Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/06/2020 | Actualizada ás 01:01
Comeza unha campaña histórica. Histórica en moitos sentidos pero, sobre todo, porque é a primeira vez na historia que se celebra tras tres meses de ser suspendidas e, aínda, no medio dunha lenta recuperación dunha pandemia sanitaria, a da Covid-19, que aínda non albisca o seu fin.
E nesas eleccións históricas hai dous únicos camiños, unha dereita que busca facer de Feijóo un novo Fraga, e unha esquerda que só pode pensar en reeditar o único goberno de progreso que houbo en vinte anos, o do bipartito, que agora podería ser tripartito, ou menos cuatripartito. Por iso, neste contexto, a mobilización é fundamental. E a esa mobilización apelaron todos os dirixentes políticos, tanto os da dereita, como os da esquerda.
PPdeG
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu unha participación masiva para "elixir o mellor para Galicia entre as dúas opcións posibles". Así, dixo que, o vindeiro 12 de xullo, os galegos están chamados a escoller "entre un multipartito ou un goberno, a inestabilidade ou a estabilidade, experimentos ou a experiencia ou entre ir á contra ou a unión de todos a favor dun futuro certo para Galicia".
Durante a tradicional pegada de carteis na Coruña, instou a non dar nada por feito e acudir ás urnas. Neste punto, garantiu que, tras tomarse todas as medidas, poderase votar con total tranquilidade e normalidade; e afeou aos que pretender meter medo ou desanimar a facelo. “A miña campaña será programa; o meu día a día, propostas; e os próximos catro anos, xestión”, indicou Feijóo, quen apuntou, unha vez máis, que non ten máis prioridade que Galicia.
PSdeG
Pola súa banda, o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, solicitou o voto por primeira vez nesta campaña electoral a todos os que apoiaron aos socialistas nas distintas citas electorais do ano pasado, cando o seu partido logrou vencer por primeira vez o PP en Galicia.
"Temos a forza para gañar e gobernar Galicia", proclamou na tradicional pegada de carteis que esta medianoite celebrou o PSdeG en Santiago de Compostela, xunto co alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, e a número dous da candidatura socialista pola provincia da Coruña, Noa Díaz. Caballero convidou o electorado galego a mobilizarse para poñer un presidente socialista á fronte da Xunta "para construír o progreso e dar un futuro de oportunidades a Galicia".
BNG
Tamén o BNG chamou, no arranque da campaña electoral, á mobilización nas urnas o próximo 12 de xullo, co obxectivo de "facer historia" en Galicia, situando "por primeira vez" a unha "muller" na Presidencia da Xunta e "nacionalista". "O BNG é a única alternativa para derrotar o PP", advertiu a súa candidata, Ana Pontón.
Así, dirixiuse a todas as persoas que queren un cambio "real" a que acudan ás urnas a "expresalo cunha mobilización masiva da man do BNG", co obxectivo de "construír unha nova Galicia".
GALICIA EN COMÚN
Nesta liña, o candidato de Galicia En Común-Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, sinalou as eleccións autonómicas que se celebrarán o próximo 12 de xullo como un "reto histórico" para finalizar os "anos perdidos" na comunidade polo goberno do Partido Popular.
Así, nun acto en Vigo, destacou que a cita electoral representa un "reto histórico" para as forzas progresistas e "o conxunto da cidadanía", que poderá pór fin aos "recortes e privatizacións" aplicados na sanidade e a educación polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.
MAREA GALEGUISTA
A Marea Galeguista deu o pistoletazo de saída a esta campaña electoral na santiaguesa Praza 8 de Marzo. O candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Pancho Casal, acompañado pola cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Peque González, reivindicaron “as potencialidades de Galicia como país” e puxeron o foco “nas emerxencias social, feminista, ambiental e democrática que vive Galicia”.
CIUDADANOS
"Os galegos teñen moito que gañar con Cs". Así o asegurou este xoves a candidata de Cs á Presidencia da Xunta de Galicia, Beatriz Pino, no acto de inicio de arranque de campaña celebrado no autocine da praia de Samil, en Vigo, no que tamén participou a portavoz nacional de Cs, Melisa Rodríguez.
A candidata da formación liberal sinalou que Cs preséntase a estas eleccións porque "non queremos que Galicia siga varada outros catro anos máis. Os galegos queremos unha Galicia do século XXI".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.