Temas: FRASEOLOXíA

“Cada pardal co seu igual”, “cada cal co (do) seu igual” ou “cada romeiro co seu compañeiro”, equivalentes a “cada ovella coa súa parella”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 18/07/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para expresar a opinión de que resulta conveniente que unha persoa convén estableza as súas relacións sentimentais ou de parella con alguén da súa mesma categoría ou escala social, e por extensión con quen teña uns gustos e xeitos de pensar semellantes, en castelán adóitase empregar a paremia cada oveja con su pareja, paremia esta que, a partir dese contido orixinal, foi ampliando horizontes de uso ata ser fundamentalmente empregada hoxe para recomendar que cadaquén debe tratar cos seus iguais, e mesmo para recomendar que cada persoa se xunte con aqueloutra(s) que mellor lle acaia(n), que lle resulte(n) máis agradable(s), etc...

Ovellas pacendo
Ovellas pacendo | Fonte: GC

Mesmo tamén non é raro o uso da dita paremia para dar a entender (sobre todo en xogos de carácter didáctico e/ou adiviñatorio) que nun conxunto de varios entes heteroxéneos se deben procurar, a xeito de relación dun respecto doutro (isto é, de relación de parella), aqueles que presentan unha determinada ligazón ou afinidade entre eles.

Cada oveja con su pareja

{= 1. Paremia con que se dá a entender que resulta conveniente que unha persoa convén estableza as súas relacións sentimentais ou de parella con alguén da súa mesma categoría ou escala social, e por extensión con quen teña uns gustos e xeitos de pensar semellantes. 2. Por extensión, paremia con que se manifesta que cadaquén debe tratar cos seus iguais, e mesmo coa que se recomenda que cada persoa se arrime a aqueloutra(s) que mellor lle acaia(n), que lle resulte(n) máis agradable(s), etc. 3. Paremia con que se manifesta que cada persoa se xunte, para a actividade de que se trate (baile, situación á hora de se sentar a unha mesa nunha comida, etc.) con quen é a súa parella ou fai as veces, nese momento, da súa parella. 4. Paremia con que se dá a entender (sobre todo en xogos de carácter didáctico e/ou adiviñatorio) que nun conxunto de varios entes heteroxéneos se deben procurar, a xeito de relación biunívoca dun ente respecto doutro (isto é, de relación de parella), aqueles que presentan unha determinada ligazón ou afinidade entre eles.}

Cada ovella coa súa parella

Cada pardal co seu igual

Cada cal co seu igual # co do seu igual

Cada romeiro co seu compañeiro

Cada par co seu par

[E MAIS]:

Cada cal co seu cada cal

Cada cal para (o) seu igual

Ex. (3): ¡Vamos, chicos, cada oveja con su pareja, que empieza la música y vamos a mover el esqueleto!

¡Vamos, rapaces, cada ovella coa súa parella cada pardal co seu igual cada cal co (do) seu igual cada romeiro co seu compañeiro cada cal co seu cada cal, que comeza a música e imos gastar pista!

Ex. (4): En esta última actividad deberán unir con flechas cada oveja con su pareja, es decir, cada imagen con aquella otra con la que guarda relación, y explicar la misma.

Nesta última actividade deberán unir con frechas cada ovella coa súa parella cada pardal co seu igual cada cal co (do) seu igual cada romeiro co seu compañeiro cada cal co seu cada cal, é dicir cada imaxe con aqueloutra coa que garda relación, e explicar esta.

● Tamén, en contextos, incidindo nesta liña de pensamento:

Todas las aves con sus pares

Todas as aves cos seus pares

● E inda, só en contextos, máis ou menos nesta liña (e probablemente non axeitadas en practicamente ningún contexto para o terceiro dos usos ou “acepcións” expresados):

Cada ovella co seu año # co seu fato && Cada macho co seu cacho && [E MESMO, PROBABLEMENTE ASOCIADA A REXISTROS MÁIS FAMILIARES]: Cada can co seu amo

NOTA:

As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Losada Álvarez, Ramón & Fernández Pampín, Vanesa: “Falares de Boqueixón”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 151-213. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta