XII edición das Xornadas de Carne de Boi de Allariz

A hostalería local ofertará ata o 12 de outubro tapas e menús cuxo ingrediente principal é a carne de boi. Dezasete tapas competirán por ser a elixida entre os comensais como a “Mellor Tapa” e mantense o premio para participantes alaricanos, "Papando no Boi".

Por Galicia Confidencial | Allariz | 03/10/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Pinchos elaborados de diferentes e saborosos estilos, menús e pratos para todos os petos e a carne de boi como protagonista. Esta é a proposta que atopará a veciñanza de Allariz e todas aquelas persoas que se acheguen á vila nas XII Xornadas de Carne de Boi.

Presentación das XII Xornadas de Carne de Boi
Presentación das XII Xornadas de Carne de Boi | Fonte: Hostaleiros, distribuidores e representantes municipais. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

17 tapas competirán por ser a elixida entre os comensais como a “Mellor Tapa” deste ano na votación popular das persoas que as consuman. Haberá tapas tradicionais, outras que repiten respecto a edicións anteriores, pero tamén tapas novas, sendo o prezo das creacións gastronómicas de 3€. Na modalidade de menús haberá propostas para todos os petos.

Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz, referiuse na presentación das xornadas á importancia que ten o proxecto de Carne de Boi para o Concello de Allariz e para a economía local. Neste senso puxo en valor o aproveitamento dos recursos que hai no territorio, e como ese aproveitamento axuda a dinamizar o comercio e a hostalería.

PARTICIPACIÓN E SORTEOS

Para premiar a fidelidade de todas as veciñas e veciños que participan cada ano nestas xornadas, mantense o concurso “Papando no Boi". A primeira persoa, que con tarxeta cidadá, consuma as 17 tapas a concurso de 2023, recibirá como premio directo 100€ para gastar no comercio local.

Ademais haberá sorteo de vales con premios por consumir as tapas. O primeiro será dun vale de 250€ para gastar no comercio e na hostalería local para todas aquelas persoas que completen toda a cartilla de tapas. Tamén se sortearán  3 vales de 60 € para aquelas cartillas que degusten como mínimo 5 tapas.

O sorteo realizarase o sábado 21 de outubro no Mercado da Reserva da Biosfera ás 12:00 h, día no que se darán a coñecer os gañadores ou gañadoras dos premios así como a tapa máis votada nesta edición. As bases do concurso de tapas está na web do concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta