Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/08/2022 | Actualizada ás 10:29
Galicia acumula máis de 42.000 hectáreas arrasadas no último mes, con base na información facilitada pola Consellería de Medio Rural --que ofrece datos de lumes a partir de 20 hectáreas--. Hai un mes, o 14 de xullo, producíronse treboadas secas nas que raios provocaron medio centenar de incendios. Na segunda quincena dese mes tiveron lugar os dous maiores lumes na historia de Galicia desde que hai rexistros: OuCourel (Lugo) --11.100 hectáreas-- e Valdeorras (Ourense) --10.500 hectáreas--.
Outro dos grandes lumes de xullo foi o do concello ourensán de Vilariño de Conso, na parroquia de Padroalbar, que calcinou 7.000 hectáreas e afectou o parque natural do Invernadeiro.
O seguinte lume en maior extensión ese mes rexistrouse no municipio ourensán de Oímbra, na parroquia de Rabal, con 2.100 hectáreas queimadas. Igualmente, nese concello houbo outros dous lumes en Videferre --919 hectáreas-- e San Cibrao --370 hectáreas-- en xullo, pero volve padecer incendios durante este mes de agosto, xa que un incendio calcinou a capela de Santa Ana.
A alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino, relata que o lume iniciado o pasado domingo --está estabilizado desde este luns-- na parroquia das Chás alcanzou o tellado do templo altomedieval e arrasou todo o interior da pequena capela, incluída "a propia santa". De feito, só "quedaron as paredes" tras o incendio. Agora, cóntase co compromiso da Xunta e o Bispado de Ourense para a súa reconstrución.
MÁIS DE 8.000 HECTÁREAS QUEIMADAS EN AGOSTO
Pola súa banda, queimáronse máis de 8.000 hectáreas no que vai de mes de agosto en Galicia. Quedan cinco lume aínda non extinguidos.
Os equipos de extinción traballan para apagar seis incendios que afectan --cada un deles-- a máis de 20 hectáreas este martes en Galicia --é a extensión a partir da cal informa a Xunta--. Dous deles localízanse na provincia de Lugo --un activo en Pantón desde as 22,39 horas deste luns e outro estabilizado en Ribas de Sil-- e os outros catro, en Ourense --estabilizados en Laza, Riós e Oímbra e extinguido en Castrelo do Val--.
Segundo a información actualizada pola Consellería de Medio Rural á primeira hora deste martes, un lume iniciado na parroquia de Frontón, en Pantón (Lugo), calcina xa máis de 20 hectáreas. En Ribas de Sil, mentres, arderon xa unhas 40 hectáreas.
Pola súa banda, os incendios estabilizados na provincia ourensá arrasaron 2.100 hectáreas estimadas no caso de Laza --uniuse co de Chandrexa de Queixa--, 103 hectáreas o de Riós e 70 o de Oímbra. Xa foi extinguido, tras queimar 173,19 hectáreas, o lume de Castrelo do Val.
O luns quedaron extinguidos varios lumes na provincia de Ourense: no Irixo, na parroquia de San Cosmede de Cusanca, onde arderon unhas 680 hectáreas; en Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casio, con 440 hectáreas; en Boborás, parroquia Astureses, con 99,4 hectáreas calcinadas; no concello da Gudiña, que se iniciou en Pentes, e que calcinou 76,5 hectáreas.
Sobre as 20,00 horas do pasado venres, máis dunha semana despois de que empezase na parroquia de Cures, quedou extinguido o lume de Boiro; as hectáreas arrasadas por este lume forestal ascenden a 2.200. Este lume, que é o maior dos rexistrados ata agora durante o mes de agosto en superficie afectada --aínda que lle segue de preto o de Laza--, provocou a activación da alerta por proximidade a vivendas e desaloxos, queimou o monte da Curota e estendeuse aos concellos da Pobra do Caramiñal e Ribeira.
Entre os extinguidos no mes de agosto atópanse os de Verín (600 hectáreas), Caldas de Reis (450 hectáreas), Ponte Caldelas (380 hectáreas), A Mezquita (224 hectáreas) e Maceda (120 hectáreas).
Outro dos extinguidos máis significativos foi o do concello de Monfero, parroquia de Queixeiro, xa que puxo en risco a reserva natural das Fragas do Eume, aínda que se apagou despois de queimar só 0,01 hectáreas de monte aroborado. Tamén arderon 0,21 hectáreas en Vilariño de Conso, con afectación ao Parque Natural do Invernadeiro.
A lista dos xa extinguidos en agosto complétase con As Pontes (dous lumes de 109 e 60 hectáreas) Arbo (82 hectáreas), Calvos de Randín (50 hectáreas), Ponteareas (15,6 hectáreas), San Xoán de Río (8,2 hectáreas), Ames (6 hectáreas) e Vilariño de Conso (0,21 hectáreas).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.