A comida dos que non teñen en tempos de pandemia... Así están as cociñas económicas

"Estamos a ver persoas cuxa única problemática é non ter emprego. É dicir, que se tivesen un emprego en condicións dignas non serían usuarios desta cociña. Ese é o perfil desta nova crise". Redución de aforos, incremento da demanda e novos perfís de comensais. GC fala con algunhas das principais cociñas económicas galegas.

Por Alicia Casas | Compostela | 06/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Virus, confinamento domicilairio, desescalada, restricións, desescalada, restricións, desescalada...Todo acompañado por mortes, máscaras e xel hidroalcohólico. Peches perimetrais e vacinas. Os mapas combinan cor azul, amarelo, laranxa ou vermello e as cociñas económicas son, xunto a hospitais e outros espazos, espello de que sempre coidaron de nós e hai momentos nos que se redobran esforzos. Tamén de que unha mesma realidade, dramática e colectiva, non golpea por igual. Pan, traballo e teito

A Cociña Económica de Ferrol adaptada aos novos protocolos da Covid-19
A Cociña Económica de Ferrol adaptada aos novos protocolos da Covid-19 | Fonte: Fonte: Cociña Económica.

Sobre o que está por vir, prognostica o sociólogo Nicholas Christakis en "A Frecha de Apolo: o impacto profundo e duradeiro do coronavirus na forma en que vivimos", será unha época de pospandemia e apunta  que cara 2024 volverá a década feliz dos tolos anos vinte. Esta é unha hipótese pero o que si sabemos con certeza é que hai unha crise que xa está aquí e que está por chegar é que máis tráxica para as persoas que se atopan en risco de exclusión social  ou en situación de vulnerabilidade extrema.

Por mor da pandemia, moitos comedores sociais de Galicia ven incrementado o seu número de comensais. No caso de Santiago de Compostela, explica a directora da cociña económica Sor. Alicia Lourido, en plena pandemia chegaron a ter 235 usuarios e aínda que cando a xente se puido desprazar a demanda diminuíu, agora mesmo están a vivir outra vez un aumento. Nestes momentos dan unha media de 40 almorzos diarios, entre 135 e 140 comidas, e unhas 80 ceas. 

Dende o comedor social de San Francisco en Pontevedra, comenta o frade e encargado do comedor Gonzalo Diéguez, que antes da pandemia tiñan entre 140 e 150 comensais e agora dan de comer "case todos os días" a unhas 170 ou 180 persoas. Non todos os días porque segundo comenta "sobre todo notamos un baixón a final de mes, cando algunhas persoas cobran algún tipo de axuda e non veñen algúns días porque xa teñen algo de diñeiro". 

No caso da Coruña, o traballador social Pablo Sánchez apunta que mesmo duplicaron o número de afluencia: "despois de máis dun ano nesta situación hai un aumento constatado no número de persoas e familias que chegan a situacións de precariedade económica ou pobreza asociadas ao desemprego e á falta de actividade na económica somerxida".

Traballador da Cociña Económica de Ferrol,
Traballador da Cociña Económica de Ferrol, | Fonte: Fonte: Cociña Económica.

E tamén en Ferrol, o Presidente da cociña económica  Antonio Tostado, apunta a un incremento aproximado de cen persoas: "tiñamos unha afluencia dunhas 140 persoas e nos meses de confinamento chegamos a atender a unhas 200, ademais das 40 ou 50 que estaban recluidas en albergues nos que tamén servíamos, polo que chegamos a atender a unhas 240 persoas". Pero neste comedor, di Antonio Tostado, levaban case dous anos de crecemento lento pero constante.

DIFERENTES MODELOS 

A Covid-19 obrigou ás cociñas económicas a adaptarse á nova situación. A redución de aforos e outras medidas de hixiene e seguridade marcaron esta adaptación e os centros optaron por diferentes vías. No comedor de San Francisco "non paramos, continuamos sempre, pero repartindo a comida na porta: un prato quente e variado todos os días e bocadillos, iogures e froita. Aquí dentro sería moi complexo porque habería que facer unha serie de quendas e iso non é posible", afirma Gonzalo Diéguez.

Tamén na Coruña teñen pechado o comedor e reconvertiron a súa actividade a través de dous servizos básicos de alimentación. Un é o reparto de menú individual no centro (almorzo, comida e unha merenda cea que procuran dar) e outro de reparto de comida en diferentes puntos da cidade. Neste centro contaban tamén cun servizo integral de aseo que teñen pechado por unha cuestión de seguridade. Segundo explica Pablo Sánchez as instalacións, xa antes da pandemia, lles quedaban pequenas e "sería unha temeridade mantelas abertas": "estamos esperando a que nos vacinen a todos e a ter constancia de que a maioría de usuarios tamén están vacinados para reabrir estes servizos".

O caso de Ferrol é ben distinto xa que só conta con apertura presencial, no que atenden a unha media de setenta persoas que acoden día a día e se atopan nunha situación de exclusión social. Para o resto de persoas, di Antonio Tostado, teñen vales de alimentación. Unha iniciativa que se levou a cabo coordinando aos servizos sociais e á Consellería e "para nós é a forma óptima de facelo porque son persoas que están en risco de exclusión, non en exclusión aínda, e moitas delas teñen fillos pequenos e cremos que é unha situación moito máis normalizada para as súas necesidades e para evitar aglomeracións".

En Santiago a cociña económica funciona de xeito presencial nos almorzos e de xeito híbrido a mediodía: os usuarios poden elixir entre comer dentro das instalacións (coas limitacións de aforo pertinentes) ou levar a comida, que é a opción que elixe a maioría. Ademais, neste centro conseguiron recuperar o servizo de aseo aínda que de forma reducida e con cita previa. E non só iso, senón que continúan a prestar os servizos de acompañamento e Atención Integral:

"No que levamos de 2021 conseguimos unha inserción laboral de oito persoas. Que ti pensarás 'que pouquiño' pero para nós é un logro porque non sempre (non porque eles non queiran) as empresas están dispostas a contratar persoas en situación de vulnerabilidade"

Esas son palabras de Sor. Alicia Lourido, que nos conta que están dando un apoio integral a 45 persoas, das cales catro están en formación para a búsqueda de emprego e dez en situación de deshabituación a adicións. 

NOVO PERFIL

"As persoas novas que están chegando xa non son esos perfís propios da pobreza ou a exclusión social con problemáticas asociadas como inexistencia de vida laboral, adicións ou problemas de saúde física ou mental. Estamos a ver persoas cuxa única problemática é non ter emprego. É dicir, que se tivesen un emprego en condicións dignas non serían usuarios desta cociña. Ese é o perfil desta nova crise, falando claro". Iso é o que di o traballador social do centro na Coruña, Pablo Sánchez. Algo co que coincide Sor. María Lourido, quen comenta que "hai persoas que veñen que sabemos que tiveron un traballo e viviron del pero, ao perdelo, volveron á vulnerabilidade".

A directora da Cociña Económica de Compostela detecta un baixón na media de idade do usuario, que sitúa en 46, mentres que Antonio Tostado sitúa este rexuvenecemento xa na pasada crise e fala dun perfil xeral de "home duns 55 anos que está só e non ten sustento nin apoio familiar".  E engade que "antes do mes de marzo tiñamos xa no comedor 24 menores, dos cales 23 eran extranxeiros, principalmente de Suramérica". 

En relación ás persoas sen fogar todos coinciden. Este colectivo especialmente vulnerable está presente en todos os comedores sociais pero non son a maioría. Con todo, segundo explica Pablo Sánchez, estase a incrementar o número de persoas que están en risco de quedar sen fogar porque son persoas que viven "ao día". Ao que habería que sumar "o retraso na resolución dalgunhas prestacións sociais como o Ingreso Mínimo Vital":

"A persoa, nun período moi curto de tempo, ve que non pode manter o aloxamento que ten. E comeza coa dinámica de quedar na casa de familiares, amigos ou coñecidos. Pero ese proceso é un proceso temporal que tamén se agota. Está limitado no tempo." 

MESMA RESPOSTA

Se nalgo coinciden tamén as fontes consultadas é na resposta da poboación a esta criste social. Na cidade de Santiago as doazóns de comida por parte de particulares son diarias. "Pola porta sempre entra xente que nos trae uns ovos, unhas alubias, un paquete de café...por pouco que sexa é moito", comenta Sor. Alicia, que destaca ademais a gran cantidade de entidades que os axudan tamén a diario. "Dende os pobos tráennos unhas verduras ou uns ovos, ata Mercadona que nos axuda a diario cos seus excedentes ou Gadis, que nos trae donativos moi bos". Santiago, di, é moi sensible á labor da cociña.

En Ferrol acontece o mesmo. Doazóns de particulares, entidades e convenios ou acordos coas principais empresas da cidade. Segundo explica Antonio Tostado, no confinamento a xente se volcou e axudou tamén aportando material sanitario para que puideran ir traballar: "colaboran coa cociña dunha forma moi decidida a pesar de todas as dificultades, e iso a pesar de ser Ferrol unha cidade tan tocada. Porque a calquera crise que hai en España, en Ferrol hai que sumar a larga crise que vive a comarca".

Na cociña económica de Ferrol, como dicíamos, por cuestións de aforo teñen unha media duns 70 comensais diarios. Por iso para o presidente do centro este momento é "unha especie de paréntese" e "os comedores sociais como o noso non son un termómetro fiable da situación, no momento no que se levante o aforo é cando imos ver o alcance". Sobre iso, sobre a crise xa non que está senón que está por vir, fala tamén o traballador social Pablo Sánchez da Coruña: "Imos precisar seguir contando con ese apoio continuado no tempo si ou si, porque somos conscientes da dimensión deste escenario e polo que se palpa a nivel socioeconómico esta crise non terá que ver coas anteriores". Pablo Sánchez destaca, da mesma forma que acontece no resto de cidades, o apoio que tiveron por parte dos cidadáns "dende o socio que aumentou a súa cota ata o donante que habitualmente facía unha doazón en Nadal e durante a pandemia se animou". 

Do apoio que tiveron, e teñen, por parte dos comensais, falou Sor. Alicia Lourido no encontro que mantivemos con ela. Conta que os usuarios da cociña son a súa familia e que o esforzo que realizan devólveno coa confianza que depositan nelas. Que antes da pandemia, sen protocolos de seguridade, sentaba xunto a eles e escoitaba o que tiñan para dicir. Que eles o agradecen moito porque ás veces non teñen con quen compartilo. E que o primeiro que fan é preguntarlles o nome para, se volven ao día seguinte, tratar de sabelo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Vigo está a cumprir o vaticinio (dos tolos anos 20) inaugurando prazas con piano de cola e Drag Queens para que Abel Caballero, Carmela Silva e David Regades teñan o seu minuto de gloria en tódolos mediios de in-comunicación subvencionados ! Da Cociña Económica ninguén sabe nada e dos atascos kilométricos no Ifevi para as vacinacións tampouco se fala ! Moito TerraCeo a 30 € a entrada restrinxida, e máis rampas mecánicas na Gran Vía ! O alcalde prefire gastar 124.000 € en poñerlle unha urna de cristal a seu tranvía de xoguete antes de dar axudas sociais de emerxencia ! Así andamos polo Sur !