Mellora a situación nos lumes de Valdeorras e O Courel, e desactívase a alerta por proximidade a vivendas

Considérase que os incendios xa non xeran perigo para os habitantes dos distintos núcleos de poboación afectados.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/07/2022 | Actualizada ás 19:39

Comparte esta noticia

Aínda que os grandes incendios continúan activos e a vaga de lumes arrasou xa unhas 31.500 hectáreas de terreo, a evolución das últimas horas abre vías para a esperanza: a superficie afectada da que informa a Xunta non se incrementou desde hai 24 horas, puidéronse estabilizar os lumes de Oímbra e xa non existe perigo para as casas en ningún dos incendios.

Veciños de Pradoalbar, en vela durante os labores de control dos traballadores forestais contra os incendios forestais
Veciños de Pradoalbar, en vela durante os labores de control dos traballadores forestais contra os incendios forestais | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

A última das medidas que tomou a Consellería do Medio Rural foi a de desactivar a Situación 2 por risco para as vivendas no tres incendios que a tiñan activada: o macrolume de Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón, o de Valdeorras --o máis grande de Galicia-- e un segundo incendio en Folgoso, que ameazaban de Parada dos Montes (Folgoso), Busto (A Pobra), Candeda (Carballeda) e Gamiz.

Con iso, regresaron aos seus fogares os ao redor de 200 veciños de Quiroga e Folgoso do Courel que aínda quedaban evacuados.

Outro dos elementos que chama á esperanza é que a superficie afectada, segundo as fontes oficiais, non variou. O lume de Folgoso e A Pobra, que se orixinou coa unión doutros catro focos, afectou unhas 10.000 hectáreas, mentres que o iniciado en Carballeda de Valdeorras, en Ourense, arrasou unhas 10.500, parte delas no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. En León, este lume tamén evoluciona favorablemente.

Pola súa banda, no concello de Oímbra (Ourense) hai tres incendios que entraron de Portugal e que a Xunta dá por estabilizados (non controlados). O de maior superficie é o de Rabal, con 2.100 hectáreas. Os outros dous son os de Videferre --600 hectáreas-- e San Cibrao --400 hectáreas--.

O único lume que na última xornada experimentou un incremento de hectáreas afectadas é o de Vilariño de Conso, en Ourense, que alcanza xa as 5.500, parte delas no Parque Natural do Invernadoiro, e segue activo.

RESTO DE LUMES

A lista de incendios en Galicia complétase con media ducia máis en Lugo. Deles, o que afectaba á parroquia do Castro, en Cervantes, foi extinguido esta tarde e a superficie estimada pola Xunta é de 0,5 hectáreas.

Así mesmo, tamén en Cervantes permanece estabilizado outro incendio en Cereixedo, con 65 hectáreas; mentres que en Quiroga o lume de Outeiro está controlado --250 hectáreas-- e o de Nocedo está estabilizado --15 hectáreas--. A eles súmanse dous incendios controlados en Pas, parroquia de Ramil --375 hectáreas--, e en Antas de Ulla, parroquia de Santa Mariña do Castro de Amarante --40 hectáreas--.

A esta superficie hai que engadir unhas 720 hectáreas de terreo queimadas por incendios dos que Medio Rural xa informou da súa extinción nos últimos días. En concreto, trátase dos de: Cualedro --31 hectáreas--; Baiona --46 hectáreas--; Melón --dous lumes que suman 98 hectáreas--; Quiroga --83 hectáreas--; Ribadavia --67 hectáreas--; Covelo --37 hectáreas--; Cervantes, parroquias de Donís --75 hectáreas-- e Noceda --182 hectáreas--, e Rodeiro (Pontevedra) --110 hectáreas--.

MELOR SITUACIÓN

Nas últimas horas mellorou a situación dos dous lumes do Courel e do incendio de Valdeorras no que a risco para a vivendas se refire.

Por iso, a Xunta desactivou as tres alertas que permanecían activas: a do lume de Carballeda de Valdeorras, a do incendio de Folgoso do Courel e A Pobra --resultado da unión de catro focos previos-- e a do rexistrado na parroquia de Salceda.

Con iso, considérase que os incendios en Galicia xa non xeran perigo para os habitantes dos distintos núcleos de poboación e os que quedaban desaloxados --fundamentalmente uns 200 veciños de Quiroga e Folgoso-- xa puideron regresar xa ás súas vivendas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta