Sen compromiso medioambiental

A política española (e en xeral España) amosa unha tremenda despreocupación polo medio ambiente, claro síntoma do descoñecemento da interrelación entre crise ecolóxica, social, económica e política. Apenas mil persoas se reuniron na concentración de Madrid contra o Cambio Climático o domingo 21, a máis numerosa no noso país, e o máis preocupante é que só un partido se decidiu a liderala e acudiu xunto con outras organizacións como Avaaz ou Greenpeace. Ese partido foi EQUO.

Por Roberto Carro Vázquez | A Coruña | 01/10/2014

Comparte esta noticia
Que sucede no seo político para a continua falta de compromiso co medio ambiente? Nas redes sociais, nos famosos “decálogos”, nos “renovados” discursos… o medio ambiente ten cabida para o Partido Socialista, Esquerda Unida (que segue ondeando a denominación de “os verdes” con orgullo). O problema é cando se achegan os feitos. O medio ambiente ocupa un segundo ou terceiro plano nas axendas dos partidos que pretenden abandeirar a rexeneración e o cambio, esquecendo que o entorno é un elemento que debemos ter moi en conta. 
 
A última manifestación de que o medio ambiente non é importante para eles é a ausencia na Marcha contra o Cambio Climático, celebrada o domingo 21 de setembro, dos partidos con representación que teoricamente apostan pola ecoloxía nos seus programas e palabras. Para darlles de comer á parte están outros como o Partido Popular, do que xa ninguén esperaba absolutamente nada neste ámbito, e menos despois do escándalo que supón que se permita que alguén como Arias Cañete poida levar a carteira de Enerxía e Cambio Climático na Comisión Europea. O eurodeputado da coalición Primavera Europea (na que se integrou EQUO nas europeas), xunto con outros do grupo Verdes/ALE e doutros grupos, pelexarán para que isto non se faga efectivo, tratando de evitar a súa ratificación como Comisario no Parlamento Europeo.
 
Deste modo, amósase unha vez máis a importancia de EQUO e da súa defensa da ecoloxía política nas novas alternativas que buscan unha política renovada, pero que o fan de verdade. Precísase unha ideoloxía que faga que o medio ambiente sexa un elemento transversal nos programas electorais e non un elemento á parte, e máis nun país como España no que a conciencia verde está hoxe máis que nunca tapada por grandes problemas como a crise, o paro, a corrupción política, etc. ignorando que dita conciencia pode ter moito que ver coa achega de solucións.
 
Así, o que realmente fai que a ecoloxía política teña tanta importancia é que non é só medio ambiente, senón unha ideoloxía completa que ten voz e criterio na totalidade dos ámbitos que os programas electorais deben reflectir, e que trae novas ideas e opcións para os problemas dos cidadáns. Combatamos xunto co planeta os problemas dos seus habitantes e non contra el, atopando canto antes o equilibrio que nos permita seguir adiante, pois o tempo segue a correr e non parece disposto a dar descanso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Roberto Carro Vázquez Nacín en A Coruña en 1992. Estou a finalizar o último curso do Grao en Biotecnoloxía na Universidade de León. Atópome a cabalo entre estas dúas cidades. Son membro da Rede EQUO Xove Galicia (organización política xuvenil que ten como referente a EQUO Galicia) dende setembro do 2013, e é a opinión desta organización a que aquí traslado. Ademais, colaboro en diversas tarefas de EQUO Galicia dende comezos de 2014. Ecoloxía política, dereitos humanos e democracia participativa como piares. O futuro é verde. @RQX_Galicia