Milleiros de persoas berran contra o modelo eólico actual e o "ataque das macroindustrias eléctricas"

Máis de 200 plataformas defenden un modelo eólico "sustentable e xusto" nunha manifestación en Santiago de Compostela.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/06/2022 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

Varios miles de persoas manifestáronse este domingo, Día Mundial do Medio Ambiente, en Santiago de Compostela, para reclamar unha "alternativa enerxética" aos eólicos. Convocados pola coordinadora da plataforma 'Eólica si, pero non así', máis de 200 plataformas ecoloxistas, culturais, sociais, sindicais e políticas demandaron polas rúas da capital galega "un modelo enerxético sustentable e xusto".

Manifestación convocada pola plataforma 'Eólica se, pero non así', na Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela.
Manifestación convocada pola plataforma 'Eólica se, pero non así', na Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela. | Fonte: Europa Press

O presidente da Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Roi Puga, reivindicou unha "alternativa ao modelo eólico" que, sinala, "impón a Xunta e o Estado". "Queremos que o modelo enerxético sexa sustentable e xusto", insistiu.

Ademais, expuxo que, "sendo o Día Mundial do Medio Ambiente", para os ecoloxistas é "fundamental" defender o territorio e, neste sentido, volveu incidir en que a implantación da enerxía eólica "ten que ser sustentable", tanto no mar como no monte.

Pola súa banda, Arantza González, da plataforma 'Aire Limpo nas Mariñas Mandeo', da comarca de Betanzos, puxo en valor que este movemento "ten forza" porque "o moven os veciños que se senten agredidos por este ataque ao seu territorio". "Temos o apoio de toda a cidadanía porque este ataque non é só ao territorio, senón ao medio ambiente", apostilou.

Nesta mesma liña, lamentou que o modelo eólico actual "ataca ecosistemas que non teñen prezo e non se venden por nada, como a auga", xa que, asegurou que os muíños se sitúan en ladeiras dos montes "onde nace a auga que serve a aldeas e pobos".

Así mesmo, recalcou que o debate non é "eólicas si ou non": "Enerxías renovables si, por suposto, pero non como as queren pór". Por iso, subliñou que demandan "enerxías renovables sustentables", pero "as que fagan falta" e "sen malgastar", porque considera que hai que reducir o consumo para diminuír "os oligopolios que queren seguir co seu negocio". "Tamén estamos aquí para defendernos do ataque das macroindustrias eléctricas", concluíu.

"TEMOS ALTERNATIVA!"

A manifestación transcorreu con normalidade desde a Alameda compostelá ata a Praza do Obradoiro, onde portavoces dos diferentes colectivos adheridos procederon á lectura do manifesto 'Temos alternativa!', nun acto que estivo conducido pola actriz Isabel Risco e o contacontos Lois Pérez, acompañados dun grupo de música tradicional.

Entre os puntos dese documento, protexer a natureza; preservar os caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos mariños; coidar o patrimonio; unha enerxía compatible coa soberanía alimentaria; aforro e eficiencia enerxética antes que aumento da xeración; soberanía dos recursos fronte ao "espolio enerxético"; planificación eólica con fins socioambientais e "ao servizo do país"; participación pública; e principio de precaución para a preservación da saúde pública.

O BNG, CONTRA "O BOOM EÓLICO DEPREDADOR"

Á manifestación tamén asistiu a portavoz do BNG, Ana Pontón, que pediu á Xunta que "deixe de abrazar ás eléctricas" e "escoite á cidadanía nas rúas".

A líder nacionalista defendeu que Galicia "non pode soportar un novo ataque ao medio rural" porque, ao seu xuízo, detrás dos proxectos de macroeólicos "hai interese por continuar co espolio e depredación de toda a vida".

Neste sentido, criticou que "aínda que algúns queiran pór a etiqueta verde, non coa" porque "hai un movemento de norte a sur contra o boom eólico especulativo e depredador" que non vai aceptar un modelo eólico que supón "a depredación do territorio" e que só busca que "o lobby eléctrico siga facendo negocio e especulando".

Pontón avanzou que este é un tema "prioritario" para o BNG polo que na reunión prevista este luns co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediralle que o Goberno "dea resposta" ao "boom eólico especulativo". "É agora cando hai que parar isto e sentar a planificar un desenvolvemento enerxético que sexa sustentable, respecte o mundo rural e deixe beneficios no país e non no consello de administración das eléctricas", defendeu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta