Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 21/09/2022 | Actualizada ás 09:30
O xurado do IV Preimo de Poesía Florencio Delgado Gurriarán estará conformado este ano por un perfil moi variado de creadoras e creadores amantes da literatura. As e os integrantes desta edición son: Cristina Pato, creadora ourensana con proxección e imaxe internacional; María Xesús Lama, profesora da Universitat de Barcelona e investigadora; Ramón Nicolás, crítico literario, profesor tradutor e escritor; Antía Balvís, poeta e activista cultural que forma parte da xeración do século XXI dos poetas galegos; Emilio Vega, bibliófilo, divulgador e membro de Valdeorras Infinda e As Letras de Florencio; e Eilún del Pazo, poeta e gañadora da anterior edición do premio.
O CONCURSO E A GALA
O certame poético está xa na recta final de entrega de traballos, rematando o prazo o vindeiro 29 de setembro. A presentación de traballos pode facerse no Concello de Vilamartín de Valdeorras e as bases están na web do proxecto As Letras de Florencio. A obra gañadora levará un premio de 3.000 euros.
A gala na que se fará entrega do devandito premio terá lugar no fermoso Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras e estará presentada polo activista cultural galego-catalán orixinario de Córgomo, Anxo Baranga.
Este polifacético artista --director teatral, actor, contacontos, pintor, escultor-- foi escollido para ser mestre de cerimonias "polo seu compromiso e traballo a prol das Letras de Florencio e tamén por ser un activo moi importante das artes valdeorresas", comentaba semanas atrás Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.