O tempo é ouro

A caída da fronte do Norde, primeiro e, despois, a conquista franquista de Catalunya inzaron a costa galega de campos de concentración para prisioneiros de guerra republicanos. Vellas curtidorías, fábricas de salgado, astaleiros e conventos a rentes do mar, dende Cedeira até Camposancos, serviron de escenario para a clasificación dos representantes da Anti-España.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 12/03/2013

Comparte esta noticia
A diferenza doutras zonas, en Galicia deuse un curioso fenómeno: os nosos paisanos tentaban axudar a esa pobre xente. Mulleres novas amadriñaban a prisioneiros fornecéndolles axuda e xogándose o tipo. Velaquí temos o testemuño recolleito por X. Comoxo, X. Santos e X. Costa  (2003) para o caso de Rianxo: “Era ya de día y el pueblo de Rianjo sabía de nuestra partida. Al pasar por sus calles, las jóvenes que tenían 'ahijados' en la expedición, se despedían de ellos desde las puertas y las ventanas de las casas. Les llamaban por el nombre, les decían 'adiós' y les pedían que les escribiesen cuando pudiesen. Un hecho sin importancia como éste, no le gustó al alférez, el cual ordenó al sargento: 'Tome nota de esas rojas que luego les daremos un escarmiento'. Este consistió, según se supo después por cartas, en una paliza, una dosis abundante de aceite de ricino y corte del pelo al cero”.
 
Moitas destas vilas viron como eses soldados derrotados eran empregados como mao de obra escrava para arranxaren obras públicas en peiraos, camiños, igrexas e estradas. Vicente Ferrer foi un deles, no campo instalado na antiga fábrica da Madalena en Betanzos. Os que non acadaban aval para voltar a casa pero tampouco tiñan moita responsabilidade política eran os candidatos para purgar as súas penas formando parte de Batallóns de Traballadores posto ao servizo da plutocracia que se beneficiou do Novo Estado. Non só fixeron cartos os estrapelistas e os do wólfram, non, tamén “promotores” se beneficiaron dos escravos de Franco, empregándoos na construción do aeroporto de Labacolla ou no erguemento de Puerto Banús en Marbella. Aos estados totalitarios moito lles gosta isto da redención de penas polo traballo, case tanto como colonizar e explotar terras ermas.
 
Grazas a unha excelente reportaxe de Marta Rebón (“El País Babelia” do 23 de febreiro pasado) din coa tradución ao castelán dos “Relatos de Kolimá” escritos por Varam Shalámov, ruso condanado ao gulag durante vinte anos. Este home participou como escravo das iniciativas estalinistas para colonizar a taiga e mesmo de prospecións xeolóxicas á procura de ouro. No caso franquista, o ditador, malia non poñer freo á súa vesania sanguiñenta, pronto se decatou daquela gran verdade descoberta polo conde de Lemos. Trala derrota irmandiña, os seus asesores aconsellaban ao nobre executar aos revoltosos, mais o conde replicou: “e de que me valen os vasalos pendurados dos carballos?” e empregounos na reconstrución dos castelos esborrallados. Dito e feito. O Estado feixista deseguida mobilizou aos Batallóns de Traballadores para un sinfín de actividades promovidas xa for por Regiones Devastadas xa for polas Deputacións Provinciais. O noso compañeiro Pedro Fermín Maguire mergullouse no arquivo xeral da administración e no arquivo militar de Ávila, e alí atopou auténticas xoias documentais, como a proposta enviada a Franco o 24 de maio de 1938 polo Coronel Inspector dos campos de concentración de prisioneiros (AGMAV, C, 2330, L57, Cp 50/11). Neste documento aconséllase a utilización desta man de obra escrava para reactivar as minas de ferro de Bilbao, as minas de Pirita de Sevilla Sulphur, para encetar a repoboación forestal de Las Hurdes y “para la explotación de las minas de oro, en Las Médulas (León) y río Plasencia”.
 
Xa en 1938 os vencedores vendían a liberdade a prezo de ouro. 
 
Hoxendía As Médulas de Carucedo son Patrimonio da Humanidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA