Obiang Baltar Nguema

Obiang, líder do Partido Democrático de Guiné Ecuatorial, gaña sistematicamente as eleccións ao xeito da Bulgaria soviética, co 98% dos votos. Durante un tempo o Parlamento só contaba cun deputado da oposición, Plácido Micó.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 19/03/2013

Comparte esta noticia
A estratexia do Presidente para anular oficialmente a resistencia (aparte da violencia) é fomentar o transfuguismo, mercar vontades, integrar os opositores dentro do Rexime con prebendas, cargos e cartos, moitos cartos. O seu fillo e suposto herdeiro, Teodorín, tenta dar unha imaxe máis moderna pero segue ao pé da letra os métodos coercitivos do Patriarca. Nos mítins do Partido téñense escoitado do bico de adláteres tres sentenzas históricas: “Obiang Sénior é un grande home”, “Na política a familia é moi importante” e “Corruptos fóra da política”. O pensamento político da dinastía Obiang recóllese no único libro que se vende nos quiosques das cidades do país, titulado “Mi vida por mi pueblo” (o único xornal local é o panfleto “La Gaceta de Guinea Ecuatorial”). Este libro non o merca ninguén porque grazas ao Partido, Guiné Ecuatorial copa os postos baixos e índices de cultura e educación. Manter o analfabetismo é unha eficaz arma para evitar a disidencia.
 
Baltarín, líder do Partido Popular de Ourense, gaña sistemáticamente as eleccións dentro do Partido ao xeito da Bulgaria soviética, co 94.59 % dos votos. Durante un tempo, só contaba cun rival político dentro Partido, Jiménez Morán. A estratexia de Baltar Sénior para anular oficialmente a resistencia contra o seu fillo é fomentar o transfuguismo, mercar vontades, integrar os opositores (os chamados críticos) con prebendas, cargos e cartos derivados dos cargos. O seu fillo e herdeiro, Baltarín, tenta dar unha imaxe máis moderna pero segue ao pé da letra os métodos coercitivos de Baltar Sénior, o bruxo da democracia. Na reelección téñense escoitado de adláteres como o Señor dos Peares ou Albor Gandalf tres sentenzas históricas: “Baltar Sénior é un grande home”, “Na política a familia é moi importante” e “Corruptos fóra da política”. O pensamento político da dinastía baltárida recóllese nun libro titulado “Falemos de Ourensanía” (o único xornal local é “La Región”) que se tentou vender mesmo no pavillón onde se celebrou o congreso da reelección. Este libro non o merca ninguén porque os patriotas ourensáns que democraticamente votan o Partido, non queren letras senón postos de traballo. Grazas ao Partido, a provincia baltárida copa os postos baixos en todos os índices de desenvolvemento do Estado español. Manter o clientelismo é unha eficaz arma para evitar a disidencia.
 
Coda
 
Mentres a Deputación de Ourense colabora de xeito entusiasta e transparente na investigación xudicial da presunta rede clientelar baltárida dáse a coñecer un caso modélico de contratación e rendemento laboral nun posto público: un rapaz ourensán gaña en concurso limpo a praza de chófer da Deputación de Ourense. Seis meses despois saca o carné de conducir.
(Grazas Carlos).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA