Por Galicia Confidencial | Madrid | 27/09/2023 | Actualizada ás 13:35
Alberto Núñez Feijóo perde a primeira votación da sesión investidura. En total, 172 deputados votaron a favor do candidato do PP fronte os 178 en contra dun total de 350 de votos emitidos. Despois disto, a presidenta do Congreso, Francina Armengol, seguindo o establecido na Constitución, haberá unha segunda votación corenta e oito horas despois desta primeira.
Por tanto, o venres 29 de setembro ás 12:15 reunirase de novo o Congreso dos Deputados e, "aconteza o que aconteza", a nova votación non se celebrará antes das 13:22 horas. Nesta ocasión abondaría unha maioría simple para que Feijóo puidese acceder á presidencia do Goberno central. O candidato 'popular' reuniu os 137 votos do seu partido, os 33 de Vox, un de Coalición Canaria e un de UPN.
BESTEIRO ANTICIPA UN ADIANTO ELECTORAL EN GALICIA
O deputado do Partido Socialista por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anticipou un adianto electoral en Galicia tras o "fracaso" do líder do PP na sesión de investidura. "Tras o fracaso de Núñez Feijóo, o pánico vaise a apoderar do PP en Galicia, eu estou completamente convencido. E iso lévanos previsiblemente a un adianto electoral, o que será entendido pola cidadanía galega como unha mostra de debilidade", manifestou.
O que fóra secretario xeral do PSdeG entre 2013 e 2016 sostivo tamén que "as figuras de Feijóo e Rueda están indisolublemente unidas" e que, por tanto, nese sentido, "o fracaso de Feijóo é tamén o fracaso dun proxecto político que en Galicia dura máis de 14 anos". "Estamos ante un fin de ciclo, pero ademais creo que Galicia merece moito máis", afirmou.
FORMOSO ASEGURA QUE HOXE É "UN BO DÍA" PARA GALICIA
Nesta liña, en declaracións aos medios durante a súa participación na romaría de Santa Minia de Brión, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, tamén asegurou que o "fracaso" de Feijóo é un "fracaso de Alfonso Rueda" e dun Partido Popular que "ten lastrada a Galicia". Ademais, sostivo que o deste mércores é "un bo día" para Galicia e para os galegos que "pensan no futuro" e "buscan unha alternativa máis construtiva".
Así, celebrou que non chegue á Presidencia do Goberno quen "avalou e quen propiciou que se conxelasen as pensións". "É un bo día para os traballadores e traballadoras de Galicia cando non é investido presidente unha persoa que apoiou a reforma laboral que lastrou os seus dereitos durante moito tempo", afirmou.
Ademais, preguntado polas críticas do PP ao feito de que o líder do PSOE, Pedro Sánchez, non fóra o encargado de dar réplica a Feijóo por parte dos socialistas, Formoso sinalou que "o imperante" é o "fracaso" dunha investidura que "é un engano ao propio Rei e á sociedade española". "É o fracaso dunha persoa que enganou á sociedade e estivo a dar tumbos sabendo que España necesitaba un goberno", indicou.
RUEDA ASEGURA QUE NON ADIANTARÁ ELECCIÓNS
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que "para nada" se expón agora adiantar eleccións en Galicia nestes momentos, despois de que o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, ironizase con esa posibilidade durante a segunda xornada do debate de investidura como presidente do Goberno no Congreso dos Deputados.
En concreto, durante a súa resposta ao deputado do BNG, Néstor Rego, Feijóo chanceou este mércores con que o PSdeG-PSOE non ten aínda --formalmente-- un candidato en Galicia. "Espero que ao presidente da Xunta (Alfonso Rueda) non se lle ocorra convocar, porque miúda lea van ter vostedes", espetou.
O presidente do PP continuou coa ironía para sinalar que o Partido Socialista galego ten "overbooking" en Madrid, "pero non teñen candidato" en Galicia. Nese momento, mirou cara ao deputado do PSOE por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro --que é a principal persoa á que apuntan voces do partido para as próximas autonómicas--, a quen viu "sorrir" desde o escano e díxolle: "Hai máis, non está vostede só".
Pouco despois, os medios de comunicación preguntaron ao presidente galego, Alfonso Rueda, tras un acto en Santiago de Compostela, sobre se se expón adiantar as eleccións tras a intervención de Feijóo no Cognreso. "Non, para nada", respondeu. O titular da Xunta recoñeceu que esta é unha "pregunta recorrente", pero que a súa resposta "non vai variar", porque "a menos de dúas semanas" o Parlamento galego celebrará o Debate sobre o Estado da Autonomía e o seu Goberno está "en plena elaboración" dos orzamentos de 2024. Tamén se referiu a Galicia como "unha illa de estabilidade".
Ademais, Rueda chanceou con que, para falar de enquisas, habería que "saber quen ten o Partido Socialista de candidato", porque agora "ninguén o sabe". É máis, criticou que a oposición leve falando "meses e meses" dun posible adianto, pero que Besteiro "non é capaz de dicir, nin sequera, se vai ser candidato do seu partido". O mandatario galego insistiu en que o que lle "ocupa agora mesmo moitísimo" son os pactos "que evidentemente se están facendo" entre o secretario xeral do PSOE e presidente en funcións, Pedro Sánchez, e "os partidos independentistas e nacionalistas".
"Ninguén dixo que non é certo", aseverou Rueda, advertindo de como os acordos con ERC e Junts suporían que 450.000 millóns, "case medio billón de euros", vaian parar a unha comunidade "á conta de quitarllo a outros". Esta cifra é a que o partido de Carles Puigdemont estima como "débeda histórica" do Estado con Cataluña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.