A sanidade, a gran asignatura pendente do PP desde que está na Xunta

O goberno de Feijóo primeiro, e agora o de Rueda, enfrontáronse a protestas multitudinarias, tanto en cidades como en vilas e concellos pequenos. Nos últimos oito anos houbo dimisións masivas de xefes sanitarios, ceses e tres conselleiros de Sanidade. E a pesar diso, o PPdeG di que #sancheztienelacura.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 15/02/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Falta de profesionais, aumento das listas de agarda, precarización laboral, peche de centros sanitarios e agresións a profesionais polas tensións que viven moitos pacientes e familiares que acuden aos hospitais públicos galegos. Unha situación que empeora e é recurrente nos últimos anos e que os distintos gobernos do PPdeG, primeiro con Feijóo e agora con Rueda, non son quen de atallar.

Manifestación en Vigo en defensa da sanidade pública
Manifestación en Vigo en defensa da sanidade pública | Fonte: MN

A multitudinaria manifestación do pasado domingo, 12 de febreiro, en Santiago de Compostela é unha das moitas -ata dez nos últimos oito anos-- que se teñen convocado para protestar polo deterioro do servizo público de saúde de Galicia (Sergas). Unha sanidade que para pacientes, partidos da oposición e colectivos sanitarios vai a peor.

E desde que Feijóo entrou a gobernar na Xunta a receita segue sendo moi semellante; anunciar subas salariais, anunciar a creación de novos hospitais, acusar aos manifestantes de estar politizados e responsabilizar a Madrid dunha competencia que xestiona case en exclusiva Galicia. O mesmo argumentario que, con poucos cambios, está tamén utilizando Alfonso Rueda nos últimos días.

Un argumentario que choca cunha realidade ben diferente e que, a pesar dos anuncios, ten levado por diante a dous conselleiros en oito anos, primeiro Rosa Mosquera, case cesada tras a primeira gran manifestación contra a política sanitaria da Xunta en 2015 e Jesús Vázquez Almuíña, ao que mandaron ao Porto de Vigo para tentar calmar a unha clase sanitaria indignada coas súas políticas.

A situación que lle tocou lidiar ao actual conselleiro do ramo desde o 2020, Julio García Comesaña, non é moi diferente ao dos seus predecesores. Enfróntase tamén a fortes críticas do sector sanitario, pero tamén do sector social e do político, que o acusan de precarizar a sanidade pública e favorecer a sanidade privada.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo,  no foro El Debate en Madrid
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, no foro El Debate en Madrid | Fonte: Europa Press

AS PROTESTAS

Nos últimos anos Galicia viviu grandes protestas sanitarias con milleiros de persoas saíndo ás rúas. A primeira delas tivo lugar en setembro do 2015 en Vigo e concentrou a milleiros de persoas. E como agora Rueda, tamén Feijóo considerou unha "irresponsabilidade" a convocatoria desta protesta en defensa da sanidade e contra a posta en funcionamento do hospital Álvaro Cunqueiro. Un mes despois, Alberto Núñez Feijóo destituía a Rocío Mosquera como conselleira de Sanidade.

Pouco despois, en maio de 2016, tamén en Vigo, outra multitudinaria protesta denunciaba o modelo público-privado co que se construíu e puxo en marcha o Álvaro Cunqueiro, as deficiencias na súa xestión, o futuro das instalacións do Meixoeiro ou os problemas na atención primaria noutra protesta convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública.

Dous anos despois, o 4 febreiro, outra multitudinaria manifestación en Santiago pedíalle a Feijóo a retirada da reforma da lei sanitaria, denunciaba que a supresión de áreas sanitarias era unha escusa para privatizar a sanidade e chamaban a atención sobre o colapso do sistema, non só en urxencias senón tamén en atención primaria.

Dous meses despois, o 24 marzo, 5.000 persoas enchían as rúas de Verín noutra manifestación histórica para reclamar unha maior dotación asistencial no hospital comarcal de referencia.

A seguinte gran protesta tivo lugar o 27 de decembro de 2018 tamén en Vigo. Milleiros de persoas pediron unha Atención Primaria "digna e de calidade" nesta área sanitaria e no conxunto de Galicia. Unha manifestación que tivo continuación o 24 de xaneiro cando, novamente, milleiros de persoas saíron á rúa pola "dignidade" da sanidade pública tras a dimisión de 25 dos 31 xefes de servizo de Atención Primaria desta área sanitaria e a situación dos Puntos de Atención Continuada (PAC).

Pouco despois, en febreiro 2019, novamente milleiros de persoas saían á rúa en Santiago de Compostela convocados pola plataforma SOS Sanidade Pública en contra dos "recortes" sanitarios, a "precarización" e o impulso á "privatización" por parte do Goberno de Alberto Núñez Feijóo.

Un ano despois, tamén en Verín se repetiu outra masiva manifestación que xuntou a milleiros de persoas tras o intento de peche do paritorio e as urxencias pediátricas do hospital de Verín, nunha mobilización convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública.

Tras varias protestas masivas en menos de catro anos, Feijóo moveu ficha e decidiu recolocar a Vázquez Almuñiña. Substituíno García comesaña que ao mes de estar no cargo tiña que facer fronte a outra multitudinaria manifestación na Coruña para reclamar máis medios para a sanidade pública e o "caos" na atención primaria.

E A RESPOSTA... A DE SEMPRE

Unhas reclamacións durante anos que, lonxe de verse cumpridas, aumentan e teñen levado novamente á rúa a milleiros de persoas este 12 de febreiro en Santiago para reclamar que se poña fin ao "desmantelamento" da sanidade pública. A receita da Xunta e do PP a esta nova masiva manifestación foi #sancheztienelacura.

Entre os argumentos utilizados polos dirixentes populares; que a falta de médicos en Galicia e no conxunto do Estado é responsabilidade de Pedro Sánchez, que a sanidade galega ten os maiores orzamentos da historia, que Galicia está á cabeza das autonomías en pagar "mellor" aos sanitarios, a rede galega de centros de saúde é a "máis ampla" de España ou mesmo asociar a manifestación deste domingo a un partido político concreto.

Mesmos argumentos que hai oito anos para problemas semellantes a pesar de que polo medio tiveron lugar dez multitudinarias manifestacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta