Gañan peso os casementos e divorcios ante notario en Galicia

Desde a entrada da Lei de Xurisdición Voluntaria no 2015, casaron 1.030 parellas e divorciaron 2.057 a través de notaría.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Nos últimos cinco anos, desde a entrada en vigor da Lei de Xurisdición Voluntaria (LXV) en xullo de 2015, un total de 3.087 parellas contraeron matrimonio ou formalizaron o seu divorcio nas notarías de Galicia, o que representa un 35% dos 8.815 actos celebrados nese período segundo a citada normativa. 

Acta de divorcio ou separación
Acta de divorcio ou separación

Isabel Louro García, decana do Colexio Notarial de Galicia considera satisfactoria a evolución da Lei de Xurisdición Voluntaria en España e en Galicia. “Fai cinco anos xa asumimos con disposición e agrado as novas funcións que nos encomendaba esta lei por propia vocación e razón de ser do notario. Vemos un crecemento nos datos, ou, o que é o mesmo, na vontade dos cidadáns de desconxestionar a xustiza.” 

MATRIMONIOS, SEPARACIÓNS E DIVORCIOS 

Das 3.087 parellas que acudiron ás notarías galegas ao abeiro da lei, 1.030 o fixeron para contraer matrimonio e 2.057 para divorcios ou separacións, nestes dous casos, sempre que os cónxuxes estean de acordo e non haxa fillos menores ao seu cargo nin persoas con capacidade modificada xudicialmente. 

A celebración de matrimonios ante notario aumentou un 300% desde a entrada en vigor da lei, pasando de 66 a 264. Respecto ás separacións ou divorcios, aumentaron nun 58% durante este período (de 266 a 421). 

HERDANZAS 

Ata a entrada en vigor da Lei, os notarios só tiñan competencia para declarar como herdeiros ab intestato (non existe testamento previo) a ascendentes, descendentes e cónxuxes do falecido. Coa nova lei, viron ampliadas as súas competencias a parentes colaterais, como irmáns, sobriños, tíos ou curmáns da persoa falecida. 

Outra das novidades que incorporou a lei foi a posibilidade de que varios herdeiros, cando a repartición da herdanza estea a ser obstaculizada por outro deles, acudan a un notario para que lle envíen a este último unha acta de notificación e requirimento, dándolle un prazo de 30 días naturais para que decida se vai aceptar o seu parte ou vai renunciar a ela.  

Na acta advírteselle tamén de que, se non manifesta a súa vontade nese tempo, a herdanza considerarase aceptada, sen ter que acudir aos tribunais. Nestes cinco anos triplicouse a demanda deste acto. 

RECLAMACIÓN DE DÉBEDAS 

Ademais dos actos en materia de familia ou de sucesións, a Lei de Xurisdición Voluntaria introduciu outros, como a reclamación de débedas dinerarias non contraditas (nas que non hai unha oposición previa do debedor).

Unha das principais vantaxes deste acto é que, se nun prazo de 20 días, o debedor nin pagou a débeda nin se opuxo a ela, a acta de reclamación notarial adquire carácter executivo e convértese en título de execución extraxudicial, o que permite ao acredor interpoñer unha demanda executiva e solicitar directamente no xulgado o embargo dos bens do debedor. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta