Máis de 187.000 alumnos galegos inician este xoves o curso en infantil e primaria

Os centros manterán as medidas básicas e os 'grupos burbulla', pero os menores terán maior posibilidade de interacción.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2021 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

Galicia dará este xoves o pistoletazo de arranque dun novo curso académico. Máis de 187.000 alumnos galegos inician este xoves as clases en infantil, primaria e educación especial no que será un ano marcado outra vez polas medidas sanitarias e a pandemia da covid-19. Os datos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade indican que 55.698 alumnos iniciarán as aulas en infantil, o que unha redución de 2.356 nenos con respecto ao curso pasado, a maioría na pública (39.191) fronte a 15.414 na concertada e a privada con 1.093 alumnos.

En primaria, pola súa banda, serán uns 130.774 alumnos os que inicien  as clases, cun descenso na matrícula que alcanza os 2.482 estudantes. Deles, 92.084 alumnos acudirán a centros públicos este ano, fronte aos 35.921 dos centros concertados e os 2.769 dos privados.

Por provincias, A Coruña é líder en alumnado matriculado en centros públicos e privados, con 40.051 e 1.354 mozos respectivamente. A lista de alumnos en centros concertados está encabezada pola provincia de Pontevedra, cun total de 14.325 alumnos.

O número de alumnos matriculados en educación especial en Galicia é o único que crece entre os tres niveis que inician as clases con 1.152 matriculados, seis máis que o curso anterior e 41 máis que hai dous anos. Educación destacou que os menores volverán a clase nun contexto de "estabilización xeneralizada" dos datos de contaxios e hospitalizacións na comunidade autónoma.

Así mesmo, defendeu que as persoais se manterán por encima das do curso 2019-202 e as medidas sanitarias "invariables" dentro das aulas, especialmente nas que se refiren a os denominados 'grupos burbulla' sen distancia de seguridade.

MEDIDAS SANITARIAS

O protocolo educativo mantén as medidas esenciais de protección individual e colectiva, como o uso obrigatorio de máscara a partir de seis anos ou a ventilación de espazos, pero aliviará parte das restricións para permitir unha maior interacción entre o alumnado en determinados contextos.

A actividade lectiva será presencial en todas as etapas, con prioridade para o alumnado de menor idade e os centros estarán abertos todo o curso para asegurar o servizo de comedor e o apoio lectivo a menores con necesidades especiais ou pertencentes a familias socialmente vulnerables.

Unha das medidas que se manteñen é o deber dos docentes de realizar unha autoenquisa diaria para comprobar o seu estado, do mesmo xeito que os pais e titores legais terán que facer unha valoración de síntomas aos nenos cada día antes de acudir ao centro.

Infantil e primaria manteñen os 'grupos burbulla' ou de convivencia estable, sen limitación de distancia, que este ano poderán interaccionar con outros grupos do mesmo centro ao aire libre en caso dun escenario de transmisión moi baixa. O alumnado non poderá compartir material de uso propio, pero si terá maior liberdade para compartir outros obxectos e xogos.

SERVIZOS COMPLEMENTARIOS

Este xoves tamén empezarán a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería de Educación. Este ano, a falta de que se pechen as últimas autorizacións, o número estimado de prazas de comedor escolar será de 78.713, das que 16.658 serían xestionadas por Anpa ou concellos.

Así mesmo, a Consellería facilita subvencionar o servizo de comedor escolar a 498 alumnos de centros de educación especial privados a través de convenios con 14 entidades, cun orzamento superior aos 210.000 euros.

Tamén 85.531 alumnos de 773 centros públicos terán acceso ao servizo de transporte. Ademais, darase cobertura de transporte a 363 alumnos de centros de Educación Especial que privados a través de convenios con 17 entidades e un investimento de máis dun millón de euros.

CRÍTICAS

En paralelo, sindicatos e confederacións de ANPA reprocharon a Educación o alivio das restricións e os recortes que se están producindo nestas etapas, a pesar da continuidade da situación de pandemia en todo o Estado.

De feito, CIG e Anpas Galegas protagonizaron este mércores unha protesta ante a sede da Consellería en Santiago de Compostela para denunciar a intención da Xunta de recortar profesorado, desfacer desdobres do curso pasado e elevar o cociente de alumnos por aula ao máximo legal, e mesmo por encima nalgunhas localidades.

Dúas nenas ás portas do colexio. Jorge Gil - Europa Press
Dúas nenas ás portas do colexio. Jorge Gil - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta