Non me toquedes o “y”

Séchu Sende vén de publicar “Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas”. Eu estiven na presentación do libro en Compostela e gostei moito do seu estilo retranqueiro, pouco usual nun país no que nos poñemos moi serios e barudos no tocante á lingua. Séchu bromeou coa súa condición de reintegrata e aínda nos botamos unhas risas a conta de normativas e academias. Tamén comentou un detalle xeitoso referido á lingua curda; seica hai uhas letras que non teñen correspondencia co idioma turco, e por iso son consideradas letras proíbidas polo Estado-nación turco e letras de resistencia polo nacionalismo curdo.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 04/04/2013

Comparte esta noticia
Algo disto debe pasar co “y” entre algunha xente deste país noso. O maximalismo lingüístico leva a desencadear auténticas alerxias en leitores que non soportan ese “i” revirado e colonizador. Como portador desa letra ofensiva no meu apelido paterno nunca tiven un só problema en, poñamos por caso, no Corno de África. É o que pasa cando o teu apelido, como a gaita, é de uso común dende Turquía ao Indostán pasando por Somalia. Sen embargo en Galicia cambia a cousa de carallo. Ayán non debe ser doado de escribir. Cando era mozo, en Pontevedra, levabamos a revelar os carretes de fotos á tenda de sempre. Nunca acertaron co apelido. Aínda conservamos eses sobres oitenteiros de Fototiendas nos que aparecía escrito Alan, Allam, Aldán, Arán, Ayllán, Again (isto foi cando comezou a entrar o inglés e quizabes o dono confiaba en que voltariamos) e, para min a millor: I am.
 
Porén un está acostumado a que lle troquen o apelido. Así e todo, portar ese “y” non resulta doado neste país con trastorno bipolar. Xurden correctores e filólogos anónimos e espontáneos por todas partes. Recordo aquela anécdota do meu tío no tardofranquismo, cando foi declarar a Monforte perante un comisario de policía. Cando este lle pediu o lugar de residencia, o meu tío respostou: “San Pedro de Cireixa”. E o comisario apuntou en voz alta: San Pedro de Cereija. Non conforme coa transcrición, meu tío matizou:
-“Se quere poñelo ben, poña San Pedro de Cereza”
-“Hombre, que me ha salido usted ¿traductor?”
 
Mesmo aquí no GC dá igual do que eu desbaralle no artigo de turno que sempre aparece algún leitor que unicamente comenta o do “y” e asegura con toda seguridade que o meu apelido é galego, procedente dun fato de parroquias esparexidas polo país. Estes leitores educados adoptan unha actitude paternalista e aconsellan de boa fé que galeguice un apelido castelanizado. Eu non estaría tan seguro desa hipótese xenealóxica. De feito, ficarían abraiados co que sabemos do noso apelido, e que non vou contar, obviamente, por seren asuntos de familia. Outros leitores claramente non poden con ese “y” que lles dá arrepíos e fai que se boten ao monte, agasallando epítetos como cipaio, españolista de aje e cousas así.
 
Noutros contextos tampouco teño moita sorte, como no caso de cursos, charlas e demais. Se quen organiza o evento é reintegrata/lusista o resultado é totalmente previsíbel. Con confianza o apelido aparece en cartaces e feisbús coas seguintes variantes (a ver se se poñen dacordo): Aiám, Aian, Aiam e/ou Aiao. Seica era así no galego-portugués. O curioso é que estou farto de ler documentación baixomedieval en galego e a letra “y” aparece sempre inzando verbas, liñas e parágrafos. Pero claro, resulta que debe estar proíbida. Tamén acontece o mesmo en actividades desenvoltas dacordo coa normativa oficial. Mesmo os escritores e escritoras deste país dubidan un intre cando lles pido que me firmen un libro seu; até o último momento manteñen a incógnita de se lle van facer caso ao ouvido, á súa mao ou a súa querencia verbíbora (“sensu” Rivas). É abraiante todo o abano de reaccións que pode provocar unha letra inofensiva á que quero, principalmente, por estética. Seméllame unha grafía interesante, elegante, clásica, homérica, libertaria, sen ningún punto por riba. Aínda que sexa só por iso, por favor, non me toquedes o “y”, ou como din na miña casa, “non me toquedes o pínfano”.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA