Temas: FRASEOLOXíA

“Ás apalpadas” ou “ás apalpadelas”, equivalentes, entre outras, á castelá “a tientas” (na acepción de “valéndose do tacto”)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | | 14/11/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para indicar que alguén se ten que valer das mans e do tacto para recoñecer as cousas, por mor de ter pouca vista, de ter tapados os ollos ou de haber demasiada escuridade, en castelán a locución máis usada é a tientas (locución esta que abordaremos na vindeira entrega co seu outro significado, isto é, aquel que, tirado literalmente do Diccionario da Real Academia Española, di: “Con incertidumbre, dudosamente, sin tino”).

Morcego dunha especie ameazada atopado nas centrais da compañía. ENDESA
Morcego dunha especie ameazada atopado nas centrais da compañía. ENDESA

En galego dispomos de locucións propias que cobren ese mesmo contido do que agora estamos a falar, como imos ver deseguido:

 

 

A tientas

A la tentaruja && A tiento && Por el tiento

{= Valéndose das mans e do tacto para recoñecer as cousas, por mor de ter pouca vista ou de haber demasiada escuridade.}

Ás apalpadas

Ás apalpadelas

Ás atoutiñadas

Ás atoutiñas

[E MAIS]:

Ás atoutiñadelas

Ex.: Al irse la luz y no tener nada a mano con lo que alumbrarse, tuvieron que ir a tientas hasta el trastero, donde tenían las velas y las linternas.

Ó se ir a luz e non teren nada á man con que se alumar, tiveron que ir ás apalpadas ás apalpadelas ás atoutiñadas ás atoutiñas ata o rocho, onde tiñan as candeas e os focos.

Ex.: Lo habían citado para la descarga a las tres de la mañana, así que para no despertar a su mujer se levantó de la cama en silencio, se vistió a tientas y salió de casa sin hacer apenas ruido.

Citárono para a descarga ás tres de mañá, así que para non espertar a muller ergueuse da cama en silencio, vestiuse ás apalpadas ás apalpadelas ás atoutiñadas e saíu da casa sen apenas facer ruído.

 

● Tamén, nos máis dos contextos:

A apalpar && Apalpando && A atoutiñar && Atoutiñando && A apoupiñar && Apoupiñando && [E MESMO]: A poutear && Pouteando

Ex.: Ó se ir a luz e non teren nada á man con que se alumar, tiveron que ir a apalpar tiveron que ir apalpando tiveron que ir a atoutiñar tiveron que ir atoutiñando tiveron que ir a apoupiñar tiveron que ir apoupiñando ata o rocho.

 

● E incluso tamén, como locucións non recolleitas na actual norma léxica (DRAG), mais si rexistradas noutras obras lexicográficas:

A palpas && [E MESMO]: A tortubillóns && Ás palazadas

 

 

NOTAS:

1. Como xa temos comentado nalgunha ocasión, nunca hai que perder de vista o feito que entre dúas linguas non se producen, como se dunha relación matemática se tratase, sempre relacións biunívocas entre voces ou expresións da lingua A e voces ou expresións da lingua B (isto é: non sempre, nin en todos os contextos, a voz ou expresión X dunha lingua se corresponde coa voz ou expresión H doutra lingua, e viceversa).

Isto vén a conto porque hai ocasións en que entre as secuencias que nesta sección facemos constar do castelán e as equivalencias que reflectimos para o galego non se produce esa relación de equivalencia biunívoca, nin exacta, en todos os ámbitos de uso. Para tentar clarificar un pouco o que acabamos de dicir, poñemos un exemplo en relación coas expresións do presente artigo:

Ex.: Lo habían citado para la descarga a las tres de la mañana, así que para no despertar a su mujer se levantó de la cama en silencio, se vistió a tientas y salió de casa sin hacer apenas ruido.

Inda que entendemos que neste caso en galego se podería empregar, sen que sexan condenables, as secuencias vestirse ás apalpadas # ás apalpadelas # ás atoutiñadas # ás atoutiñas, dános a impresión de que o máis “normal” (isto é, o que lle sairía de xeito natural á maioría de galegofalantes de seu) para estes contextos sería botar man de secuencias como vestirse ás cegas ou vestirse ás escuras:

Citárono para a descarga ás tres de mañá, así que para non espertar a muller ergueuse da cama en silencio, vestiuse ás cegas ás escuras [ENTENDEMOS QUE TAMÉN PODERÍAN SER POSIBLES, INDA QUE MENOS “NATURAIS”: vestiuse ás apalpadas ás apalpadelas ás atoutiñadas ás atoutiñas] e saíu da casa sen apenas facer ruído.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”1, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Cerradelo, Silverio & Valls, Esteve: “Achega fraseolóxica para un dicionario bilingüe galego-catalán 7 catalán-galego”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 37-132. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Domínguez Rial, Evaristo: “Fraseoloxía e paremioloxía de Bergantiños (Cabana de Bergantiños, Carballo e Coristanco”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 13, 2011, páxs. 301-404. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez [actualmente, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés”, CEG LIII, pp. 329-347. Ano 1962. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- VV.AA.: Apéndice ó Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez González. Publicado en 1961. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

 

 

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta