18F.- Feijóo nota "un cheiro a maioría absoluta total" e insiste en que non votar ao PP ou absterse favorece ao BNG

Rueda fai un chamamento "a todos eses socialistas que non queren que Galicia poida caer en mans dun goberno con vínculos co independentismo doutras comunidades autónomas e con postulados como os que coñecemos, independencia, imposición lingüística, desaparición das forzas do corpo de seguridade, todo iso pode instalarse aquí".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 16/02/2024 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

O líder nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, dixo este venres, último día de campaña das galegas, que nota "un cheiro a maioría absoluta total" en Galicia, á vez que insistiu na mensaxe de que votar a calquera outro partido ou absterse sirve "para que goberne o BNG" de Ana Pontón. Nun acto en Cee no que non mencionou apenas asuntos da política estatal, como os indultos e a amnistía aos líderes do 'procés' catalán, Feijóo chamou á mobilización pero xa proclamou que o PPdeG está "a tocar" os 38 escanos no Parlamento autonómico.

"Estamos a tocar a maioría absoluta e imos tocar a maioría absoluta por Galicia!", reivindicou, no que foi o seu penúltimo mitin antes de participar noutro co candidato á reelección como presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na tarde deste venres na Coruña. Feijóo asegurou que son "máis" os galegos que queren que "Galicia funcione" e non que "se averíe". "Somos moito máis os que queremos unha xestión responsable do noso traballo nos impostos que pagamos e que nos descontan da nómina", engadiu. O que foi presidente da Xunta durante 13 anos apelou a "todos aqueles que queiran unha Galicia española" e "europea", fronte aos que a queren "pechada, ensimesmada, tensionada".

Rajoy este venres en Tui
Rajoy este venres en Tui | Fonte: PEDRO DAVILA

RUEDA SACA PEITO DA CAMPAÑA CON 10.000 QUILÓMETROS PERCORRIDOS

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alfonso Rueda, reivindicou este venres que a súa formación fixo unha "moi boa campaña". "Cumprimos exactamente o que queriamos facer e agora teñen que ser os galegos e as galegas as que decidan o 18", proclamou o líder popular, quen pecha a campaña tras protagonizar uns 60 actos e con 10.000 quilómetros percorridos.

Rueda mantivo este venres un encontro con interventores e membros do equipo de campaña dos populares en Pontevedra porque, segundo explicou, quería empezar este último día de campaña na súa cidade, ao tratarse dunha xornada na que "sempre fan falta forzas". Aos interventores e apoderados do PP agradeceulles o traballo realizado durante toda a campaña e o esforzo que farán este domingo para "cubrir practicamente todas as mesas en todos os colexios electorais de Galicia".

Alfonso Rueda cre que o Partido Popular chega a esa xornada electoral "cun traballo moi ben feito" no que, durante estes 15 días, "peiteouse todo ou practicamente todo o territorio". Desta campaña, o candidato do PP valorou con moita satisfacción os encontros coa cidadanía en xantares, mitins, paseos ou visitas nas que puido explicar o seu programa. "Creo que para iso son as campañas, para iso son as eleccións, sen necesidade de descualificar a ninguén, sen necesidade de insultos persoais ou referencias continuas a persoas como eu recibín nesta campaña", resaltou.

"MAGNÍFICO RESULTADO"

"Quedo moi satisfeito coas sensacións", destacou Rueda, quen recalcou o seu "convencemento" de que os populares terán "un magnífico resultado o día 18" e que a cidadanía apoiará "esa Galicia que funciona" fronte a "a posibilidade dun multipartito de esquerdas con moitísimas incógnitas" e con "formulacións que se tentaron ocultar na campaña electoral" como son, segundo dixo, "desde o radicalismo da opción nacionalista ata o entreguismo, a resignación do Partido Socialista".

Neste sentido, reiterou o seu chamamento "a todos eses socialistas que non queren que Galicia poida caer en mans dun goberno con vínculos co independentismo doutras comunidades autónomas e con postulados como os que coñecemos, independencia, imposición lingüística, desaparición das forzas do corpo de seguridade, todo iso pode instalarse aquí".

Preguntado polos xornalistas sobre as enquisas electorais, Alfonso Rueda dixo que se se "quixese agarrar a algunhas delas, estaría absolutamente optimista e absolutamente tranquilo", pero prefire quedar coas "sensacións" da campaña da que "hai cousas que sabes ler ou sabes intuír" e aínda que "nunca tes o 100 % de convencemento" atópase "optimista, tranquilo dentro do que se pode estar".

RECALA EN TODAS AS PROVINCIAS NO PECHE

"Aínda temos unhas horas para tentar chegar a todas esas persoas indecisas que agora mesmo están a pensar que facer", esgrimiu o xefe de filas dos populares, quen, ademais de Pontevedra, pasou por Lugo antes do mitin central de fin de campaña, onde estará acompañado polo líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, na Coruña.

Ás 22.30 horas, en Ourense, Rueda participa nun mitin-festa de fin de campaña na cancha central do Pavillón dos Remedios. Esta campaña, que os populares situaron como "transcendental" en clave estatal, contou cunha forte implicación de Feijóo, quen estivo en Galicia en 13 dos 15 días da mesma. Tamén o expresidente Mariano Rajoy participou con intensidade e axenda propia no marco dunha campaña cncebida en clave de peitear a maior porcentaxe de territorio.

RAJOY ALERTA DE QUE UN GOBERNO "FRANKENSTEIN" SERÍA "INESTABLE"

Pola súa banda, o expresidente do Goberno Mariano Rajoy alertou de que un goberno "Frankenstein" de esquerdas en Galicia sería "inestable e conflitivo", aínda que subliñou que é algo que "non vai ocorrer" xa que o PP conseguirá maioría absoluta. Así o dixo durante a súa intervención nun xantar-coloquio levado a cabo este venres en Tui, ao que acudiron preto de 300 simpatizantes da zona do Baixo Miño. Ao mitin asistiron tamén a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente do PP de Pontevedra, Luís López, entre outros.

Alí, Rajoy criticou ao PSOE, que "perdeu o xuízo" e "non só á hora de gobernar". "A quen se lle ocorre gastar todos os esforzos esta campaña en facer presidenta da Xunta a Ana Pontón?", lamentou. Precisamente tamén cargou contra o BNG que, ao seu xuízo, parece que se presenta ás eleccións "coma se fosen a quinta esencia da moderación", parecendo "Teresa de Calcuta".

El lembrou que o Bloque foi ás eleccións europeas xunto a Bildu, "o brazo político de ETA", así como con ERC. Rajoy insistiu na importancia de que o PP consiga maioría absoluta, lembrando que Manuel Fraga Iribarne quedou con 37 deputados e non puido gobernar. Por iso, subliñou a importancia de ir votar e de animar a familiares e amigos a facelo.

"TRIUNFO HISTÓRICO"

O encargado de abrir o acto foi o deputado galego Moisés Rodríguez Pérez, quen asegurou que "faltan horas" para a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda, cun "triunfo histórico" do PP para "seguir liderando Galicia". "Non valen medias tintas. É todo ou nada. Son todos contra nós. Xogámonos moito. Pero non estamos sós. Somos moitísimos e ímolo a conseguir", reivindicou. "Xogámonos o futuro de Galicia", engadiu, indicando que hai varias opcións, a primeira é que goberne o PP ou o "caos máis absoluto", con "tres ou catro partidos".

Despois colleu a palabra o presidente do PP de Pontevedra e presidente da Deputación, Luís López, quen agradeceu ao partido o seu apoio e reivindicou que cos 'populares' "Galicia funciona". Tamén puxo en valor a figura de Mariano Rajoy e o seu apoio na campaña. "Se queremos unha Galicia afastada do barullo, vota. Que ningún voto centrado, con 'sentidiño', amigo da estabilidade quede en casa o domingo", solicitou.

Paula Prado reivindicou a Rajoy como "o mellor presidente de España" e asegurou que ao PP "non se lle pode dar leccións de feminismo", ao ser o partido con máis mulleres alcaldesas en Galicia, con case 30 rexedoras. "As mulleres valentes, que valen, pómolas á fronte dos concellos e os veciños van votalas cada catro anos", indicou, saudando a, entre outras, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, e Cristina Correa, rexedora de Oia, que se atopaban entre o público.

Prado criticou a presenza de tantos ministros do PSOE en Galicia na campaña electoral, "algúns deles que nin se coñecen", lamentando que, por exemplo, Fernando Grande-Marlaska siga no seu cargo, a pesar do ocorrido en Barbate. "Dependemos única e exclusivamente dos nosos votos. Non nos importa como se repartan os votos no bloque da esquerda", indicou, pedindo o voto para PP nas eleccións do 18 de febreiro. "Só dependemos de nós", sentenciou.

Alfonso Rueda participa nun acto político en Pontevedra
Alfonso Rueda participa nun acto político en Pontevedra | Fonte: PPDEG

O presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, intervén durante un mitin electoral do PPdeG, no Hotel NH Collection Santiago de Compostela, a 15 de febreiro de 2024, en Santiago de Compostela
O presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, intervén durante un mitin electoral do PPdeG, no Hotel NH Collection Santiago de Compostela, a 15 de febreiro de 2024, en Santiago de Compostela | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta