Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 22/08/2023 | Actualizada ás 08:55
O pasado domingo 20 de agosto adegas da D.O. Valderrras comezaron xa a vendimar. Este foi o caso, por exemplo, de María Teresa López Fidalgo, que vendimou godello na súa viña “O Cabalín”, en Viladequinta (Carballeda de Valdeorras); e o de Bodega Sampayolo, que vendimou a mesma variedade na súa finca “Olivedo”, en Sampaio (Petín).
As altas temperaturas que leva soportando a comarca os últimos meses provocaron que se adiantase a data da vendima respecto a outros anos. Ademais das devanditas adegas, xa confirmaron o inicio dos traballos de recolección para comezos da vindeira semana outras 6 adegas máis.
EXPECTATIVAS ALTAS COA VENDIMA DESTE ANO
Os técnicos do Consello Regulador, tras as últimas visitas a viñedo realizadas estes días, esperan que sexa unha boa vendima, na que seguramente se superarán os quilos de uva recollidos en 2022.
"No que se refire á calidade, as previsións tamén son moi boas xa que as distintas variedades que se cultivan en Valdeorras presentan, a día de hoxe, un estado óptimo de conservación na gran maioría das parcelas", comentan tamén dende o Concello Regulador.
As previsións respecto da duración dos traballos da vendima son que a campaña sexa longa e que non remae ata principios de outubro. As grandes diferencias de altitude entre unhas zonas e outras do territorio amparado, provocan que os tempos de maduración sexan moi diferentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.