Que hai detrás da nova "revolución" do sector do metal en Pontevedra?

Patronal e sindicatos do metal teñen rotas as conversas para a mellora do convenio sectorial na provincia. O día 19 de xuño os actores sociais anunciaban a falta de acordo e os representantes dos traballadores anunciaron folga. As peticións de revisión do IPC ou a redución de xornada laboral frearon as conversas entre uns e outros. Así se vive un conflito que ameaza cunha nova crise no sector.

Por Moncho Mariño | Santiago | 28/06/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As negociacións no sector do metal na provincia de Pontevedra chegou a un punto e á parte o pasado 19 de xuño cando o acordo entre patronal e sindicatos non se materializou. As forzas sindicais iniciaron o día 20 unha folga sectorial para toda a provincia e que manterían tamén o día 22 de xuño. As conversas entre a parte empresarial e a laboral buscaban unha saída a unha serie de puntos, os máis destacados a rebaixa da xornada laboral en 3 horas por ano e a subrogación dos cadros de persoal dentro da empresa privada, algo que, segundo as fontes sindicais, algúns representantes empresariais non queren realizar. Por outra parte, as protestas dos traballadores nalgúns lugares como no Ifevi de Vigo, acabaron con cargas policiais e acusacións desde sindicatos policiais por tentativa de homicidio por parte dos manifestantes. A Confederación de Empresarios de Pontevedra condenaba os feitos responsabilizando aos sindicatos dos mesmos. Pero, que hai detrás de todo este conflito?.

O metal volve ás rúas de Vigo e anuncia dous días máis de folga. JAVIER VÁZQUEZ-EUROPA PRESS
O metal volve ás rúas de Vigo e anuncia dous días máis de folga. JAVIER VÁZQUEZ-EUROPA PRESS

CONVENIO COLECTIVO

O último convenio provincial pontevedrés para o metal entrou en vigo o 1 de xaneiro de 2020 e finalizaba o 31 de decembro de 2022. Este documento segue en vigor así como establece o seu artigo 3: “Quedará automaticamente denunciado con tres meses de antelación o seu vencemento, prorrogándose o actual convenio até a entrada en vigor do seguinte”. “O convenio actual está vixente, mais o que buscamos é cambiar cuestións como a suba salarial, a revisión das cláusulas salariais segundo as subas no IPC e a subrogación en empresas privadas” explica Celso Carnero, de CCOO Metal Pontevedra.

Aos sindicatos resúltalles paradoxal cando menos que as empresas do sector non acepten puntos con a subrogación de traballadores cando entra unha nova empresa, sobre todo auxiliares. “Sobre todo afectaría a cadros de persoal en empresas privadas de mantemento, se aceptasen a subrogación laboral, entre un cuarto e un quinto dos e das traballadoras do sector nesta provincia verían melloras na súa estabilidade laboral” di Xoán Xosé Bouzas da CIG Metal Pontevedra. O posible motivo pode estar na facilidade de cambio de empresa auxiliar sen realizar subas ou incrementos nos prezos a pagar polas empresas contratantes.

Aínda que este convenio cubriría empresas cun número reducido de traballadores e sen poder suficiente de negociación, “houbo empresas que quixeron facer dumping buscando convenios propios ou entrar noutros” pouco un nada relacionados co sector, apunta desde a CUT, Vítor Mariño. “Un exemplo pode ser un taller que ademais ten concesionario; nese caso ao mellor o empresario en vez do metal pode introducir a súa empresa no convenio de comercio”.

“O convenio anterior tiña unha cláusula de garantía salarial que permitiu incrementos segundo subas do IPC, mais agora hai unha elevación dos custos de vida e pedimos un incremento do 4% por cada ano de vixencia do novo convenio” di Rubén Pérez, de UGT. E a resposta da patronal? “Ofrecen un 3% o primeiro ano e un 2% para o segundo e o terceiro” sinala Pérez, coincidindo co dito por outras forzas sindicais. Á parte, a patronal pide unha cláusula de revisión limitada en caso de subir o IPC máis do 1%.

NEGOCIACIÓNS PARADAS

“Desde o día 19 as negociacións están paradas e non hai contacto entre patronal e sindicatos” lembra Pérez. Isto afecta actualmente a un número de entre 20.000 e 25.000 traballadores en toda a provincia, excluíndo a aqueles das grandes empresas do automóbil, do naval e outras que teñan convenio propio.

Os sectores que estarían afectados pola actual situación serían sobre todo auxiliares do naval, automoción, eólicos, PEMES con subcontratas, talleres mecánicos, fontanaría, caldeiras  e outros segmentos semellantes. En moitas destas PEMES non é doado aplicar por exemplo, as medidas de seguridade e hixiene laboral.

Coas negociacións paradas, os traballadores e traballadoras realizaron unha serie de mobilizacións que crearon atrancos de tráfico na AP-9. Ao mesmo tempo, a feira MindTech inaugurada en Vigo o 20 de xuño no Ifevi de Vigo. Diante das súas portas obreiros e obreiras do metal manifestáronse reclamando a volta da patronal ás negociacións e ter en conta as súas peticións.

Foi precisamente diante do Ifevi onde se produciron cargas policiais para disolver as concentracións de traballadores. O resultado foi un cruce de acusacións entre uns e outros. Sindicatos policiais mesmo propuxeron denuncias por intento de homicidio.

No medio de todo este clima, ASIME, a patronal do metal, reclama “a fin das folgas para retomar a normalidade das negociacións”. Nun comunicado, ASIME apunta que “as manifestacións deste 28 de xuño pretenden ser un lavado de cara e imaxe despois da barbarie vivida a semana pasada, cando intentaron literalmente asaltar o Ifevi”.

A patronal tamén apunta que o último convenio asinado por CCOO e UGT, cunha actualización salarial do 5,7% de incremento en 2023, que sumada aos incrementos históridos dos últimos tres anos fan unha suba de máis do 13% cunha inflación do 12%”. Segundo ASIME, estas cifras de incremento son as máis elevadas dentro de calquera outro convenio do Estado. “A parte empresarial mellorou a súa oferta salarial cunha proposta de aumento do 3% o primeiro ano e do 2% para 2023, 2024 e 2024, un aumento adicional do 1% en función do IPC e a redución de 8 horas na xornada anual e medidas de conciliación”.

Os sindicatos volven á rúa este 28 de xuño para seguiren reivindicando as súas propostas mentres a patronal manten firme a posición de non negociar se non finaliza a folga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

E cales son as empresas que van por libre ? Stellantis seguro, pero descoñecemos que aínda queden en Pontevedra grandes empresas do naval (agás a de Rodríguez) e cales son as que teñen a día de hoxe convenio propio ? Sería ben suliñar quen queda fóra do conflito e coñecer as súas condicións laborais !