Siria: o Parlamento e a cidadanía non estamos en funcións

“Non podemos facer outra cousa. Estamos en funcións”, recita a vicepresidenta Soraya a súa mantra da vergonza sobre os refuxiados sirios.

Por Valentin Carrera | Compostela | 16/03/2016

Comparte esta noticia

Cada vez que a vicepresidenta Soraya comparece en Moncloa co garrote vil na man para meter unha mocada a Catalunya e nos lembra que “a lei é a lei”, repaso as decenas de leis, normas e dereitos fundamentais que o seu Goberno incumpre a diario.

Este Goberno e todos os anteriores póñense por monteira desde o dereito ao traballo ata o non menos básico dereito a unha vivenda digna —laminando a función social da propiedade proclamada na Constitución—, pasando por un longo etcétera, cunha falta de sensibilidade e escrúpulos dignas do filonazi Mr. Trump.

Anestesian ao persoal cunha televisión pornográfica (programas de servizo público como Corazón en TVE ou lixos tipo Sálvame e Gran Irmán), moito fútbol acotío e abundantes noticias de sucesos, canto máis sangue, mellor. Sen esquecernos do Tempo, que desde a época de Mariano Medina prestou grandes servizos ao réxime e permítenos subir e baixar no ascensor ben documentados.

O Goberno se pon de perfil mentres se fusilan dereitos fundamentais dos estúpidos votantes (en especial dos votantes equivocados, que son aínda máis estúpidos); pero si se trata de xentes afastadas, como os refuxiados sirios, entón o Goberno ponse directamente en fronte: “¡Santiago y cierra España!”.
—Outra cousa non podemos facer, estamos en funcións —afirma a Vicepresidenta, mentres coa patiña asina a prórroga de sesenta anos para que Celulosas siga podrecendo a ría de Pontevedra.
—Outra cousa non podemos facer —repiten a un tempo os gobernos europeos, líderes mundiais na Bolsa da Hipocrisía e a Infamia, mentres co pezuño pagan fondos de reptiles a Turquía para converter o seu territorio nun campo de internamento.


“A lei é a lei”, pero nola refanfinfla: a Declaración Universal dos DereitosHumanos, a Convención de Xenebra, os tratados internacionais, a dignidade e a conciencia de cada quen… todo importa un grelo: os sátrapas europeos, incluídos os nosos sátrapas en funcións, decidiron conter aos refuxiados sirios nun novo Guantánamo ás portas de Europa: —Amado demócrata Erdogan: ¡pecha a muralla!

Primeiro os países ármanse ata os dentes (1,8 billóns de dólares en 2014, cantidade que resolvería o fame e as epidemias no mundo e aforraríanos inmensos sufrimentos), logo invádense os países que teñan gas e petróleo, ou se sosteñen monicreques sanguentos como Gadafi, Bin Laden ou Bashar o-Ásad; e o desastre final deste modus operandi é unha “crise humanitaria”.

¿Que está pasando no Mediterráneo?, pregunta na súa web Médicos sen Fronteiras: 150.000 persoas rescatadas nun ano pola Operación Mare Nostrum. Coma se collésemos a todos os veciños e veciñas de Lugo ou de Ourense e os meteramos en pateras… salvo que son sirios, eritreos, afgáns, somalís ou nixerianos; e iso importa menos que nada: “Na Unión Europea as persoas teñen menos dereitos que os animais”.

Con cinco millóns de refuxiados sirios, os países vendedores de armas reúnense en Xenebra para discutir si bombardean Siria un pouquiño máis acó ou máis aló do meridiano Horror. Segundo Amnistía Internacional, Alemania prometeu acoller 39.987 sirios e os 26 países restantes da UE (incluída España) un total de 30.903 prazas de reasentamento. Menos do 0,7% dos refuxiados.

Esta é a vergonza de gobernantes europeos que temos. En España, o Consello de Ministros da Infamia aprobou en novembro pasado o (ollo ao rimbombante título) “Programa Nacional de Reasentamento de Refuxiados en España para 2015”: 724 persoas, das que xa acollemos dezaoito, que corren o risco de ser expulsados si non se integran antes de seis meses.
¡Dezaoito de cinco millóns de vítimas inocentes!, pero na UE, coa bendición do Goberno Rajoy, hai 3.000 millóns de euros dispostos para que Ankara faga o traballo sucio: “Somos socios” (Mogherini, xefa da diplomacia europea).

“Non podemos facer outra cousa. Estamos en funcións”, recita Soraya a súa mantra da vergonza. Pero sí podemos facer outra cousa: o Parlamento e a cidadanía non estamos en funcións.@ValentinCarrera

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].