Geluco: “Nos queda la palabra”

Fai poucos días preguntei a Suso Granados, o seu compañeiro de partida, ¿que tal vai Geluco?

Por Valentin Carrera | Compostela | 21/07/2013

Comparte esta noticia
Suso, que é médico, resumiu así, desde o seu afecto que sei profundo: 
-De ánimo, está moi ben. Segue fumando…
 
Todos temos a nosa hora e o noso último pitillo: “Destas rúas que afondan o poñente, unha haberá (non sei cal) que percorrín xa por derradeira vez, indiferente e sen adiviñalo…”, escribiu Borges.
 
Na ausencia de Anxo Guerreiro, “para sempre pechaches algunha porta e hai un espello que che agarda en balde”, quero evocar todas as portas que Anxo deixa abertas e o espello limpo no que mirarnos da súa vocación, do seu exemplo e da súa traxectoria, tan discutida como intachable.
A súa biografía navega xa na Wikipedia: as crónicas dirán mañá que foi político de raza, o mellor orador que pasou nunca polo Parlamento Galego, xornalista brillante ou analista sagaz. Os seus artigos deben ser lidos como modelo de precisión e claridade de xuízo.
 
Podería evocar, cos amigos compartidos, tantas risas, tantas horas de faladoiro, noites enteiras apaixonadas; e aínda a conversación retomábase incesante ao espertar, co primeiro café e o primeiro pitillo, coa mesma paixón e liberdade. Si algo aprendín de Geluco, do seu mundo, é o inmenso valor da palabra, de falar con liberdade e sen medo da divino e do humano, sen censuras, sen imposicións: é o exercicio máis profundamente democrático. 
 
A palabra: unha vez demos xuntos un mitin en Luou. Un pon no seu currículo diplomas, títulos e gilipolleces académicas, Inútil cum laude: ¡confundimos tantas veces as cousas que verdadeiramente nos importan! Hoxe vou romper media ducia de diplomas e no seu lugar poñer con orgullo: “Dei un mitin con Geluco”.
 
Dentro dalgúns anos, moitos mozos non saberán quen foi Geluco; as miñas fillas si. Sandra e Alicia tiñan sete e nove anos cando os amigos dedicaron a Geluco unha sincera homenaxe: unha reivindicación da persoa e do valor da memoria, ese osíxeno. Naturalmente a homenaxe foi un 14 de abril tricolor e republicano. 
 
“¡Estivo no cárcere!”: aquelas nenas escoitaron a Geluco con admiración e respecto; era o seu amigo. Fareilles chegar a tristeza da súa ausencia: algún día nas súas vidas, o eco da voz de Anxo Guerreiro –e dos seus amigos e amigas: Vitoria, Ezama, Concha, Carlos, Lila…-, daralles conviccións e firmezas; e grandes dúbidas, porque Geluco dubidaba de todo e todo o cuestionaba, como bo laico e mellor incrédulo. Só os crentes teñen certezas e o consolo da fe. 
 
O noso consolo é o exemplo dunha vida enteira dedicada a defender coa palabra a súa liberdade e a nosa e a das nosas fillas e fillos. Hoxe vou chamar á túa amiga Margarita Gigliotta de Parlemo e fumarémonos un pitillo no teu honor: ¡Boa viaxe, Geluco, quédanos a túa palabra!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].