Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2021 | Actualizada ás 14:00
Cando parecía que xa se comezaba a ver a luz ao final do túnel, volven saltar as alarmas. Sanitarios do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) veñen de dar novas denuncias de colapso con respecto aos pacientes UCI do hospital, que estarían a ser reconducidos a outra unidade, obrigando á xerencia a suspender operacións cirúrxicas pola saturación das camas. Todo despois de que os responsables do hospital --apuntan estas fontes-- decidiran pechar dúas das tres unidades de críticos do complexo nas últimas semanas.
O primeiro dos peches, do que xa informou Galicia Confidencial, tivo lugar na chamada UCI II, que en realidade se tratou dun espazo habilitado de urxencia nos primeiros meses da pandemia para dar resposta a unha emerxencia sanitaria que non poucas veces deixou desbordado ao hospital da cidade naval. A UCI II foi pechada para instalar nela un robot cirúrxico, segundo apuntaron os sanitarios; críticos con esta decisión porque, nas súas palabras “había outro sitios onde poñer o robot” sen deixar en perigo a calidade asistencial do complexo.
Xa entón, os sanitarios consultados por Galicia Confidencial apuntaron que, cunha UCI menos, a capacidade do clínico ferrolá para dar resposta a un hipotético aumento de casos quedaría diminuída. O perigo radicaba en que, ante a falta de camas, a xerencia se vira obrigada a derivar aos novos pacientes críticos á unidade de reanimación, unha área á parte onde descansan os pacientes que veñen de saír de quirófano antes de pasar á planta.
PECHE POR “FALTA DE PERSOAL”
E iso é precisamente o que estaría a acontecer neste momento. O risco apuntado neses momentos viuse dobrado cando, “hai agora unha semana”, a xerencia decidiu clausurar unha segunda unidade, a III, baixo o pretexto de que carecía de persoal suficiente para mantela aberta. Acontece que, de acordo con esta fonte, a propia UCI III estaba “chea” no momento en que foi pechada. De aí que a xerencia tivera comezado a derivar estes pacientes á unidade de reanimación, sempre segundo a versión dos sanitarios.
Aínda que a REA, a nivel de capacidade asistencial, ofrece as mesmas facilidades que unha UCI, a entrada de pacientes críticos nesta unidade pode poñer contra as cordas parte da actividade do clínico ferrolá. A REA, apuntan as mesmas fontes, conta con aproximadamente unha ducia de camas, seis das cales chegaron a estar ocupadas por pacientes críticos nun punto desta semana. Iso si, trataríase de enfermos ‘limpos’, non covid, xa que esta unidade carece de mamparas illantes.
CIRURXÍAS SUSPENSAS
A cuestión queda posta agora nas cirurxías suspendidas, unha cuestión que vén de recoñecer a xerencia ferrolá a preguntas de Galicia Confidencial. Dende o CHUF apuntan que, na xornada do pasado día 7, foron adiadas catro operacións "coas oportunas explicacións ás persoas afectadas". De xeito paralelo, coinciden en apuntar que este adiamento ten que ver co emprego da REA para acoller persoal de críticos, pero, polo momento, non ven "presivible" ter que reabrir as outras UCIs.
O colapso que supostamente se está a vivir unidade de reanimación do CHUF chega como unha sorte de advertencia cumprida por parte dos sanitarios. Estas fontes apuntaron ao GC, hai xa dúas semanas, que o peche da UCI II --ao que logo se uniría a terceira-- remataría por provocar a saturación do sistema, en particular ante a “constante flutuación de entradas e saídas” da que xa deron conta no seu momento.
No momento en que saltou este aviso, Galicia atopábase nunha meseta de casos que arrastrou á baixa a presión hospitalaria. A propia xerencia ferrolá apuntaba entón que o peche da UCI II viña motivado porque, a nivel asistencial, xa non era necesaria. Porén, poucos días máis tarde a comunidade comezaría unha nova escalada de contaxios que coincidiu co alixeiramento das restricións ás máscaras en exterior e a chegada da cepa india. Dúas semanas máis tarde, o Sergas informa de 3.231 contaxios, fronte os 1.269 de entón, un 154'6% máis.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.