O TSXG anula o ERTE que XEAL aplicou durante a pandemia debido á "mala fe" da empresa

Un total de 213 traballadores víranse afectados pola medida. A CIG chama á Xunta a que interveña para evitar a "ruína" das fábricas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2021 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) anulou o ERTE que a empresa Xallas Electricidade e Aliaxes (XEAL) aplicou nas súas fábricas de Cee e Dumbría e nas centrais hidroeléctricas -entre o 21 de abril e o 3 de xullo de 202-- por mala fe negociadora da empresa no período de consultas.

De tal modo, o fallo, que estima en parte o recurso da CIG, considera que a decisión adoptada pola empresa, que afectou a 213 traballadores, é nula.  Así, condena á compañía a repor aos empregados nas condicións de traballo previas á adopción da decisión co abono dos salarios deixados de percibir. Igualmente, sentenza ao reintegro das prestacións por desemprego abonadas polo Servizo Público de Emprego Estatal. Contra este fallo cabe interpor recurso de casación.

Deste xeito, o TSXG identifica "mala fe" da compañía durante todo o período de consultas ao non facilitar a documentación requirida pola parte social para o desenvolvemento das negociacións, á vez que reprocha a conduta de XEAL de "ocultamento" de información de relevancia --como a substitución da produción do forno 14 (de silico manganeso) polo forno 12 (de ferrosilicio)--.

Apunta que este cambio produtivo executouse o día despois de finalizar o período de consultas (20 de abril de 2020), a pesar de que a empresa xustificaba o ERTE en que ía concentrar toda a produción común en dúas unidades produtivas, pero con este cambio desde o 21 de abril xa non habería produción de silico manganeso na fábrica de Cee.

Así mesmo, na sentenza recóllese o contrato con FerroGlobe, único provedor e cliente de XEAL, do que depende o volume de actividade das fábricas de Cee e Dumbría. Así, na operación de compravenda garantíase para as plantas da Costa da Morte un trato equivalente ao doutras fábricas de FerroGlobe, pero mentres factorías do grupo funcionaban a pleno rendemento por aquel entón, XEAL paraba os fornos e activaba este ERTE.

VALORACIÓN DA CIG

Respecto diso, a CIG valora que o TSXG confirme que "non existían causas organizativas e que o único que buscaba a dirección era aproveitarse da pandemia para aforrar diñeiro e avanzar no plan de recorte da produción".

Ademais, o sindicato subliña que "non houbo en ningunha outra industria electrointesiva un ERTE por causa da pandemia, xa que tivo a consideración de esencial, e mantivéronse a pleno rendemento aproveitando o baixo prezo da enerxía".

"E iso foi algo que lle propuxemos á empresa durante as negociacións, aproveitar o momento para producir a baixo custo para vender cando o mercado se recuperase", remarca a CIG. Con todo, quéixase de que así se confirma "a fraude e absoluto despropósito que supuxo a operación de venda do complexo industrial".

Por todo iso, reclama á Xunta que interveña para "evitar a situación de inviabilidade e ruína á que XEAL está a levar ás fábricas". A CIG tamén insta á Xunta a actuar para garantir que se cumpre o obxecto concesional: a viabilidade e pleno funcionamento de fornos e fábricas.

Concentración de traballadores de Xeal no Ézaro / Comité de empresa. / Europa Press
Concentración de traballadores de Xeal no Ézaro / Comité de empresa. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta