monstruosa estafa piramidal ante a opinión pública, todo quedaría nalgún despacho collendo po ata a prescripción: os untadores como Sousa teñen a algúns políticos pillados, digo pagados polos ovos; e contratan avogados carísimos, expertos en nulidades, roubos de sumarios e prescripciones estrañas.

O xornalismo cumpriu o seu deber: contar os feitos, documentar datos, abrir as alcantarillas, poñer o foco na merda das súas falsas empresas, da súa merluza virtual e das súas contas secretas. Pola miña banda, seguirei facendo xornalismo como no caso Pescanova —ninguén corrixiu un só dato do libro—, denunciando esas empresas tóxicas e obscenas, aínda que reciba demandas e ataques nas redes: vostedes son os ilegais e os antisistema. “Non tinc por”, que en terra de grelos tradúcese: “Non teño medo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].