Os habitantes das illas da Polinesia teñen sangue galego correndo polas súas veas

A carabela 'San Lesmes' partiu da Coruña no ano 1525 como parte da expedición Loaisa Elcano. Naufragou nas illas do Pacífico sur e alí fundou a súa propia comunidade, onde indíxenas e galegos deron lugar a numerosos descendentes que a día de hoxe poboan toda a zona.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 08/10/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Cando se di que debe haber un galego na Lúa, non se anda moi desencamiñado. Os galegos, grazas sobre todo á súa destreza como navegantes, chegaron a moitos puntos do planeta no pasado, algúns que se saben e outros moitos que están por coñecerse. A Polinesia foi un deses lugares nos que un grupo de galegos fundou a súa propia comunidade, transmitindo aos indíxenas costumes da nosa terra: a construción de hórreos e cruceiros, a celebración de grandes festas ou a propia linguaxe. Así, hoxe en día, nas illas do Pacífico sur hai milleiros de descendentes con trazos físicos europeos.

Carabela 'San Lesmes'
Carabela 'San Lesmes' | Fonte: CSIC

En concreto, o barco que logrou tal fito, aínda que de rebote, foi a carabela 'San Lesmes'. Este foi un dos barcos da segunda circunnavegación á Terra, e zarpou da Coruña en 1525, como parte da expedición Loaisa Elcano, formada en total por sete barcos. Tal e como nos conta Luis Gorrochategui, investigador independente, historiador e autor do libro 'La carabela San Lesmes: el viaje más épico de la Historia', deses sete barcos só un chegou ás illas Molucas (Indonesia), onde se mantería durante anos unha guerra cos portugueses pola disputa do territorio.

Sen embargo, como apunta este experto, o máis interesante da expedición non é iso, senón que unha das carabelas, a 'San Lesmes', con "máis da metade da tripulación composta por galegos", pérdese na metade do Pacífico Sur e non se volve a saber máis dela. Pero "cando 250 anos despois chegan outros exploradores á zona, como franceses e ingleses, descobren que os indíxenas de toda esa zona do Pacífico sur, da Polinesia, semellan europeos, con costumes europeas, roupa europea, ferramentas sospeitosamente parecidas ás europeas e con aspecto europeo, sendo algúns rubios de ollos azuis", apunta, fascinado polo tema, Gorrochategui.

Así comezan a xestarse esas teorías que séculos despois se confirmarían. "Barcos ingleses como o de John Byron ou como a expedición Wallis, ou a expedición Bouganville (da cal provén a palabra buganvilla, porque nela ía un botánico que colleu no Brasil esa planta e dedicoulla ao capitán da expedición), coinciden en afirmar que noutros tempos aí tivo que naufragar un barco español, pois era a única posibilidade", indica o historiador. Anos despois, novas expedicións como a de Cook, veñen a coincidir no mesmo. "Todo o mundo di o mesmo", afirma o investigador.

Deste xeito, pódese reconstruír o que sucedeu. "Esa carabela, a 'San Lesmes', naugrafou e encallou no Pacífico sur, nesas illas paradisiacas, ao nivel do mar, con praias quilométricas cheas de cocoteiros e con lagoas de auga temperada no medio, un paraíso terrenal", explica Gorrochategui, que imaxina a situación como: "Ves nunha carabela morrendo de fame, de escorbuto, totalmente recluído e, de súpeto, encallas nunha desas praias, onde che reciben mulleres case núas, vestidas cun papel de estraza moi finiño, fascinadas pola pel branca...".

Así, empezaron a crearse relacións entre indíxenas e tripulantes e a nacer fillos, que tuveron netos que, á súa vez, xuntáronse entre si, de xeito que algúns saíron polinesios, outros mestizos e outros europeos. "Enchemos de españois e de galegos todo o Pacífico sur, dende a illa de Pascua ata Nova Zelanda, polo que podemos concluír que iso de que hai un galego na Lúa debe ser certo, porque, alo menos, hai un galego en cada illa da Polinesia", bromea o historiador. A día de hoxe, os indicios son claros: nas illas hai cruces coma os nosos cruceiros, hórreos, fanse rituais relixiosos que recordan ao cristianismo, obras de teatro, festas ao máis puro estilo Galicia con grandes comilonas... E mesmo hai mahorís rubios con ollos azuis!

Claramente, os ingleses nada queren saber do tema, pois non lles convén dicir que houbo españois que chegaron antes a esas illas, pero tal e como reivindica Gorrochategui, "é innegable e non se pode ocultar por máis tempo que alí houbo unha presenza española moi temperá e que houbo galegos que se quedaron a vivir nas illas felizmente". De feito, os xefes das tribos tiñan aspecto europeo. Como apunta o historiador, España funda en Tahití o primeiro asentamento europeo en 1775 e o xefe da illa, Vehiatua, era rubio. "Estabamos os españois facéndonos amigos do xefe de Tahití e no fondo este tiña sangre galega ou española", conclúe.

DESCUBRIMENTO DO MAL CHAMADO PASO DE DRAKE

Chegados a este punto, un párase a pensar como debía ser aquela carabela para ter chegado tan lonxe. Gorrochategui explica que a 'San Lesmes' "era un barco moi pequeniño, de 20 metros de eslora, moi de estilo mariñeiro, semellante aos que levou Cristóbal Colón, e que podía meterse por calquera sitio, case navegando contra o vento porque os barcos grandes resultaban arrastrados contra as rocas". As carabelas eran moi manexables, perfectas para a exploración, e por iso esta "consegue sortear as adversidades e mesmo descobre a punta sur do cono sur". 

Este descubrimento, ao igual que o da Polinesia, ten unha importancia enorme, pois "era a primeira vez que un barco chegaba aos 55 graos de latitude sur", evidencia o investigador. Este feito, ademais, "vaise a recoller nas cartas dos patróns reais da época e, medio século despois, o pirata inglés Francis Drake vai dicir que o descubrimento fíxoo el, chamándolle a ese paso pasaxe de Drake, recollido como tal hoxe por hoxe nos mapas, cando en verdade Drake nin sequera pasou por aí". Indignado co tema, como tantos outros historiadores, Gorrochategui demanda que esa pasaxe "debería chamarse paso de Hoces, ou mellor, mar de Hoces, porque o capitán da carabela 'San Lesmes' era Francisco de Hoces". 

OS TAHITIANOS SEMPRE QUIXERON SER PARTE DE ESPAÑA

Por outra lado, cabe sinalar que xa na Polinesia, os tahitianos sempre quixeron formar parte de España, como nos conta o historiador. De feito, regaláronnos o umete, un recipiente ritual xigante único no planeta feito en pedra negra, que se garda en Madrid. "Querían formar parte de España porque xa viran como as gastaban os ingleses, que mataran a moitos indíxenas á súa chegada", conta. E todo iso, "sen saber que eles verdadeiramente xa tiñan sangre española, así que no fondo querían volver ás súas orixes". "É unha historia moi romántica e fermosa, pero absolutamente científica e baseada en probas e indicios moi evidentes", conclúe Gorrochategui.

O investigador aposta porque este descubrimento non caia no esquecemento e se loite por comprobar máis a fondo esa sangue española que corre polas veas dos tahitianos. Unha investigación xenética podería axudar a esclarecer aínda máis o asunto e poñer sobre a mesa a verdeira orixe deses pobos da Polinesia. Do mesmo xeito, e sobre o descubrimento do paso de Drake, a Sociedade Xeográfica Española xa está loitando para recuperar o nome de paso de Hoces ou mar de Hoces.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Se Moncho

Rubios [avermelhados] ou loiros ?