Cara a unha psiquiatría máis personalizada: a xenética pode desvelar o risco a sufrir patoloxías mentais e adiccións

Un equipo do IDIS lidera unha investigación para que, no medio prazo, a sanidade poida optimizar recursos desde a xenética de cada paciente

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/01/2024 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

Pódese predicir a predisposición dunha persoa a padecer unha esquizofrenia a partir da súa xenética? E unha drogodependencia? Como axudaría isto á medicina? Estas son algunhas das principais liñas dun proxecto que leva un grupo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), liderado polo xenetista Javier Costas.

O composto por outras seis persoas pertencentes a diferentes disciplinas --desde biólogos ata psiquiatras--, centra os seus estudos en buscar susceptibilidades xenéticas dos pacientes a padecer un trastorno mental ou adictivo, que dependen de factores tanto biolóxicos como psicosociais.

"Ningún dos xenes, por si mesmos, son determinantes" para padecer un trastorno, senón que "pode haber varios miles" no xenoma e "cada un incrementa moi pouco o risco", explica Javier Costas a Europa Press. Por tanto, hai que observar todo no seu conxunto para poder determinar a tendencia a padecer enfermidades mentais e adiccións, un fito para que o medicina avance cara á personalización e, por tanto, a precisión.

Un proxecto que vai arrincar neste mes de xaneiro a nivel estatal, liderado por Costas desde o IDIS, analizará as variantes xenéticas de miles de pacientes para saber "como se poden analizar conxuntamente para estimar o risco individual" de cada persoa.

A idea, nun futuro non moi afastado, sería que a sanidade conte co perfil xenético de cada usuario, o que permitá optimizar tempo e recursos. Aínda que "de momento faltan estudos que mostren o custo-efectividade destes traballos" como para que os sistemas públicos aposten por incorporalos.

"MÚLTIPLES APLICACIÓNS"

Estas liñas de investigación terán múltiples aplicacións en prevención, diagnóstico e tratamento. En prevención, saber o risco xenético dun individuo a padecer esquizofrenia pode centrar esforzos en evitar que esa persoa concreta desenvólvaa.

"As estratexias de prevención universal diríxense a toda a poboación. Simplemente dicindo 'non fumes cannabis, que causas psicose', non son efectivas, porque todo o mundo coñece a moita xente que fuma cannabis. A idea sería unha prevención dirixida a un grupo de risco xenético elevado", detalla Costas. Isto implicaría un gran avance para a psiquiatría, unha disciplina na que, neste sentido, "non se está facendo nada" en comparación a outras.

Ademais, a xenética aplicaríase á hora de decidir o mellor tratamento. "Agora todo é ensaio-erro, é dicir, o psiquiatra proba cun antipsicótico, non funciona, proba entón con outro, etcétera", di Costas. Mentres o paciente pasa por eses fármacos, o trastorno agrávase, o cal "implica que vai ter peor resposta a un tratamento a longo prazo, ou sexa, que a patoloxía vai ser máis crónica".

EVOLUCIÓN E COMORBILIDADE

En canto ao seguimento, axudaría a saber se unha persoa cun primeiro episodio psicótico ou depresivo necesita unha maior observación da súa evolución polo seu risco a unha recaída: "Os individuos con máis probabilidades de que vaian desenvolver outro episodio en breve serían citados con máis frecuencia".

METODOLOXÍA

Toma de mostras biolóxicas cunha pipeta no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).
Toma de mostras biolóxicas cunha pipeta no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). | Fonte: Europa Press

O que fai o grupo do IDIS é analizar centos de miles de variantes ao longo do xenoma para detectar cales aparecen con maior frecuencia naqueles individuos que teñen unha patoloxía. "Todos temos variantes de predisposición a un trastorno mental, o que pasa é que algúns individuos teñen moitas máis e outros, moitas menos", explica Costas.

Á parte destas variantes comúns hai outras "raras" ou "exclusvas" que xorden pola mutación dunha persoa concreta ou a súa liñaxe. Actualmente, "a nivel práctico é moi complicado" identificar as específicas e sería "unha opción a futuro". De momento, a maior utilidade clínica téñena as variantes comúns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta