A Xunta segue sen "escoitar" ó persoal de residencias tras 3 meses de concentracións, segundo os sindicatos

"Nin sequera preguntaron que demanda o seu persoal", explican CCOO, UGT, CIG e CSIF.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2020 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

Doce xoves consecutivos concentrándose ante a Xunta. Son os que levan os traballadores dependentes da Consellería de Política Social para reclamar a "recuperación dos dereitos laborais recortados en 2012", segundo destacan CCOO, UGT, CIG e CSIF nunha comunicación conxunta. Tres meses despois de que arrincaran as primeiras mobilizacións, a situación dos traballadores, denuncian os sindicatos, segue estancada: "a Xunta nin sequera preguntou as nosas demandas", lamentan.

Protesta dos traballadores de residencias de Política Social ante a Xunta.
Protesta dos traballadores de residencias de Política Social ante a Xunta.

A denuncia dos sindicatos, paralela á que veñen efectuando nas pasadas semanas, é que a Consellería de Política social segue dando silencio "por resposta". Para as organizacións sindicais convocantes esta actitude é "inaudita" e "incompresible". "Resulta inaceptable que despois de tres meses de mobilizacións non haxa un movemento por parte da Consellería para abrir unha vía de diálogo e interlocución ou sequera para preocuparse ou preguntar que é o que demanda o seu persoal", ponderan.

Ante esta circunstancia, CCOO, UGT, CIG e CSIF apelan "unha vez máis" á Consellería para que "exerza a súa responsabilidade" e permita "resolver este conflito pola vía da negociación e o diálogo". As demandas dos sindicatos oriéntanse á "devolución dos dereitos recortados no 2012", así como á "defensa por uns servicios sociais públicos", que implicaría o incremento de prazas de xestión directa e a transformación dos contratos parciais en xornadas completas para poñer "fin á precariedade" no sector público.

"As organizacións sindicais pedimos respecto e recoñecemento para o persoal dos centros que prestan servizos sociais", destacan os organizadores antes de volver esixir "interlocución cos responsables da Consellería" para poder tratar as demandas "nunha mesa de negociación". As mobilizacións dos traballadores de política social arrincaron a comezos do pasado mes de xullo logo das cifras de falecementos rexistradas en residencias e centros de día.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta