Os prezos seguen en caída libre en Galicia malia a melloría do verán

O IPC sobe unha décima en relación a agosto, pero mantense nunha espiral de deflación.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/10/2020 | Actualizada ás 10:11

Comparte esta noticia

Seguen a caer os prezos en Galicia malia o leve crecemento do verán. O índice de prezos de consumo (IPC) subiu unha décima en setembro en Galicia en relación con agosto e elevou outra décima a súa taxa interanual, ata o -0,3%, fronte ao -0,4% de agosto, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE). Desta forma, a inflación encadea sete meses en negativo en Galicia, desde marzo, e acumula un descenso do 1,6% no que vai de ano.

En termos anuais, o IPC anótase os maiores datos negativos na comunidade galega en transporte (-5,2%) e vivenda (-2,4%). Ao lado contrario, as taxas máis elevadas son as de alimentos e bebidas non alcohólicas (+2,9%) e ensino (+1,7%). Mentres, en comparación con agosto, os prezos incrementáronse sobre todo en vestido e calzado (+5,4%) e os que máis se reduciron foron os de lecer e cultura (-1,9%).

DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, subiu un 0,2% en setembro en relación ao mes anterior e tamén elevou unha décima a súa taxa interanual, ata o -0,4%, fronte ao -0,5% de agosto, debido principalmente ao encarecemento da electricidade e a que os prezos dos paquetes turísticos baixaron menos que un ano antes.

Con este avance dunha décima, o IPC interanual encadea dous meses consecutivos de ascensos. Ademais, co dato de setembro, a inflación encadea seis meses en taxas negativas.
O organismo estatístico atribuíu o aumento da taxa interanual do IPC á subida dos prezos da electricidade, fronte ao descenso que experimentaron en setembro de 2019; á evolución dos prezos dos paquetes turísticos, e ao encarecemento dos alimentos, especialmente dos legumes e hortalizas.

En sentido contrario, o INE destaca o abaratamento dos carburantes para o transporte persoal, do transporte aéreo de pasaxeiros e dos servizos de aloxamento, moi afectados pola crise sanitaria.

O INE lembra que, tras a finalización do estado de alarma, todos os produtos do IPC están dispoñibles para a súa adquisición polos fogares. Estatística continuou en setembro a recollida presencial dos prezos, manténdose a recollida por medios telemáticos cando, por motivos de seguridade sanitaria, non é posible ou conveniente realizala de modo presencial.

No noveno mes do ano, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCA) situou a súa taxa interanual no -0,6%, a mesma que en agosto.

A inflación subxacente, que exclúe aos alimentos non elaborados e aos produtos enerxéticos, mantívose en setembro no 0,4%, oito décimas por encima do IPC xeral.

En termos mensuais (setembro sobre agosto), o IPC subiu un 0,2%, fronte ao estancamento de agosto e a caída de nove décimas experimentada en xullo.

Evolución do IPC en Galicia. EPDATA
Evolución do IPC en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta