Dous cabalos

Seica o ditador Franco deu o seguinte consello ao director do diario falanxista Arriba, Sabino Alonso: “Usted haga como yo, no se meta en política”. Baltarín recoñeceu no programa “Salvados” da Sexta que ese foi o único consello que lle deu seu pai. Por ese motivo non lle fixo caso.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 24/04/2013

Comparte esta noticia
Aparte destas anécdotas de familia, Jordi Évole deixou en evidencia de novo a ausencia dunha democracia real en Galicia. Tivo que vir un catalán retranqueiro para encher o baldeiro deixado polo xornalismo libre neste país. A dinastía baltárida contra as cordas nunha entrevista inédita, por dous motivos. O primeiro, porque non se trataba dun xornalista lambecús, falabarato de feira e adulador, ao servizo do medio de comunicación de turno subvencionado, e, o segundo, porque foi o propio presidente da Deputación quen recoñeceu, mesmo sen querelo, o despropósito no que vive instalada a institución que el preside. Baltar Júnior, sen inmutarse, empregou calificativos como “disparatado, caricaturesco, descabellado, modelo improcedente de comportamiento, absolutamente criticable”. A traxicomedia acadou cotas tan altas que en máis dunha ocasión o Follonero lembrou que el (Baltar Júnior) era o responsable que toleraba e promocionaba todo iso. Coma no chiste aquel do fillo que non quere ir á escola e lle pregunta á mai que por que ten que ir ao colexio: “Porque és o director”, resposta laconicamente a señora.
 
Un Estado totalitario, o franquista, levou a cabo proxectos de colonización tan propios do feixismo, sempre empregando un discurso tecnocrático no que sobranceaban termos como produtividade, maximización de recursos, desenvolvemento, etc… A xoia da coroa desa política foi desecar unha das lagoas máis grandes de Europa, a máxica e real lagoa de Antela. O obxectivo: sementar patacas a esgalla. O bo desta paisaxe asulagada pola Modernidade é que nos permite analizar a materialidade xerada polo totalistarismo. En primeira instancia foi o franquismo, agora é o baltarismo. En 2002 a Deputación de Ourense chanta en Antela o “Centro Ecuestre Laguna de Antela”, onde houbo máis empregados que cabalos. Por alí pasaron enchufados baltarianos que tanto se adican á hípica, como rexentan pavillóns, recollen lixo ou forman parte das brigadas medioambientais, esas escadras negras fieis ao Mussolini baltárida.
 
Na reportaxe de Ébole puidemos escoitar ao responsable actual do centro, Jorge Vázquez. Para min é un auténtico heroe que fala con transparencia sen amosar medo a perder o seu posto de traballo. Non sei como andará a súa vida laboral despois desta reportaxe. Xa se sabe que a familia non perdona. A dinastía baltárida sempre estivo moi preocupada polos medios de locomoción, xa for coches ou cabalos. O petrucio non paraba un intre no despacho oficial e percorría a provincia de cabo a rabo. De aí a querencia do exrevisor de autobuses polo pez, o chapapote e o asfalto. A rede viaria é algo básico para o Poder, xa o sabían os romanos coa súa vía XVIII. Nese sentido, o petrucio do trombón semellábase a Líster. Disque cando a lea pola construción da autoestrada do Atlántico, Líster non entendía aos camaradas que denunciaban “a navallada”. El, que servira no Exército Roxo e na guerrilla de Tito, sabía do útil das boas estradas. Líster alegaba que con esa autoestrada, ao chegar a revolución, “podías poñer os tanques de Vigo a Coruña nun tristrás”. Isto é materialismo histórico e o demais farrapos de gaita. 
 
O hipódromo de Antela é realmente unha ruína arqueolóxica. Eu creo que unha boa opción sería desamortizar a colección de coches de Baltar Sénior, agochados nesa granxa de pólos de Esgos, e poñelos a circular polas pistas de terra do hipódromo, para dar servizo ás parellas con nenos da bisbarra da Limia. Se en Castellò Fabra habilita un aeroporto para pasear, os Baltar ofrecerían un tiovivo xigante como ferramenta para loitar contra a desertización demográfica. Un paso máis para acadar o obxectivo último da dinastía baltárida: “externalizar” toda a provincia de Ourense. Mentres non o consigue, Baltarín pode imitar a Calígula e nomear deputado provincial un dos orfos cabalos de Antela. Agás ao rebuznar, non se notaría a diferenza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA