Xunta de Galicia 1968

En 1968 meu pai deume un billete de vinte duros, un par de indicacións e envioume en pantalóns curtos a matricularme por primeira vez no instituto de bacharelato.

Por Valentin Carrera | Compostela | 04/08/2013

Comparte esta noticia
De camiño fixen dúas fotos e merquei no estanco unha póliza de 35 céntimos e dez pesetas de papel de pagos ao Estado. Xa no instituto, gardei unha cola de media hora para comprar un sobre, cubrino e gardei outra cola de hora e media para presentar a matrícula no portelo de secretaría.
 
Corenta e cinco anos despois, o procedemento segue sendo exactamente o mesmo, a Vostede dígollo, señor Presidente: isto tamén forma parte da Galicia real que vostede preside.
En 2013, onte mesmo, fun ao instituto politécnico a matricular a un amigo ausente: por inercia estúpida todo ocorre igual que fai 45 anos; cincocentos alumnos matricúlanse en tres días nun só portelo: ¡esta si que é a súa ventanilla única!
 
Fixen cola de media hora para adquirir un sobre, un euro; logo, outra cola de case dúas horas para presentalo no mostrador acristalado, igual ao de fai 45 anos, tralo que se parapeta o servidor público: solicitude por duplicado, dúas fotos carné, fotocopia do DNI, fotocopia do certificado de estudos, fotocopia da cona da Bernarda. A vosa administración está chea de millóns de fotocopias nosas, repetidas ata a saciedade.
 
A funcionaria miroume e remiroume de arriba abaixo, como un Garda Civil escruta a un xitano, como un facha a un inmigrante. Sentinme delincuente, pero gardei silencio: ela tiña o poder absoluto, “o selo” que levantou no aire perdoándome a vida. Cando estampou o sagrado tampón na instancia, por duplicado, estiven a piques de bicarlle os pés sollozando.
 
Galicia electrónica, virtual, tecnolóxica, puto I+D+I, administración en rede, DNI electrónico, webs da Xunta, centro de supercomputación, facultades de Informática… millóns de euros públicos ¿en que? si non sodes capaces de facer por Internet un simple, sencillísimo, trámite de matrícula en dous módulos de FP.
 
Incompetente o director do instituto: calquera bobo é capaz de “implementar” a matrícula en liña, desde un pub a unha asociación de monaguillos. Incompetente o Director Xeral de Ensino e quen o nomeou, o seu Conselleiro, e quen nomeou ao Conselleiro. Incompetente toda a cadea de mando podrecida de inercia e desidia que mantén en 2013 usos administrativos e trámites burocráticos de 1968. Fáltalles a vostedes a póliza coa cara de Franco, pero diríase que a levan pegada na fronte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].