"Un obreiro galego ten o dobre de probabilidades de sufrir un accidente laboral que outro do Estado"

CIG, CCOO e UGT denuncian a "cronificación" da sinistralidade laboral en Galicia, entre as peores autonomías.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2022 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

CIG, CCOO e UGT, os tres sindicatos maioritarios en Galicia, denunciaron a "cronificación" da sinistralidade laboral en Galicia, que presenta unha das peores cifras do Estado en accidentes e baixas asociadas ao traballo.

Con motivo do Día mundial da seguridade e a saúde no traballo, as centrais emitiron senllos comunicados nos que piden ás administracións compromisos e medidas para atallar esta problemática desde a mellora das condicións de traballo e a redución da temporalidade, un dos factores que, segundo subliñan, repercute nesta problemática.

Así, CIG, Comisións e UGT inciden en que Galicia se atopa "á cabeza" nos índices de mortalidade a nivel estatal, con 48 falecementos o pasado ano, cifra que previsiblemente se superará este ano, no que se contabilizan xa 29 mortes no que vai de 2022.

Na súa nota de prensa, a central nacionalista advirte da "cronificación" da "inseguridade" laboral, algo que atribúen á "inoperancia e falta de vontade política" do Goberno galego para pór sobre a mesa medidas que melloren a prevención de riscos laborais nos postos de traballo.

Neste sentido, asegura que un galego ten "case o dobre" de probabilidades de sufrir un accidente laboral grave ou mortal que un traballador do resto do Estado, unha realidade "inaceptable" da que destacan o incremento "estratosférico" do 78% en comparación con 2020 do número de falecementos por infartos, derrames e outros accidentes cardiovasculares.

Como propostas, a CIG pon sobre a mesa o desenvolvemento de marcos galegos de relacións laborais e de políticas públicas de seguridade e saúde laboral "dotado dos recursos económicos, técnicos e humanos suficientes", mellorar a coordinación entre os servizos sanitarios e os dispositivos públicos de prevención e, por último, a derrogación da lei que outorga á mutuas capacidade de xestión da incapacidade temporal.

COMISIÓNS OBREIRAS

Pola súa banda, Comisións cualifica de "moi preocupante" a "falta" de prevención que reflicte un estudo elaborado polo sindicato a partir de enquisas en 234 empresas e centros de traballo da provincia de Ourense, do que extraín conclusións como que só o 7% permite a participación da representación legal dos traballadores ou que o 65% e o 87% dos empregados descoñecen, respectivamente, o plan de prevención da compañía e a avaliación dos riscos do seu posto.

CCOO remarcou que os traballadores galegos están nunha situación de "inseguridade", polo que apelan á resposnabilidad de institucións, administracións e empresas para "situar á prevención de riscos no centro da recuperación e ás persoas no centro de todas as políticas e pór fin á inseguridade no emprego xeneralizado".

UGT PIDE PLAN DE CHOQUE

Por último, UGT demandou un plan de choque para afrontar a sinistralidade laboral, que reflicte un aumento do 18% rexistrado no último ano. O sindicato pon o foco na necesidade de "repensar" o modelo de xestión preventiva nas empresas e "fortalecer" os organismos encargados de velar pola seguridade e a saúde nos centros de traballo.

Neste sentido, ve preciso que se adopten "cambios lexislativos para interiorizar a prevención no seo das empresas, co fin de xestionar a prevención de forma eficaz", á vez que demanda a reversión da norma que permite a asunción por parte do empresario das tarefas en materia de prevención nos centros de menos de 25 traballadores.

Construción do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra.. XUNTA
Construción do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta