Medio milleiro de persoas claman polo futuro da industria electrointensiva galega nas rúas da Coruña

A manifestación, convocada por CIG, UGT e CCOO acabou cunha pequena carga policial fronte á Delegación do Goberno, contra a que se tiraron decenas de ovos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2020 | Actualizada ás 21:06

Comparte esta noticia

Medio milleiro de persoas manifestáronse polas rúas da Coruña para pedir a continuidade da industria electrointensiva galega e o mantemento dos postos de traballo. Os sindicatos CIG, UGT e CCOO, que convocaron a marcha, reclaman unha tarifa enerxética "estable" para que as empresas sexan "competitivas".

Traballadores de Alcoa, na Mariña, e Alu Ibérica, na Coruña, así como empregados de Ferroatlántica de Cee e Sabón, entre outros, participaron na manifestación, que transcorreu entre petardos e bucinas desde a sede da Delegación da Xunta ata a do Goberno con consignas como 'Enerxía, solución' ou 'A solución, unha intervención'.

Ao berro de 'Pedrito, bótalle ovos', os manifestantes lanzaron decenas de ovos á fachada da Delegación do Goberno e poucos minutos despois, tras a pancarta do persoal de Alcoa, tentaron acceder ao edificio. Os axentes da Policía cargaron contra os participantes na marcha, que gritaban 'Nin un paso atrás'.

SEN NOTICIAS DO ESTATUTO

En declaracións aos medios, o secretario nacional da Federación de Industria da CIG, Xoan Xosé Bouzas, denunciou a falta de noticias sobre o estatuto da industria electrointensiva do Goberno central. "Non sabemos nada do estatuto e non sabemos se haberá medidas complementarias porque só co estatuto non chegaría", advertiu.

Desde Comisións Obreiras, o seu responsable de Industria, José Hurtado, explicou que a manifestación é unha "continuación" das mobilizacións iniciadas en marzo e que se paralizaron coa pandemia. "Xa acabaron as eleccións e os políticos teñen que porse o calzón do traballo", reclamou.

Pola súa banda, o secretario auxiliar metal de UGT-FICA Galicia, Eladio Quelle, apuntou que é o Goberno o que ten "potestade" para fixar unha tarifa eléctrica, pero alertou de que a Xunta "ten moito que dicir". "Están a desmantelar o sector e hai que facer algo, seguir batallando", engadiu.

Traballadores de Alcoa en Lugo
Traballadores de Alcoa en Lugo | Fonte: AXM

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta