Rajoy regala a Sánchez un sorriso do destino

Normalidade democrática ante a investidura de Pedro Sánchez.

Por Valentin Carrera | Compostela | 26/02/2016

Comparte esta noticia

A situación agónica e desesperada do Partido Popular –imputable máis ás súas torpezas que a méritos alleos– proxecta unha sombra terrible de dúbidas, medos e ameazas sobre o proceso de negociación da investidura do novo presidente de Goberno. Un proceso absolutamente normal en tódalas democracias parlamentarias.

O que está pasando en España non é un cataclismo nin un tsunami: deixemos ao carón as verbas graves e os exabruptos. Salvo a espantada de Rajoy, que non ten precedentes e é claramente inconstitucional, todo o demais transcorre dentro das canles propias dun parlamento, gústenos ou non como se están levando a cabo as conversas públicas, segredas, a media voz, as rodas de prensa e desmentidos das vedetes, os amagos, puñadas á mandíbula e outras carantoñas. Follas caídas.

Non hai un manual de estilo sobre como negociar a investidura: si a cousa acaba ben e conséguese un goberno con maioría parlamentaria que resista toda a lexislatura, o camiño escolleito é o bo, por tortuoso que pareza. E si a cousa descarrila, haberá que reexaminar o método. Teño o presentimento (pero un pálpito non é un diagnóstico) de que Pedro Sánchez será o próximo presidente do Goberno de España e paréceme ben. “Calquera cousa” será mellor que a inestabilidade crónica, a corrupción elevada a categoría de “Rita, ti es a mellor”, a desigualdade insoportable e a débeda máis alta da nosa historia xeradas polo desgoberno de Rajoy.

En poucos días poderemos avaliar si o método Pedro foi eficaz a curto prazo; e dentro dun, dous ou catro anos poderemos valorar si había ou non vimbios para unha lexislatura. Pero convén sosegar o barullo mediático, as voces histéricas dos Rafas Hernando enviados cada mañá por Génova a asaltar os baluartes mediáticos e sementar o pánico: ¡Que vén o lobo! Desde a súa soberbia, trátannos a todos como parvos e aos seus votantes máis anciáns como a nenos. ¡Que falta de respecto!

O profesor Antonio Robles Egea, da Universidade de Granada, estudou a negociación previa á investidura de Aznar en 1996 (Negociacións, payoffs e estabilidade dos gobernos de coalición), pacto polo que ninguén daba un duro o 3 de marzo de 1996, tras unha campaña a cara de can na que o popular Vidal Quadras comparou a CiU con ETA e a muchachada de Génova coreaba “Pujol, enano, habla castellano”. Pintaba moi costa arriba, pero fronte á indolencia zángana de Rajoy, Aznar arremangouse e, en dous meses exactos, o 4 de maio de 1996 foi investido presidente e gobernou con estabilidade toda a lexislatura, cos apoios de (os proetarras) CiU, do PNV e de Coalición Canaria. Non só non romperon España, senón que xuntos a recentralizaron.

“As negociacións –escribe o profesor Robles Egea- son claves en todo o proceso político democrático ao garantir o principio instrumental da democracia: o diálogo”. Pujol esixiu que o PP se retractase das súas descalificacións e Aznar necesitou “un cambio radical de discurso” para alcanzar obxectivos políticos compartidos (por exemplo, a cesión do 30% do IRPF e outros impostos a Cataluña: foi o fin do café para todos).

As liñas vermellas diluíronse nos Pactos de Investidura e gobernabilidade que “sentaron bases sólidas e certezas profundas na planificación da actividade gobernamental dos próximos catro anos”.

Ese método Aznar, baseado no diálogo, con cambio de discurso e marcha atrás, funcionou en 1996 e houbo, conclúe Robles Egea, “un goberno minoritario con apoio parlamentario de maioría absoluta, conformada por unha coalición de varios partidos”.

A incapacidade de Rajoy para o diálogo e para entender o que está pasando no país (tal é o seu autismo e desconexión), deu a Pedro Sánchez unha oportunidade de ouro. Pero non se confundan os ventiladores do medo: non é Pablo Iglesias quen lle regala a Sánchez este sorriso do destino. Todo o mérito é de Mariano Rajoy. E no PP xa o saben… @ValentinCarrera

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].