A Xunta utiliza fondos Feader e Next Generation para mercar botas, traxes de auga e vehículos contraincendios

Os contratos xestionados pola Consellería do Medio Rural ascenden a máis de catro millóns de euros.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural esa utilizando fondos europeos, tanto dos Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) como os do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia- F inanciado pola Unión Europea, o coñecido como Next Generation, para a adquisición de distinto material, entre eles, botas e traxes de auga e vehículos para a loita contra os lumes forestais.

Persoal de Montes, da Consellería do Medio Rural, con Feijóo e Rosa Quintana
Persoal de Montes, da Consellería do Medio Rural, con Feijóo e Rosa Quintana | Fonte: xunta.gal

En total, os contratos ascenden a máis de catro millóns de euros; 3,6 para a adquisición dos vehículos contraincendios e case 600.000 para a roupa específica dos traballadores da dirección xeral de Defensa do Monte.

Así, a consellería abriu un concurso o pasado mes de decembro para adquirir 13 vehículos motobomba equipados para a prevención e defensa contra os incendios forestais en réxime de propiedade. O obxecto do presente documento será financiado mediante o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia- F inanciado pola Unión Europea –.

Segundo explica no prego de condicións do contrato ao que tivo acceso Galicia Confidencial, a  adquisición de vehículos especiais para a extinción de incendios forma parte da medida asociada ao investimento 4 sobre “Xestión forestal sostible para a prevención e xestión dos riscos relacionados co clima: extinción de incendios“.

Polo tanto, inclúe esta compra nas “medidas de adaptación ao cambio climático e prevención e xestión de riscos relacionados co clima: incendios. Unha medida que inclúe accións de sensibilización, a protección civil, os sistemas e infraestruturas de xestión de catástrofes e os enfoques ecosistémicos, pero non directamente a aquisición de material para loitar contra o lume. Estas axudas ofrecen un coeficiente do 100 % tanto para o cálculo da axuda aos obxectivos climáticos como aos obxectivos ambientais.

TRAXES E BOTAS DE AUGA

Por outra banda, tamén a Consellería do Medio Rural contratou o pasado mes de decembro a subministración sucesiva por prezos unitarios de traxes de auga e botas de auga para o persoal laboral da dirección xeral de Defensa do Monte. Un concurso administrativo da Xunta que sería anecdótico se non fora porque utilizou fondos europeos e porque un dos anos nos que tiña que estar en vixencia o contrato, o 2021, xa rematou, polo que o uso desas botas e traxe de auga só será para o  2022 e 2023.

No propio prego do concurso, a Consellería do Medio rural sinalaba que este material está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) nun 75% no marco do Programa de Desenvolvemento Rural 2014_2020 (PDR). A Xunta só aporta o 75,50% do importe total xa que o resto, 7,5%, será tamén con cargo aos fondos do Ministerio de Agricultura.

Este concurso, que foi adxudicado ás empresas Iturri, S.A. e Peycar Pontevedra, S.L., saíu por un valor estimado de case 600.000 euros. No prego do mesmo se pedían que os traxes de auga sexan “de grande resistencia para uso de intemperie en condicións climatolóxicas adversas, impermeables, transpirable e corta-vento” e que conste de chaqueta e pantalón. A Xunta destaca que, no caso das chaquetas, “valorarase a oferta dun maior número de petos”. Será un EPI de categoría II, “libre de substancias nocivas para a saúde”.

En canto as botas serán “lixeiras, de poliuretano con forro interior textil completamente impermeable, aniestática, antideslizante con absorción de impactos na zona do talón e sola resistente a aceites para garantir un bo agarre e unhas condicións de traballo seguras”. Ademais evitará a perda de calor, garantindo un illamento contra o fŕio de ata -20º.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta