Sermos Colón ou sermos Galiza?

Os concellos lindeiros de Poio e Pontevedra andan metidos en avogados, como bos galegos, a causa duns lindes, alén Lérez. Esa fronteira mudou durante a guerra civil, xusto cando os falanxistas estraban de sangue inocente as terras d’A Caeira. Acerto a dar co litixio lendo o “Diario de Pontevedra”, onde unha fotografía amosa un representante do concello de Poio defendendo dialecicamente a causa da súa tribo. Non é iso o que chama a miña atención, senón a camisola amarela que loce fachendoso o concelleiro, cun lema en letras grandes: “Poio, terra de Colón”.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 29/03/2013

Comparte esta noticia
Grazas a meu pai coñezo ben a intrahistoria de Pontevedra, na que vivín longo tempo. Non sei se a Boa Vila dá de beber a quen pasa, pero si évos certo que dá de ler a quen pasa. A tese do Colón pontevedrés xa vén de antigo, de antes do desastre do 98, como podemos comprobar lendo a García de la Riega e outros. Despois, a intelectualidade local xogou un pouco co tema, malia que derivando a cuestión cara ao protagonismo da cidade na Historia do Novo Continente. Velaí están os opúsculos que o franquista Filgueira Valverde guindaba ao prelo cada día da Raza (despois día da Hispanidade) para homenaxear a persoeiros que algo fixeran polas Américas.
 
Pero a cousa non pasaba de anécdota… até un tempo a esta parte. Polo mesmo xornal antedito entérome dun acto público a celebrar no auditorio do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra para reivindicar de novo a tese do Colón, aínda que agora facéndoo orixinario de Poio. Alá vou. Na sala, nun serán entre semana, hai cen persoas, mesmo existen cadeiras co cartaz de “reservado”. Un minidocumental introdutorio ao estilo de Cuarto Milenio, coa voz de Imanol Arias, fala dos descubrimentos dun investigador ianqui encol da misteriosa vida de Cristovo Colón. A rentes da mesa de oradores un panel recolle os logos da Asociación Cristóbal Colón Galego, do Concello de Poio e… atención… da Universidade de Vigo. O propio director do Museo de Pontevedra introduce o acto, no que falan expertos universitarios sobre a lingua de Colón, a ecuación Colón=Pedro Madruga (como volo conto) e o Colón de Poio como produto. 
 
Esta última intervención redondeou un despropósito lexitimado por entidades supostamente serias como a Universidade de Vigo e o Museo de Pontevedra. Do discurso do alcalde de Poio xa non paga a pena falar, como político galego apégase a un cravo ardendo, sobre todo nestes tempos de litixio coa capital provincial. O que resulta abraiante é o argumentario esgrimido polo experto en Turismo; nunha serie de siloxismos sen relación lóxica comeza a xunguir indicios: a Santa María saiu dos astaleiros da Moureira, Colón naceu en Poio, onde está a casa natal, aparte cómpre ter en conta que o Camiño Portugués está aí, ou sexa que xa temos un produto, igual que en Baiona fan a Festa da Arribada (baseada non o esquezamos nun feito constatado históricamente), pois aquí temos un ben patrimonial para explotar. Con dous colóns.
 
Na segunda pranta deste mesmo edificio no que se perpetraba este show bochornoso para calquer historiador e calquer cidadán con sentido común, o visitante pode desfrutar dunha sala enteira adicada á obra artística de Castelao; nunha vitrina expóñense algunas das capas e contracapas de libros deseñados polo xenial rianxeiro. Entre estes volumes atópase o libro de José Rodríguez Martínez “Colón español, hijo de Pontevedra” (A Coruña, 1920). Como amante da Boa Vila, Castelao puxo a súa arte ao servizo da causa localista, pero cun matiz definitorio; na contracapa Castelao escribiu:
“Meu irmán: Ahí lle vai ise dibuxo. Axiña decatarase do que quêr decir. A estela das carabelas… A dôr de Galicia… etc… Eu poño o meu comentario ô descubrimento d’América e prego que nos fagan xusticia, pois máis dôr nos custou á nós que ôs Reis Católicos ¿Non si?
 
No archivo parroquial de San Bartolomé apareceron tres partidas co nome de Colon. En Santa María o archivo no está completo e falta o documento da fundación da Capilla onde esta a inscripción. Saudos agarimosos de seu irmán: Castelao”.
 
O debuxo de Castelao amosa unha carabela surcando o mar deixando tras de si un ronsel de cadavres. O artista, nun humilde debuxo destroza as veleidades identitarias (tanto galegas como españolas) e amosa a cerna da cuestión: “que máis dará onde naceu Colón, mirade para as consecuencias da traxedia, como para presumir” semella que nos di o artista case cego que vía máis alá do que os seus contemporáneos.
 
Abandono o acto colonbófilo e achégome á presentación da nova xeira do xornal “Sermos Galiza” no local social En Pé, en fronte da igrexa de San Bartolomé. Aquí non hai cadeiras reservadas, nin cen persoas, nin azafatas, nin documental, nin xente de orde vestida para a ocasión, nin representantes de institucións públicas. Pero hai libros, hai cervexa, está Xurxo Souto, hai xente do común, de todas a idades, de ideoloxías diferentes, que tenta facer país doutro xeito, turrando dun dos escasos medios de comunicación en galego que restan nesta terra. Se Castelao vivise, non me cabe dúbida que rexeitaría educadamente o convite institucional do Sexto Edificio do Museo, e ocuparía unha desas humildes cadeiras do local En Pé, defendendo o verdadeiro Patrimonio Galego. 
 
Sermos Colón ou Sermos Galiza? Eis a cuestión.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA