Ameazan con demandas á Xunta e ás promotoras do Son do Camiño por non aclarar se suspenden o festival

Unha iniciativa en 'Change.org' suma firmas para que se aclare a situación e que se inicie a devolución dos cartos dos abonos e entradas. O alcalde de Santiago considera que se trata dun asunto "delicado" e dá por feito que "se está xestionando".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2020 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

Unha iniciativa na plataforma en liña 'Change.org' solicita firmas para demandar á Xunta e ás promotoras Esmerarte e Old Navy que aclaren se finalmente terá lugar o festival O Son do Camiño, previsto para mediados do mes de xuño no compostelán Monte do Gozo.

O Son do Camiño.
O Son do Camiño.

Ante a incerteza xerada pola crise do coronavirus e a súa evolución durante as próximas semanas, un grupo de persoas que posúen entradas para o evento informan de que traballan na creación dunha asociación de "afectados" que ameaza con presentar demandas contra as empresas organizadoras e a Administración galega por non despexar se a celebración do festival terá lugar.

Así, solicitan a devolución do diñeiro dos abonos e entradas para a cita, tendo en conta que consideran que, ante o panorama actual, resulta imposible que teña lugar un evento que prevé reunir 30.000 persoas no recinto do Monte do Gozo.

Lembran que o coronavirus e as restricións gobernamentais para evitar a súa propagación xa supuxeron a cancelación e suspensión de eventos para os próximos meses e que mesmo provocou que o Goberno portugués ditase a prohición de festivais durante o verán.

"Puxémonos en contacto coa empresa e dinnos que eles non decidiron cancelar ata que o diga o Goberno e parécenos unha tomadura de pelo", sinalan os promotores da iniciativa, que lembran que o festival O Son do Camiño está finaciado "con millóns de euros de diñeiro público". "Parece mentira que, aínda así, non estean en disposición de dar información clara e devolvernos o diñeiro da entrada", inciden.

A comezos do mes de abril, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, manifestou que a celebración do festival era "practicamente imposible". Con todo, a suspensión oficial da cita aínda non se produciu, do mesmo xeito que a doutras datas sinaladas do calendario de festivais do verán galego como o Resurrection Fest de Viveiro, tamén pendente dunha decisión definitiva sobre a súa celebración.

ALCALDE DE SANTIAGO

Este luns, o alcalde santiagués, Xosé Sánchez Bugallo, referiuse a este asunto. Preguntado pola suspensión de concertos en Santiago e polas posibilidades do Son do Camiño, o alcalde recoñeceu que se trata dun tema "delicado", sobre todo coas empresas de seguros e trátase dun proceso "complexo" con "moitos recursos económicos".

"Imaxino que están a tomar unha decisión e dou por suposto que se está xestionando", insistiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta