Pontón lembra a Sánchez que o voto do BNG "non é un cheque en branco" e reitera o seu "non" á investidura de Feijóo

Cre que a concentración do PP en Madrid demostra que saben que a investidura "está condenada ao fracaso". En referencia ao proceso de amnistía a nacionalista puntualizou que "son procesos legais" que forman parte da historia de todos os países democráticos e o que buscan "darlle solucións políticas a problemas políticos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2023 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lembrou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que o seu voto "non é un cheque en branco" e reiterou o seu "non" á investidura do presidente do PP e candidato á presidencia do Goberno, Alberto Núñez Feijóo. Así o fixo tras unha reunión da executiva nacional e cargos institucionais que convocaron para analizar a situación política nun contexto marcado pola formación do Goberno do Estado.

Desta forma, Pontón reiterou que a formación nacionalista "en ningún caso" vai apoiar "un goberno de retroceso" de Feijóo e incidiu en que se Sánchez quere o voto do BNG "ten que gañalo cumprindo con Galicia". No novo contexto político "hai moito en xogo" con debates como o financiamento autonómico ou o modelo territorial dos que Galicia "está desaparecida".

"Rueda está de brazos caídos, convertido nun recadeiro do Partido Popular en Madrid, un simple teloneiro dos actos de Feijóo, que sempre pon os intereses do PP por diante dos intereses de Galicia", criticou Pontón. A continuación, sinalou que "o que se vai a ver" no acto convocado polo PP en Madrid "non é máis" que á foto de Colón con Feijóo "de protagonista e Rueda de figurante".

"Todos eles empeñados en negar a realidade plurilingüe, pluricultural e plurinacional do Estado Español", criticou a do BNG á vez que incidiu en que "están empeñados en negar que Galicia existe". Así, sinalouno en referencia á "servidume" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, do presidente do PP e candidato á Presidencia, Alberto Núñez Feijóo. Desta forma incidiu en que esa "servidume é tal" que votou en contra do uso do galego no Congreso. Ante isto remarcou que Galicia merece "moito máis" que un "presidente de reposto" que actúa "como un peón da estratexia de crispación que dita Feijóo".

CONCENTRACIÓN EN MADRID E AMNISTÍA

Por outra banda, Pontón, nunha entrevista en Radio Nacional, remarcou que é a primeira vez que se vaia a un debate de investidura precedido dunha manifestación en contra de "un goberno que aínda non existe". "Penso que isto é absolutamente inédito e o que nos demostra é que o PP é o primeiro que sabe que esa investidura está condenada ao fracaso porque non ten unha maioría parlamentaria que avale ese goberno", remarcou.

Con todo, en referencia ao proceso de amnistía a nacionalista puntualizou que "son procesos legais" que forman parte da historia de todos os países democráticos e o que buscan "darlle solucións políticas a problemas políticos". Ante isto, lembrou que "non é a primeira vez" que se utiliza unha figura de amnistía e é que o PPdeG "puxo en marcha unha amnistía fiscal" coa que buscaba, en palabras de Pontón, "que grandes defraudadores non tivesen que pagar os seus impostos mentres recortaban en sanidade e en educación".

"Foi o propio Tribunal Constitucional quen lles dixo que esa amnistía era inconstitucional e ilegal. A min esa amnistía, desde logo, non me pareceu ben", remarcou. Con todo, resolveu o tema crendo que a "mellor achega" que pode facer a boa política é "buscar vías que leven a canles políticas os problemas que teñen unha orixe política".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta