O BNG acusa á Xunta de ocultar información do Sergas, Eulen ou Endesa e baralla acudir aos tribunais

Pontón censura a "sistemática política de ocultación" do Goberno galego que chega ao 75% da que se lle pide na Cámara.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2022 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que a formación frontista baralla recorrer á vía xudicial se a Xunta persiste na súa "actitude obstrucionista e antidemocrática" ao negar o acceso "ao 75 por cento" da documentación solicitada a través das canles parlamentarias.

A líder nacionalista lanzou esta mensaxe durante unha rolda de prensa celebrada este venres na Cámara autonómica, onde cargou contra a "sistemática política de ocultación" que, di, mantén o Executivo galego.

Pontón preguntouse "que oculta" o Partido Popular na Xunta "para non enviar o 75% da documentación" que solicita o Grupo Parlamentario do Bloque en asuntos de "moita relevancia" como a xestión da sanidade, as residencias, destino de subveciones, expedientes sancionadores ou políticas de vivenda.

"Para quen goberna o PP se ten tanto que ocultar", sinalou Pontón, que subliñou que o Goberno autonómico está obrigado a facilitar a información que piden os grupos parlamentarios en virtude do artigo 9 do regulamento da Cámara galega, que establece un prazo de 30 días para que a Administración responda o requirimento.

"Nin 30, nin 60, nin 365", dixo a líder frontista, que asegurou que o grupo que encabeza remitiu no que vai de lexislatura 600 solicitudes de información, das cales, "a inmensa maioría están sen resolver".

Así as cousas, cuestionouse "que ten que esconder" a Xunta en asuntos como as subvencións, préstamos e avais concedidos ao estaleiro Barreras, os contratos públicos coa empresa Eulen, as listas de espera, os convenios do Sergas coa sanidade privada ou o expediente sancionador aberto a Endesa por verteduras no río Eume.

Para Pontón, esta "opacidade" e "obstrucionismo" no Goberno autonómico "non se pode permitir" porque "a quen oculta esta información é á cidadanía" e, por conseguinte, supón "un desprezo total á principal institución deste país".

Por todo iso, e tras lamentar que a Mesa do Parlamento non actúe de oficio para requirir á Xunta que cumpra co establecido no reglametno da Cámara, Ana Pontón avanzou que o BNG "non descarta ningunha acción", incluído recorrer á vía xudicial, para facer que San Caetano "deixe de pór paus nas rodas" do funcionamento "democrático" do país.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta