Comeza a loita para protexer un humidal "de gran valor" ante a avalancha eólica

A Plataforma Quijote de Outes pugna por que a Xunta inclúa unha zona húmida no seu rexistro coa esperanza de que o Goberno central o protexa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Conforme os parques eólicos se seguen estendendo por Galicia, os movementos ecoloxistas e veciñais da comunidade comezan a desenvolver unha loita en dúas frontes co obxectivo de conservar os espazos rurais galegos. Por un lado están as campañas contra proxectos eólicos xa aprobados ou en trámite de aprobación. E, por outro, os movementos para tentar protexer certas zonas de cara a un posible risco de afectación futuro.

Humidal na serra de Outes
Humidal na serra de Outes | Fonte: Quijote de Outes

Ese último podería ser o caso do Monte de Banzas, un outeiro que cobre parte dos municipios de Outes e Negreira, no sur da provincia de Pontevedra. Alí, a Plataforma Quijote de Outes vén de instar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a incluír os humidais do Monte de Banzas no Inventario de Humidais de Galicia por considerar que se trata dun espazo “de gran valor ambiental e ecolóxico”.

Segundo apuntan dende a plataforma, a Xunta xa lles trasladou que o rexistro conta cun papel meramente “estatístico”, é dicir, que non ofrece protección especial ningunha. Con todo, os veciños que integran esta plataforma consideran necesaria a súa inclusión “dada a importancia e protección que se lles outorga a este tipo de ecosistemas”

“A creación do Inventario de Humidais de Galicia supón para a nosa Comunidade Autónoma dotarse dunha ferramenta importantísima para coñecer e subministrar información sobre o número, extensión e estado de conservación dos humidais existentes en Galicia”, explican a respecto dunha regulación nacida ao abeiro dun Decreto dos anos do goberno bipartito.

RECORRER AO GOBERNO

Segundo explican dende a plataforma, aínda que a inscrición en si non garante protección algunha, como apuntan dende San Caetano, si é necesaria para optar, no futuro, a algunha clase de coidado por parte da Xunta; e que, por exemplo, podería implicar unha serie de dificultades para construír as explotacións que a Xunta estaría a facilitar coa chamada ‘Lei de Depredación Industrial’: minas, eólicos, etc.

É por esta razón que a plataforma Quijote de Outes chama a incluír este humidal do rexistro da Xunta “para facilitarlle ao Ministerio de Medio Ambiente” a existencia do espazo. Cómpre subliñar que, nos últimos meses, veñen emerxendo denuncias de grupos ecoloxistas acusando á Xunta de Galicia de permitir a construción de parques eólicos con zonas protexidas de distinta natureza. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta