Outro Día das Letras Galegas

Eu gosto das historias de veterinarios e médicos que traballan no rural. Xente apegada á terra que percorren cada día, facendo centos de kilómetros, rozando as corredoiras do tempo. Individuos cunha notable intelixencia emocional que lles permite apreixar a sensibilidade duns clientes que se resisten a deixar de ser, labregos e gandeiros “pagani”. Moitos destes menciñeiros-científicos son verdadeiros intelectuais, curiosos rebezos que non só operan animais e persoas (desculpade a redundancia), senón que tamén moitas veces se convirten en etnógrafos dun mundo que se vai, e mesmo en escritores de boa pruma, nun galego propio dos que mamaron esa lingua dende meniños.

Por Xurxo Ayán | Cereixo, Pobra do Brollón | 27/07/2014

Comparte esta noticia
Vouvos falar de dous destes intelectuais, falecidos hai tempo, pero cos que topei nos últimos anos en pescudas de diferente caste. A primeira delas refírese a un veterinario ourensán, o autor dramático máis representado na historia do teatro galego. As súas obras son costumistas e folklorizantes e non son valoradas pola elite que decide cal é o canon galego. Eu sempre recordo unha entrevista a Santiago Segura na que o xornalista se sorprendía do éxito das películas de Torrente. O director de cinema respostou con sorna: “é que eu teño un gosto moi popular”. O noso veterinario comprendía perfeitamente a psique dos paisanos, tiña un gosto moi popular e compoñía obras de teatro que abordaban os conflitos do rural, con personaxes perfeitamente caracterizados: o indiano, o labrego retranqueiro que se enfronta á cidade, o crego e as súas queridas, etc... Este veterinario, Xavier Prado, corría co mote de “Lameiro”. Tradicionalista católico, participou na peregrinaxe dos cristiáns de Nós a Compostela. Firme defensor do rexeneracionismo e da loita anticaciquil agrarista, abrazou con entusiasmo a ditadura de Primo de Rivera. Cando chegou o golpe de Estado, estivo do lado da Cruzada, como non podería ser doutro xeito. No arquivo da Real Academia Galega gárdase parte do legado documental deste home, cedido pola familia. Alí puiden ler cartas que enviaba un seu fillo dende a fronte de Asturias. O estilo narrativo do rapaz e a súa visión da Asturias “roja” permite comprender perfeitamente o ambiente ideolóxico que se debía vivir na casa de Prado Lameiro. Eu firmo para que lle adiquen un día das Letras Galegas. Se o criterio vai por ferrados de obra producida e galego, este home é o puto amo do teatro galego xa que escribiu ducias e ducias de pezas dramáticas que inda se representan nos centros sociais das parroquias galegas. Ben o merece ou? Ademais, como non conta para nada a súa figura, senón a obra, a quen carallo lle importa que apoiase dúas ditaduras consecutivas?
 
A segunda das investigacións procuraba información para deseñar un museo en homenaxe aos canteiros de Cuntis, que nunca se levou a cabo. Este gremio, coma moitos outros, contaba cunha lingua propia, o latín dos “arginas”, unha mistura na que conflúen diferentes idiomas, entre eles o propio euskera. O médico de que vos falo, bo coñecedor das contornas rurais de Pontevedra e da terra de Montes (berce de canteiros) foi o autor dun remedo de diccionario no que recolleu abundante léxico desta lingua gremial. Os manuscritos gárdanse no Arquivo do Museo de Pontevedra. Este mesmo home chegou a colaborar co Seminario de Estudos Galegos, publicou artigos na revista Nós e foi seguidor da escola etnográfica de Vicente Risco. Despois da guerra, este intelectual seguiu escribindo sobre a medicina popular en Galicia.
 
Topei con este tipo tras entrevistar o avó dun coñecido meu, que participara na guerra civil no bando nacional. Sendo un rapaz, e antes de marchar á fronte, o avó do meu amigo prestou servizos de control de estradas na Guardia Cívica de Pontevedra, un grupo paramilitar encargado da orde tralo golpe de Estado. No arquivo persoal do avó do colega puidemos ver un certificado de boa conduta, firmado polo responsable da Guardia Cívica, que non era outro que Víctor Lis Quibén, o médico rural do que vos falo. Lis Quibén formou parte do somatén na ditadura de Primo de Rivera, foi cofundador de Falanxe en Pontevedra e deputado por Renovación Española. Co golpe de estado liderou esa Garda Cívica, un grupo paramilitar que cometeu crimes con impunidade absoluta durante case un ano. Lis Quibén foi autor material e intelectual de múltiples asasinatos. Fixo o traballo sucio para os que controlaron o poder durante corenta anos. A cidade de Pontevedra deulle as costas pasada a postguerra e inda o mais vellos o recordan sempre só nos cafés e na Alameda.
 
Eu firmo onde sexa para que lle adiquen o Día das Letras Galegas a Víctor Lis Quibén. Dacordo cos criterios seguidos pola RAG podería ser un bo candidato. A estas alturas dá igual que escribas ferrados de papeis en galego ou teñas unicamente un par de artigos na revista Nós. Este era un intelectual dos bos, que apreixaba a cultura espiritual do pobo galego, que se interesou polo saber ancestral do campesiñado. Un galeguista, vamos. E como dá igual a vida dos persoeiros, a quen carallo lle importa que este tipo fose un asasino en serie e un dos artífices materiais da camada de sangue inocente sobre a que se chantou unha ditadura feixista? O importante é a obra. Eu estaría feliz por ver aos nenos e nenas dos colexios de Galicia coñecer de primeira mao o labor intelectual deste grande da cultura galega. Como se fai en Franza cos literatos e intelectuais colaboradores do nazismo e en toda Europa. Nun día como o das Letras Galegas, nunha xornada de civismo e de facer país, a figura de Lis Quibén escintilaría coma unha estrela. Un exemplo de valores cidadáns e democráticos para as futuras xeracións de galegos e galegas. Un galego coma ti.
 
Solicito á Real Academia Galega teña en conta esta candidatura, polo ben de todos nós e do país. Precisamos académicos, fachas e fachos, que nos guíen, inda que semellen extraterrestres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA