Mira de novo: esta é a historia das mulleres artistas borradas do mapa polo patriarcado

É hora de construír outros relatos, de reescribir a historia da arte lonxe de posicións androcéntricas. A exposición "Mirar de novo: as mulleres contra o tempo" recompila as obras de 30 mulleres artistas, entre elas Maruja Mallo, Menchu Lamas ou Bea Rey, para poñer no centro o traballo feminino. "Delas temos que aprender a non amedrentarnos", di a crítica de arte Mónica Maneiro.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os libros de historia da arte están baleiros de mulleres. Non porque non existisen mulleres artistas ao longo da historia, senón porque o patriarcado se ocupou con esmero de silenciar as súas obras, os seus relatos e as súas vidas. Moitos dos traballos das mulleres mesmo se atribuíron a compañeiros coetáneos homes ou quedaron esquecidos no caixón de obras anónimas. Durante moito tempo, elas só podían dedicarse á pintura como unha afección máis, e cando finalmente accederon ás facultades e ao eido profesional, expuxéronse ao menosprezo dun mundo de homes que non deixaban espazo para elas. Algunas, poucas, foron quen de gañarse o recoñecemento e o respecto dos artistas do seu tempo e chegaron a viaxar polo mundo enteiro coas súas obras ao lombo.

David Barro, comisario da exposición de Afundación 'Mirar de novo: a muller contra o tempo'
David Barro, comisario da exposición de Afundación 'Mirar de novo: a muller contra o tempo' | Fonte: remitida

Elas rozaron os camiños polos que hoxe nós podemos andar con máis soltura. Precisamente por iso, porque todas elas conforman referentes que fan perigar os privilexios do patriarcado, houbo quen axiña se ocupou de borralas do mapa. 

MIRAR DE NOVO PARA RECONSTRUÍR A HISTORIA

Agora, a responsabilidade pasa por reescribir esa historia e reeducar a nosa mirada. Xusto esta é a intención da nova exposición de Afundación "Mirar de novo: a muller contra o tempo", que pode visitarse na sala de exposicións online de Agalería ata o vindeiro 28 de marzo de 2021. Comisariada por David Barro e Diego Cascón, e baixo a supervisión e análise do catálogo por parte da experta e crítica de arte Mónica Maneiro, este proxecto recompila un total de 32 pezas realizadas por 30 artistas mulleres.

Moitas destas obras pertencen ás coleccións de arte de Abanca e Afundación, mais tamén se inclúen, en calidade de cesións, creacións do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid, o Museo de Belas Artes de Asturias, a Fundación RAC ou a Galería Balverde de Viena. A través dun intenso percorrido pola historia artística das mulleres dende finais do século XIX ata finais do XX, a exposición busca ser un 'punto de apoio' para a construción dunha mirada máis diversa coa que ollar a nosa historia da arte. 

Mónica Maneiro, crítica de arte
Mónica Maneiro, crítica de arte | Fonte: remitida

"Precisamos volver mirar o noso pasado, reescribir os relatos e as narrativas, reconstruír a liña do tempo e encher todos eses ocos que sofren períodos coma o Barroco, o Neoclásico ou o Renacemento, onde as mulleres desapareceron por completo da historiografía tradicional". David Barro considera que esta é unha "responsabilidade colectiva" que, se asumimos, nos permitirá crear versións da historia da arte menos occidentais, menos machistas e máis diversas. "Hai moitas historias posibles, e recuperar as que permanecen ocultas non é unha cuestión de cotas, senón de xustiza", sentenza. Porque "se as mulleres non tiveron un papel clave no escenario artístico nunca foi por falta de calidade, senón porque se nesgaba a información por parte de quen escribía os libros de arte: os homes", engade Mónica Maneiro.

Xa que logo, contra o borrado sistemático das mulleres da historia, o camiño polo que andar agora márcao a investigación e o traballo de pescuda a través dos vellos arquivos. O debate sobre a recuperación histórica é relativamente recente, "iniciado nos anos 90", di a crítica de arte. Mais paso a paso, e a través dun inxente labor por parte de persoas historiadoras comprometidas coa recuperación destes legados, van agromando mulleres que son clave para entender moitos dos movementos artísticos ao longo da historia. "Unha cuestión importante desta mostra é que rompe con esa idea tan manida do traballo feminino como diferente", relata Maneiro. "Son mulleres que interpretaron a través da súa obra as sociedades do seu tempo, sen distincións con respecto das propostas de traballo dos compañeiros homes". Moitas delas transitaron tendencias artísticas rompedoras e racharon con patróns establecidos en todos os ámbitos.

O DECORRER DE MARUJA MALLO, BEA REY E MENCHU LAMAS

Berta Cáccamo, Elena Colmeiro, María Antonia Dans, Antía Moure, Almudena Fernández, Menchu Lamas, Beatriz Rey, Tatiana Medal, Julia Minguillón, Maruja Mallo... son algúns dos nomes que están presentes na mostra "Mirar de novo: a muller contra o tempo". Na súa análise, Mónica Maneiro pousou a súa mirada concretamente en tres destes nomes: Maruja Mallo, Beatriz Rey e Menchu Lamas. "Elas son casos paradigmáticos: tiveron carreiras moi importantes mesmo a nivel internacional, pero os seus nomes foron esquecidos ou brevemente citados na historiografía artística tradicional", relata. A través delas, agora si, como protagonistas do relato, Maneiro vai reconstruíndo a arte na Galicia do século XX. Tres puntadas, entre centos delas, para fiar outras historias...

Maruja Mallo (Viveiro, 1902 - Madrid, 1995). "Unha outsider en todos os sentidos: non casou, dedicou a súa vida á profesión e exerceu plena liberdade nos seus discursos vitais, políticos e artísticos", sinala Maneiro. Axiña marchou estudar á Escola de Belas Artes en Madrid, onde se converteu nunha máis do grupo da Xeración do 27. "Lorca ou Dalí foron compañeiros de estudo e de traballo", relata a crítica de arte, "e ademais, ela converteuse na primeira artista muller á que a revista Occidente, dirixida por Ortega y Gasset, adicou unha exposición". Cunha particular perspectiva das vangardas e unha intensa loita política dende a esquerda, acabou exiliándose á Arxentina, onde tamén recibiu un rápido recoñecemento. Expuxo o seu traballo en París, Brasil ou Nueva York. Percorreu mundo a través da súa pintura. "E con todo, a pesar de ser posuidora dunha linguaxe artística propia, o seu nome foi obviado ao longo da historia". 

Beatriz Rey (A Coruña, 1939).  "Unha muller moi activa en canto á participación nos círculos artísticos da época", conta Maneiro. Coma Mallo, ela tamén estudou en Madrid, mais a súa obra sempre estivo de a cabalo de Madrid e A Coruña. "Integrouse dentro do movemento da Estampa Popular Galega no ano 1979 coa serie Labregos, unha exposición que vai chegar ata Montevideo". Ela entende a arte dende o compromiso, como forma de expresión do pobo e máis alá do mercado elitista. Tamén formou parte de Sisga, na Coruña, un dos grupos de vangarda galega máis interesantes dos anos 70. Pouco despois adoptou unha linguaxe pop na súa obra, para logo derivar o seu traballo cara a Nova Figuración, un movemento pictórico dominante na España daquel momento. Hoxe, un museo en Sobrado dos Monxes leva o seu nome para que a historia nunca a deixe no esquecemento.

Menchu Lamas (Vigo, 1954). "Unha das artistas máis punteiras na arte a nivel estatal, con mostras moi importantes feitas tamén en Nueva York, onde Menchu ten sido unha das únicas mulleres seleccionadas en exposicións". Ela marchou a Madrid nos anos 70 para estudar fotografía, e alí "participou de todo o movemento artístico de ruptura que agromaba despois da ditadura". A súa traxectora comezou da man do Colectivo da Imaxe, con Carlos Berride, Antón Patiño e Jorge Agra, e a súa primeira exposición colectiva tivo lugar na Praza da Princesa de Vigo no 1974. A raíz daquel encontro naceu o colectivo Atlántica no 1980, unha asociación a través da que se organizaron exposicións colectivas de artistas galegos de vangarda e da que ela foi fundadora. Ademais, Menchu Lamas ten elaborado tamén creación gráfica para o grupo poético Rompente.

O COMPOÑENTE DE XÉNERO NA ARTE, HOXE

"De todas elas debemos aprender a non amedrentarnos, aínda que os códigos que nos rodean non sexan os nosos", pensa Maneiro. A arte busca por se liberar das ataduras do patriarcado; e referentes de mulleres coma estas dan azos e abren o camiño para as que veñen detrás. Con todo, aínda quedan moitos pasos que dar por diante, posto que unha maior formación das mulleres non está sendo acompañada dunha maior visibilidade no ámbito profesional. "A pesar de que as ratios das mulleres nas facultades son maiores ca os dos homes, non deixamos de ver como o mercado da arte e as institucións, nas súas seleccións, seguen penalizando o traballo feminino", denuncia Maneiro, que convida a analizar as cifras desiguais de homes e mulleres en exposicións de grandes institucións. "Isto non ten que ver coa calidade das propostas, senón con que ás mulleres lles segue custando manterse no tempo".

Detrás agóchanse os problemas de sempre: por unha banda, a obriga de abandonar o seu traballo artístico para asumir os coidados de crianzas e familiares; e pola outra banda, "a selección masculina que tende a primar o traballo con sensibilidade masculina". Para debilitar esta mirada androcéntrica da arte, tanto David Barro coma Mónica Maneiro apelan a revisar os libros de cabeceira que "obvian voluntariamente" os nomes das mulleres artistas.

"Hai que reescribir a historia para paliar estes silencios; romper coa ditadura predominante a través da que só vemos a historia dende un punto de vista occidental, branco e masculino", sentenza Barro. Existen outras moitas historias posibles, máis diversas e xustas; e descubrilas sempre nos abrirá novos mundos. 

Exposición de Afundación 'Mirar de novo: a muller contra o tempo'
Exposición de Afundación 'Mirar de novo: a muller contra o tempo' | Fonte: Afundación
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta