Polémica científica internacional por un estudo sobre as terrazas fluviais do río Miño

Un grupo de investigadores critica o traballo liderado por un científico da Universidade de Vigo por “numerosos erros” e acúsano de usar de xeito “incorrecto” os estudos que fixeron antes que el.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/10/2020 | Actualizada ás 22:11

Comparte esta noticia

Un estudo sobre a secuencia sedimentaria cuaternaria “máis completa de Galicia”, a das terrazas fluviais da conca baixa do río Miño, motivou unha resposta crítica dun grupo internacional de investigadores, que reproban “numerosos erros” e “afirmacións falsas” nos resultados presentados, que circularon por distintos medios.

Modelo sintético dos niveis de terrazas fluviais na conca baixa do río Miño coa súa proposta cronolóxica
Modelo sintético dos niveis de terrazas fluviais na conca baixa do río Miño coa súa proposta cronolóxica | Fonte: Eduardo Méndez.

O estudo cuestionado, titulado ‘A multidisciplinary overview of the lower Miño River terrace system’ (‘Unha visión multidisciplinar do sistema de terrazas do baixo Miño’), publicouse en abril de 2020 na revista científica Quaternary International. Trátase dun traballo liderado polo investigador Eduardo Méndez Quintas, do Grupo de Estudos de  Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, co apoio de investigadores adscritos ao IDEA (Instituto de Evolución en África) da Universidade de Alcalá de Henares (Madrid), a Facultade de Ciencias Físicas da Universidade de Adelaida (Australia) e o Centro Australiano de Investigación para a Evolución Humana.

Neste traballo, os autores recolleron a secuencia sedimentaria cuaternaria das terrazas  fluviais da conca baixa do río Miño, que “non son outra cousa que as antigas beiras do río penduradas ao longo dos laterais do val, desde as máis altas e antigas ata más máis baixa e recentes”. Isto permitiu identificar “a existencia dun importante rexistro sedimentario que abrangue, cando menos, o último millón de anos, no que é un rexistro único a escala galega”, destacou Méndez trala súa publicación.

A investigación explica que “os extensos depósitos sedimentarios desta conca xa foron documentados desde o século XIX, pero a súa investigación foi limitada e o rexistro cuaternario da conca permaneceu case inédito ata hai pouco”.

Estas formas xeolóxicas “son o resultado de diferentes procesos xeolóxicos (cambios no nivel do mar, levantamento da cortiza terrestres…) e no artigo preséntase a súa cartografía en detalle, a súa caracterización sedimentaria e un modelo cronolóxico baseado no desenvolvemento dun ambicioso e novidoso programa de datacións numéricas”, explicaban os autores. Esta secuencia de terrazas fluviais da conca baixa do río Miño, subliñou Méndez Quintas, “é polo tanto a secuencia sedimentaria máis completa de Galicia, e en xeral do todo o noroeste peninsular, para reconstruír a historia biolóxica e ambiental do último millón de anos”.

Os datos cronolóxicos e as taxas de incisión calculadas, segundo os autores, indicaron que as diversas terrazas fluviais se formaron durante todo o Plistoceno. “Atopáronse numerosos sitios paleolíticos en asociación cos niveis medios de terraza (entre +40 e +13 metros sobre o nivel actual do río). Principalmente, estes sitios arqueolóxicos conservan xacementos caracterizados por ferramentas de tipo acheuliano de grandes lascas, aínda que tamén se documentaron varios sitios do Paleolítico medio”, recóllese no artigo.

Así, Méndez comentara que “a primeira presenza humana data de algo máis de 300.000 anos e ten en xacementos como Porto Maior (As Neves) os seus principais referentes. Asemade, en cronoloxías algo máis recentes (duns 210.000 anos) estes xacementos conservan un escenario de ocupación único a escala eurasiática caracterizado por unha extensa e deliberada acumulación de grandes utensilios, unicamente con paralelismos no continente africano”.

