S-Abengoa, con S de saqueo

A pregunta non é só por que o crash de ABENGOA, senón ¿cal será a próxima en caer?, dada a credibilidade cero do tinglado mercantil español. Repítese o crime de Pescanova. Andan por aí contando que resucitou a morta, pero non se crean nada: a Banca comeuse un marrón de miles de millóns e agora a gran boa constritor dixire a débeda con acidez.

Por Valentin Carrera | Compostela | 01/12/2015

Comparte esta noticia

Con Pescanova a CNMV non se decatou de nada e nada fixo antes, durante nin despois. Ninguén esixiu responsabilidades políticas e profesionais, ¡que alto cotiza a torpeza entre os executivos do Goberno e do IBEX35!; e aí segue dona Elvira, como a filla do Cid Campeador, que neste caso é nada menos que don Rodrigo Rato.

ABENGOA (empecemos a escribilo con “S” de saqueo: SABENGOA): 21 anos de auditorías limpas, de 1993 a 2014,deles dezaoito anos consecutivos auditada por Price Waterhouse e os tres últimos por Deloitte. Opinión do auditor: “Limpa, limpa, limpa” e así 21 veces [web da CNMV].Situación da empresa: creba.

ABENGOA: 9.000 millóns de débeda e o que apareza nos caixóns,o maior concurso de acredores da historia. Na ponte de mando estes vinte anos: a familia Benjumea, José Borrell, José Terceiro, Alberto Aza (ao cesar na Casa Real), Aznar (contrato con Libia), Rafael Escuredo, Luis Solana, Carlos de Borbón. O paraíso do lobby, a casta e a porta xiratoria. Remuneración de Manuel Sánchez Ortega e Felipe Benjumea: 4.484.000€ cada un por afundir o barco, ademais de plans de pensións, tarxetas de cores e outras vainas.

¿Que disparate de capitalismo de amiguetes é este? ¿Que se paga? ¿A inutilidade, a fraude, a conivencia, a complicidade, o silencio? Todo xunto e a bo prezo, con diñeiro alleo, porque eses 9.000 millóns de débeda (5.469 millóns a provedores) e ese pasivo de 24.740 millóns que xerou un equipo de insolventes, ímonolos comer todos. O ICO xa empezou a preparar o osíxeno e o desfibrilador.

¿Está boba a Banca ou que? ¿Onde están os comités de risco e os analistas? Isto sabíase, ¡sabíase! BNP Paribas advertiuno nuninforme demoledor en 2014, pero seguiu a festa e o presidente do Consello, Felipe Benjumea, embolsou 11,4 millóns de euros pola súa cara bonita.

¿CNMV? ¿Banco de España? ¿Auditorías? ¿Vixiancia? ¿Códigos de bo goberno? ¿Especialistas en cloacas? ¿Como se chega a este estado de cousas? Desde logo, cun sistema mercantil ficticio e unha CNMV cega, xorda e muda, cuxa Presidenta debería ser fulminada.

Pero non se crean que Pescanova e SABENGOA son excepcións: o IBEX35 (agora IBEX34 e caendo) está podre e en creba. Vinte e un anos con auditorías “limpas” son un retorcimento da lei e unha vergonza que se repite noutras moitas grandes empresas. ¿Que inversor internacional serio vai crer esas auditorías-ficción? ¿Falamos de como se salvou acreba de PRISA,  incursa en causa de disolución, ou da situación crítica do Corte Inglés, etc.?

Todos eles son a Marca Saqueo España, os que nos dan leccións aos pobres de como axustar o noso soldo, mentres eles seguen celebrando a súa festa ao grande co noso diñeiro.@ValentinCarrera

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].