A herdanza de Rajoy: envelenada e caótica

Tranquilidade, moita tranquilidade. Recórdovos a frase do pensador estoico compostelán Laureano Otero cando alguén, xa fora crente ou resignado, dicía: “Estamos nas mans de Deus”.

Por Valentin Carrera | Compostela | 21/12/2015

Comparte esta noticia
—¡Pois calquera bobo faríao mellor!
 
Levamos catro anos nas mans de Mariano Rajoy e calquera básico o faría mellor. Cando tomou o poder, o 20 de novembro de 2011, ¡que distinta a foto no balcón de Génova, bicando a Viri nos beizos!, aceptou a herdanza de Zapatero a beneficio de inventario. “Sei moi ben o que nos toca”, dixo, e ao día seguinte de rematar o traspaso de poderes que Soraya cualificou de “modélico e moi transparente”, comezou a impugnar aquela herdanza recibida e a sacar facturas atrasadas. 
 
Nestes catro anos, cada vez que algo se torcía, ao PP bastáballe con invocar a herdanza de Zapatero nos medios adictos ao réxime e eludir responsabilidades. Hoxe é o momento de pasar páxina e comezar a falar en serio da herdanza de Rajoy.
 
Durante a longa campaña, Rajoy e o PP moveron o espantallo do medo, ¡nós ou o caos! (como diría El Roto: “¡Pero si o caos sodes vós!”), e agora, lonxe de recoñecer o fracaso que onte sobrevoaba Génova, como unha boina da corrupción sobre o ceo de Madrid, volveron tentar asustarnos: ¡Incerteza! ¡Inestabilidade! ¡Cómecho todo, neno, que vén o Sacamantecas!
 
Algúns xornais máis marianistas que Mariano permitíronse abroncar ao pobo por votar mal, por equivocarnos. ¡Torpes, que sodes uns torpes e metestes ao país nun calello sen saída, co ben que iamos!
 
O cinismo en estado puro. Rajoy déixanos unha herdanza cojonuda: máis de catro millóns de parados, un de cada tres cidadáns en risco de pobreza (datos oficiais INE), a débeda máis alta da nosa historia (1.040 billóns €); un sistema educativo á deriva, sen lei nin Norte; sanidade e dependencia desmanteladas ou privatizadas; incendiar o contencioso catalán para sacar réditos electorais miserábeis.
 
Durante estes catro anos, Mariano Rajoy foi o tapón do sumidoiro: inmobilismo absoluto coa lei Wert, con Cataluña, coa reforma laboral, coa reforma da Constitución, con todo. Onte votamos quitar o tapón para que saian as augas sucias e os pousos. Unha lexislatura perdida vaise polo sumidoiro: esta é a herdanza de Rajoy.
 
De modo que tranquilidade. Vaise o caos e a desorde, o incendiario de Cataluña, o dogmático constitucional, o autoritario, o recortador ríxido, o autista de plasma, un goberno mediocre, enfermo e enfermizo.
 
¡Vaia que si acertamos! España parécese moi pouco ao rexistrador da propiedade Rajoy e ao PP de ordeno e mando. O resultado das urnas o 20D é san, plural, discrepante, multicolor, moito máis fiel á realidade social. Os políticos terán que aprender a dialogar e convivir como fai o resto do país: respecto e convivencia multicolor na familia, na comunidade de veciños, na escola, no barrio, no estadio, na igrexa e na mesquita, nos medios de comunicación. 
 
Tranquilidade. A sociedade española, plural e libre, repudia a herdanza envelenada e caótica de Mariano Rajoy e invítalle a un traspaso de poderes “modélico e transparente”. @ValentinCarrera

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].