O seu traballo recolleu “parte dos resultados das investigacións xeolóxicas e arqueolóxicas desenvolvidas nos últimos anos na conca do río Miño ao seu paso pola provincia de Pontevedra”, permitindo unha clasificación e mapeo “máis detallados” das principais formas fluviais, así como a datación numérica dalgúns dos depósitos, especialmente os asociados a lugares con ocupación paleolítica. Entre eses traballos previos recollidos no estudo están os dos investigadores que agora critican o estudo dirixido por Méndez.

CRÍTICAS

Os resultados do estudo son agora cuestionados na mesma revista por científicos do Grupo de Investigación en Xeología Sedimentaria da Pontificia Universidade Católica do Perú, a Facultade de Ciencias da Xeoinformación e Observación da Tierra da Universidade de Twente (Países Baixos), do Departamento de Ciencias da Tierra da Universidade Libre de Amsterdam, do Grupo de Xeografía do Solo e da Paisaxe da Universidade de Wageningen (Países Baixos), do Instituto Universitario de Xeoloxía da Universidade da Coruña e do Centro Europeo de Investigación e Ensinanza de Xeociencias Ambientais da Universidade de Aix-Marsella (Francia).

Segundo estes científicos –cuxo traballo no Miño serviu como base para a investigación do grupo de Méndez–, o estudo liderado polo investigador da Universidade de Vigo presenta unha “interpretación incorrecta dos datos que presenta”, ademais de incluír citas destes autores críticos co traballo “incorrectas e selectivas”, o cal, na súa opinión, “conduciu á produción dunha publicación que contén numerosos erros”.

“Os erros máis flagrantes”, explican, “son o mapeo das terrazas fluviais nun soa beira do río e unha interpretación incorrecta da información sedimentolóxica utilizada para correlacionar os remanentes de terrazas ao longo do río”, e que foi tomada de xeito “erróneo” do traballo dos autores críticos, aos que Méndez e o seu equipo citan de xeito recorrente no seu estudo.

Todo Isto, proseguen, “dá como resultado reconstrucións de perfís lonxitudinais incorrectas e unha proposta inadecuada da evolución das terrazas do Miño que mesmo se contradí cos datos que presentan”.

Os críticos recordan que no estudo liderado por Méndez se mapearon nove niveis de terraza con altitudes até 91-108 metros sobre a chaira aluvial do Miño, mentres que eles xa o fixeran previamente sobre dez niveis con elevación similar. “Non está claro por que decidiron volver mapear as terrazas do baixo Miño, xa que non proporcionan argumentos sobre por que o noso mapeo anterior sería problemático”, argúen.

Tamén insisten en que mentres no seu estudo mapearon as terrazas das beiras norte (galega) e sur (portuguesa), no traballo liderado por Méndez “inexplicablemente só se mapeou a parte española”, o cal, din, “ofrece unha visión xeral incompleta das terrazas”.

E volven sinalar o que consideran un erro do grupo de Méndez ao “correlacionar as súas terrazas paralelas á chaira aluvial actual”, mentres que eles, esclarecen, “correlacionaron as terrazas oblicuamente”. Isto, proseguen, “fai que sexa imposible comparar directamente as súas terrazas coas nosas debido ao desaxuste resultante na orde das terrazas”, como se fixo no estudo liderado polo investigador da Universidade de Vigo.

Así, insisten en criticar que se comparase un remanente de terraza da beira portuguesa cun máis novo do lado galego, “no canto de comparar remanentes de terraza da mesma idade”.

“Este desaxuste de correlación vese amplificado polo feito de que non mapearon as terrazas no lado portugués, o cal fai imposible comparar os nosos remanentes de terrazas datados cos deles”, afondan.

Mais non todo son críticas ao estudo liderado por Méndez: “No lado positivo, a datación do sitio da terraza de Porto Maior [As Neves] publicada por estes autores confirma as nosas reconstrucións do perfil lonxitudinal e do modelo evolutivo do val do Miño publicados anteriormente”, comentan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta