Que pena de país!

O panonio Martiño de Dumio xa denunciara no século VI a litolatría endémica dos galegos, uns seres que adoitaban adorar a natureza enteira, pedras incluídas. Os e as habitantes dos castros eran mestres na xestión do xabre para faceren pavimentos, eran consumados canteiros para ergueren cabanas e muradellas e xunguían o seu espazo doméstico aos rochedos. Velaí están os seixos remarcando os currunchos no castro de Viladonga ou os penedos que foron respectados para vertebrar o caserío do interior do castro de Baroña. Toda unha simboloxía que impedía incluso extraer pedra de montes sacros da Gallaecia.

Por Xurxo Ayán | Gasteiz | 24/08/2015

Comparte esta noticia
Como ben sabían Cuevillas, Bouza Brey e Castelao, a peculiar cristianización que se deu por estes lares deu lugar a esa estampa tan recorrida pola promoción turística tardofranquista: o cruceiro enxebre coroando un con mareiro, un petroglifo ou unha arca dos mouros. Malia o desenvolvemento da Arqueoloxía científica ao longo do século XX en Galicia, os tópicos chantados pola “historiografía” romántica e rexionalista decimonónicas seguen vixentes. Dende os monumentos megalíticos célticos dos que falaba Saralegui y Medina (1867) até as antigüidades célticas de Villa-amil y Castro (1873), por esas páxinas escoan supostos altares, cromlechs e penas abaladoiras como escenarios de antergas práticas druídicas. Esta versión da cultura letrada combinaba perfeitamente coa cultura popular: nuns casos maxinábase o Panorámix de turno e noutros a Virxe da Barca ou calquer santiño ou santiña benqueridos polos galegos (Santa Mariña por exemplo). Ás veces tamén se lle bota unha mao á erosión mariña, como na afamada Cama da Santa ao sopé do santuario d’A Lanzada. Seica a dinamita axudou a facer o niño máis agarimado para facer nenos despois das nove ondas. O antropólogo Buenaventura Aparicio sabe algo desta pena lanzadeira, que non abaladoira, porque abalar, abalan outras cousas, e non os Bancos precisamente.
 
O antedito Saralegui y Medina, liberal progresista, sinalaba deste xeito o esencial carácter conservador do noso pobo:
“Nosotros no podemos desconocer que hay en el pueblo gallego cierta predilección por todo lo antiguo que es una rémora para sus adelantos, y para su desenvolvimiento social […] Y siendo el sentimiento, como dice H. Ahrens, el elemento conservador de la vida humana, se concibe muy bien que un pueblo en el que esta facultad ejerce el predominio que en el gallego, repugne abandonar antiguos usos, y tienda á estancarse en la tradición, oponiendo una grandísima fuerza de inercia á la poderosa palanca del progreso”.
 
De tradicións e de palancas vai precisamente o “affaire” Pedra de Abalar. Eu creo que debía explicarse este exemplo litolóxico ou litolátrico en toda embaixada cultural galega polo mundo adiante para que a xente do Mar de Fóra saiba como funcionan os miolos dos habitantes da fin do mundo. Mentres o país arde polos catro costados, mentres o patrimonio arqueolóxico esmorece a cada paso, mentres desaparecen as vacas e os labregos da paisaxe galega… o país remanece con corazón nun puño para ver se unha pedra que abalaba… volver abalar. 
Que pena de país!
 
Dicía Marx que a historia ás veces se repite como farsa. Se a Arqueoloxía druídica se preocupou xa no seu día polas penas abaladoiras é de recibo que a Arqueoloxía retorne para tentar poñer as pedras no seu sitio. Os colegas da empresa de Arqueoloxía Terra Arqueos S.L. fixeron o que puideron. Se Miguel, o arqueólogo e restaurador, foi quen de meterlle mao aos colosos exipcios de Memnon, que vai ser esa pena galega de nada?… En vez de Galicia Calidade, xa podemos falar da Galicia Colosal.
 
O problema é ese, que a pena é galega, xa que logo, prosmeira, rebeza e afouta, e ademáis é adorada por galegos. Así que, trala marcha dos arqueólogos, comezou a procesión de xentes con criterio pola Pena de Abalar. Velaí vimos ao Conselleiro de turno inspeccionando as fendas da Pena de Abalar. Ao máis puro estilo do programa “El pueblo más divertido de España”, o Concello de Mucsía (TVE dixit) organiza unha proba para ver se a pena abala ou non: como se fosen membros dunha confraría velaí estaban homes trabados, escarranchados, degoldrados sobre a pena, policías, rapaces de protección civil, veciños, turistas e até o mesmo alcalde. 
Abalarei o meu Señor!
 
Asegún esta recua de “especialistas” o problema seica é de rotación. Eu creo que Galicia é como esta pedra de abalar que non abala. A xestión neoliberal do país vén de afuracar nos seus alicerces. O señor dos Peares (ese coloso) está decidido a purrar un último toque de palanca (“o abuelo” a chaman por terras de Cuntis) para que a pedra vaia ao carallo. O problema é que xa non vai quedar ningún Sísifo para voltar poñela no seu sitio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA