Como é posible que queden desertas 163 prazas en Educación?

En especialidades como Informática as prazas desertas son máis do 83% do total.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/07/2022 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

Os procesos selectivos para acceder aos corpos docentes deixan quedar neste ano 2022 un total de 163 prazas sen cubrir, concentradas en 14 especialidades e cunha grande disparidade entre elas. A porcentaxe final de prazas desertas pasa do 4,76% a un total do 7, 46% tras o remate da fase de oposición.

Oposicións á Xunta no recinto de Amio, en Santiago de Compostela
Oposicións á Xunta no recinto de Amio, en Santiago de Compostela | Fonte: XUNTA.

Así o recolle un informe realizado por CIG-Ensino que apunta que, se se ten en conta unicamente as 14 especialidades nas que quedan prazas sen cubrir, a porcentaxe de prazas desertas elévase a máis do 22%. En especialidades como Informática, xa destacada no anterior informe do sindicato, as prazas desertas son máis do 83% do total.

Deste xeito, as especialidades que non asignan todas as prazas que tiñan son 109 no corpo de PES: Matemáticas, Física e Química, Tecnoloxía, Lingua e Literatura Galega, Asesoría e procesos de imaxe persoal, Informática, Organización e Procesos de mantemento de vehículos, Organización e proxectos de fabricación mecánica, Procesos diagnósticos clínicos e produtos ortoprotésicos e Sistemas electrotécnicos e automatismos.

Tamén hai tres no corpo de EOI: Francés,  50 no corpo de mestres: Francés e Audición e Linguaxe e dous no corpo de Inspección. En datos porcentuais destacan outras especialidades como Organización e Procesos de mantemento de vehículos (60%), Procesos diagnósticos clínicos e produtos ortoprotésicos (57%), Francés de Primaria (con case o 53%), Organización e proxectos de fabricación mecánica (50%).

CHAMADA DE ATENCIÓN

"A porcentaxe de prazas desertas nos procesos selectivos en Galiza mantense desde hai anos, como vén denunciando reiteradamente a CIG-Ensino, nunhas cifras semellantes. Neste ano 2022 prodúcese unha lixeira redución mais a tendencia é clara e mantense na media e cuns valores aproximados ao 2019", apunta o sindicato nun comunicado.

Por iso, suliña que as diferentes administracións con competencias "deberían tomar boa nota desta evolución" e, especialmente, do feito de que unha boa parte das persoas aspirantes que non superan o proceso selectivos son persoal interino, nalgún caso cunha extensa experiencia ás costas.

Este sindicato esixe que non se furten as prazas desertas da necesaria oferta pública de emprego. Con independencia da política de imposición de taxas de reposición, pactada polo goberno español e UGT e CC.OO., a CIG demanda que todas e cada unha das prazas agora declaradas desertas se oferten nas próximas oposicións, preservando non só a cifra total senón a propia distribución por especialidades, xa que do contrario se estarían a retirar prazas con necesidades reais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta